NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (5)

Posted by franciscocastro - 02/01/11 at 11:01 a.m.

Hoxe, como cada domingo, acodín, porque é o único día nesta illa de Náufrago que abre, á Oficina de Obxectos Perdidos. E en troques de ir a última hora, como sempre facía, aquí me tendes, a primeirísima hora da mañá, preguntando se é que alguén trouxo algún daqueles libros da Sabedoría que consultaba antes, cando era novo, cando había unha arrogancia na opinión e unha seguridade na frase que agora, co paso dos anos, fun perdendo con descaro e, en fin, unha certa felicidade. E sei que outros seres dos que habitan este lugar raro non variaron nunca a súa opinión, e sei que outros humanos levan décadas pensando igual. E gábanse diso. E sacan peito.

Porque iso é O Que Debe Ser.

Eu, que queren que lles diga, a medida que vou dando voltas polo mundo adiante, vendo a estes e a aqueles, e sobre todo, despois de ter parolado tantísimo comigo mesmo, cheguei á conclusión de que non teño case que nada claro, que case que todo é discutible e que non fago máis que relativizalo todo.

Igual é que me falta o libro ese.

Ou igual é que é mellor andar sen libros, exercenzo o inconsciente e infantil exercicio da liberdade de opinión.

Os comentarios están pechados.