Archive for Xaneiro, 2011

DOU GRAZAS

31st Xaneiro 2011 by franciscocastro 4 Comentarios

Así titulei o meu artigo da semana pasada en A Nosa Terra Dixital.

Podes lelo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (8)

30th Xaneiro 2011 by franciscocastro 2 Comentarios

Parece que non.

Pero si.

Parece que como vivimos nesta exposición permanente de blogs, facebooks, twitters, etc., contámolo todo e que todos saben todo de nós.

Pero non é así.

Para nada é así.

Hoxe saín pasear por esta illa de náufrago, matinando nestes asuntos, reflexionando con calma sobre a tendencia de moitos e de moitas a exhibirse por completo, con quen andan, que fan, onde van, que sinten… sobre ese costume algo impúdico de poñer diante dos nosos ollos atónitos a súa vida de maneira tan descarnada.

E pensei ata que punto iso era algo bo.

E pensei que quizais tanto poñelo todo debaixo dos focos era unha maneira de un perderse a si mesmo.

Mais daquela lembrei que eu, coma ti que estás a lerme, coma tantos e coma tantas, sempre agochamos algún segredo que nunca diremos a ninguén. Que todos temos aló no fondo da memoria algunha lembranza que só ten que ver con  nós e con, por exemplo, contigo, ou con nós e, por exemplo, con eles ou elas. E que iso nunca sairá á luz.

Todo isto para explicar que ao chegar ao máis profundo da reflexión atopei aquel recordo fermosísimo dos catorce anos, aquela lembranza que é só miña e que aínda me emociona-

Direivos que esa memoria morrerá comigo.

Téñoa agora diante dos ollos. E sorrío.

De aquí non sae.

Chuzame! A Facebook A Twitter

DA MIÑA BOCA Á TÚA ORELLA: Esta lingua non quere vivir na favela

29th Xaneiro 2011 by franciscocastro Comentarios desactivados

Hai dous anos, en Arántzazu, Euscadi, nun descanso das xornadas daquel Galeúsca inesquencible, nunha das follas da carpeta que nos deron aos participantes, escribín este poema sobre a lingua.

Daquela estaban empezando os galiciabilingües a montar a teoría da imposición. En fin, vós xa sabedes.

Déixovos o audio, aquí.

A imaxe que preside estas liñas, está claro, é de Xaquín Marín.

Chuzame! A Facebook A Twitter

NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (7)

23rd Xaneiro 2011 by franciscocastro 8 Comentarios

Unha das cousas que fago e volvo facer dende que teño recordo, é ler. Todos os días sen excepción. Así que comprenderedes a miña desesperación, que sei que moitos de vós tamén sentides en moitas ocasións, cando pasan os libros e pasan as páxinas e os volumes e non dades atopado un texto arrasador, unha historia que vos atrape e non vos solte, uns versos que vos fagan un furado no medio do cerebro ou do corazón. É un dos males dos que lemos tanto. Que xa hai pouco que nos namore.

E por iso, tamén, cando atopamos un texto que nos sacude, a felicidade é tanta.

Quizais por iso, levaba varios días pensando en J.D. Salinger e o seu O vixía no centeo. Obrigáronmo a ler cando tiña quince anos. Faltaba máis a clase do que acodía. Moita culpa tivo a dificultade para dixerir o primeiro de varios nons amorosos. Pero en canto abrín o libro xa non o soltei e, aquel ano (segundo de BUP), non me perdía nin unha soa clase de literatura porque deste libro se falaba.

Levaba días, xa o dixen, pensando en Salinger e naquelas sensacións lectoras. Por iso hoxe fun dereitiño para a miña biblioteca, a que teño neste mesmo estudio de náufrago dende o que case que a diario vos escribo, para remexer nos libros e atopar exactamente aquel exemplar da miña adolescencia. Preñado de melancolía pola boa literatura, tiña que atopalo para descobrir que foi o que me excitou tanto cando aprendía a ler de verdade. E despois de tirar moitos libros ao chan, de recolocar centos, de cambiar de lugar ducias, apareceu. Velaí está a foto da edición que eu tiven que ler. Leva un número, o 11, porque daquela eran os meus primeiros libros e numerábaos. Leva o meu nome cos dous apelidos nunha letra aínda lexible que agora xa non recoñecería como miña.

É a letra que, cando eu xa non estea, os meus descendentes mirarán con afán curioso ou quizais desleixo…

Co libro á fin nas mans sentei. Rodeado de libros. E non sei por que, descalzo.

Abrino e atopeime de novo con Holden, con aquel rapaz desadaptado de todo con aquela mirada envexable.

E o pracer volveu todo. E entendín de paso, e iso si que non o sabía, todo o que este libro e este estilo marabilloso teñen deixado en min como persoa e como escritor.

Hoxe este náufrago volve ser un lector feliz.

