O MEU RECORDO DE BOBBY FARRELL: ALMUDENA

Posted by franciscocastro - 05/01/11 at 03:01 p.m.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/fGyfxOCYvtM" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Non dixera nada do pasamento de Bobby Farrell, o cantante de Boney M, que sentín moito. Pero xa é tempo porque, como me acontece con toda a música, teño lembranzas moi vivas e moi lindas asociadas a algunhas das súas cancións.

Sobre todo, unha lembranza que se chama Almudena.

Cando eu era neno comezaba o estrelato de Boney M. O tema que aquí vos deixo é de 1978. Daquela, teño 11 anos e estou espertando a moitas cousas.
O recordo que teño desta canción é de tela oído un sábado polo serán, probablemente naquel mítico Aplauso que nos puña a música máis novidosa do momento e que eu, xa secuestrado pola música para sempre, xamais perdía. Lembro que despois marchei xogar, a unha rúa sen saída que había detrás da miña casa. Estamos no Teis máis rural, aínda non tan urbanizado como hoxe está.
E era verán.

E aquel verán viñeran pasar uns días a casa de Suso, un dos pícaros do barrio, tres primas de Madrid. Serían máis ou menos do meu tempo. Unhas cursis cativas que falaban cun acento que nos parecía engaiolante e que, por suposto, non xogaban con nós.
Mais aquela tarde elas estaban alí, cun radiocasete posto. Soaba Boney M. Estaban bailando no patio da porta da casa de Suso. Outros cativos, os habituais do barrio, estabamos tamén alí, atraídos, imaxino, pola novidade das nenas e da música. Aquelas tres bailaban, imitando ás outras tres do grupo famoso do momento. Só faltaba alí Bobby Farrell.

E daquela, non sei de donde, saiu a nai. Unha muller que, daquela, andaría polos trinta anos. Non son capaz de facerme unha representación exacta da súa cara. Pero si lembro un vestido de flores moi curto (igual non era tan curto, pero eu lembro así), uns ombros finísimos ao aire (igual non eran finos, pero así son na miña lembranza) e que se puxo a bailar coas súas tres fillas.
Eu fiquei ou profundamente abriado ou profundamente atónito ou profundamente aparvado.
Probablemente profundamente namorado daquela muller nova que bailaba coas súas fillas, despreocupada, chea de luz, feliz, rindo a esgalla mentres nun inglés parralleiro cantaban a canción famosa.

Penso, morto o pobriño do Bobby, que levo toda a vida procurando aquel riso, aqueles ombreiros ao aire, aquelas pernas a danzar.

Aquela promesa enteira de felicidade.

Os comentarios están pechados.