NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (6)

Posted by franciscocastro - 09/01/11 at 05:01 p.m.

Hai moitos anos, cando tiña vinte e poucos, usaba un fermoso reloxo que imitaba á madeira que levaba sempre pendurado do peto dereito do meu pantalón ou por dentro dun chaleque. Parecía un señor maior. Barbudo e serio coma un segundo tráxico.

Aos trinta  e pico perdín o reloxo aquel e, en troques de mercar outro, decidín que viviría sen el. Se tiña que saber que hora era, faríao consultando o móbil. Por aquel tempo tiñao case que sempre apagado. Curiosamente, non chegaba tarde a ningures e comecei a vivir un chisco mellor. Máis acougado e dono de min sen ver a hora que era cada medio minuto. Os meus amigos e, sobre todo as amigas, comezaron a dicirme que estaba, coma os bos viños, mellorando co tempo. Quitei a barba. Comecei a perder quilos e a escribir libros.

O pasado 1 de xaneiro decidín, por iso do cambio do ano, desactivar a función de reloxo do meu móbil. Marca sempre cero horas, cero minutos e cero segundos, como se todo estivese por comezar.

Hoxe chamáronme da Oficina de Obxectos Perdidos para dicirme que aparecera o reloxo aquel dos meus vinte e tantos. Deixáronme recado no contestador.

Mentres o escoitaba e decidía que non ía volverlles a chamada, fitábame no espello coa miña cazadora negra nova cinguida ao tempo que pensaba que si, que estou realmente arrebatador.

Os comentarios están pechados.