Chuzame! A Facebook A Twitter

NEGRATAS

21st Xaneiro 2011 by franciscocastro 8 Comentarios

Leo nos xornais que nos EUA vén de publicarse unha nova versión do clásico de Mark Twain, Hucklebery Finn, no que a palabra negrata, que de feito sae 214 veces na novela, desaparece do libro en aras da corrección política. Agora aparecerá substituída por escravo.

Xa teño falado algunha vez disto, do boísmo, ou da existencia de tabús na literatura infantil e xuvenil. E penso que é un erro que se comentan eses atropelos contra das versións orixinais das obras.

A literatura, toda,debe tratar de todos os temas. E hai que partir, sempre, da idea de que a rapazada non é parva e, xa que logo, que entende as cousas como son e no seu contexto. E se non o entende, haillo que explicar. Ademais, e entre outras cousas, a LIX debe servir para que se entenda o mundo, e para entender a historia deses dous aventureiros do Mississippi, hai que saber que aquela era unha sociedade absolutamente racista e que o propio rapaz protagonista, a pesar do que quere ao seu amigo negro, en realidade non acaba de ver claro de todo que non sexa un ser inferior.

O feito de que rapazas e rapaces de hoxe lean o libro tal e como foi escrito, sen a censura da parvura, é algo que parece de senso común e máis que necesario pola súa boa saúde mental. Porque, se non, haberá que prohibir xa a Biblia, pois dá unha imaxe da muller penosa, dende Eva, Esa Gran Culpable de Todos Os Males.

Canta parvura nos rodea…

Chuzame! A Facebook A Twitter

UN PROGRAMA CULTURAL QUE SE DEIXA VER

20th Xaneiro 2011 by franciscocastro 6 Comentarios

No seu día metémoslle moita caña, e merecida, á TVG, pola supresión de Libro Aberto, aquela fiestra que permitía que o libro galego se visualizase na tele pública (a ver: o da visualización é un falar, porque se emitía de madrugada e entre semana, xa me diredes), algo que, por outra banda, non debería ter nada de excepcional, porque unha das obrigas estatutarias (e de senso común) da televisión galega é promover o uso do galego e apoiar as nosas creacións culturais.

O programa desapareceu, é certo, e sen ser aínda marabillosa a oferta no que a cultura se refire da TVG, é verdade que foron quen de botar a andar espazos culturais interesantes (Eirado, por poñer outro exemplo), cun formato áxil, modernos e con afán de divulgación. O martes pasado cumpriu un ano e é o primeiro programa de información cultural diario da nosa televisión.

E como hai que ser xustos, e parece como que sempre andamos a repartir labazadas, é tempo de recoñecer algunhas cousas que se fan ben. Como por exemplo, o Zig Zag Diario que conduce María Solar, quen, todo hai que dicirlo, ademais é unha magnífica escritora. Sen dúbida, este programa é do mellor que hoxe podemos ver na segunda canle da TVG, Esa Gran Descoñecida, ou, quizais, debería dicir, Esa Gran Desaproveitada.

Que a cultura na tele deixe de zigzaguear, de aparecer e de desaparecer. Que programas lindos coma este perduren no tempo, con mellores horarios aínda (desta vez non hai queixa).

Pensando en clave de país, para nós é máis que necesario.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O máis importante que me pasou

19th Xaneiro 2011 by franciscocastro 4 Comentarios


Hoxe teño a sorte de esribir no boletín que edita o departamento de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.
Titulei o meu traballo «O máis importante que me pasou» e explico como cheguei a ser neofalante dende unha intensa educación castelanizante.
Podédelo ler aquí..

Chuzame! A Facebook A Twitter

OS MEUS «TRES CASE PREMIOS»

18th Xaneiro 2011 by franciscocastro 11 Comentarios

Como o ano pasado, esa web imprescindible para todos os que gustamos na literatura galega que é Fervenzas Literarias, deu a coñecer os resultados da enquisa entre os seus lectores e lectoras sobre que libros, autores, blogs e acontecementos culturais lles pareceron o mellor do ano que vén de rematar.

Así como o ano pasado Chamádeme Simbad foi elixido como o mellor en Infantil, este ano a cousa quedou moi cerca. Así que moi contento porque terminamos aparecendo en tres categorías.

Así, na de Mellor Libro Xuvenil, O segredo de Marco Polo queda en segundo lugar. Pero é normal, porque O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro é unha marabilla.

Por outra banda, e para a miña sorpresa, na categoría de Autor do Ano, aparezo en quinto lugar, detrás de grandísimos como Manuel Rivas, Diego Ameixeiras, Agustín Fernández Paz, e Víctor F. Freixanes. De corazón grazas. É un sorpresón e, dende logo, algo totalmente inmerecido, mimá.

Finalmente, este voso blog, quédase no cuarto lugar, detrás de Brétemas de Manuel Bragado, do Caderno da crítica, de Ramón Nicolás e de Ferradura en Tránsito de Eyré.

Así que moitísimas grazas a todas e a todos os que votastes por estes case que tres premios.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Para ver e que nos miren

18th Xaneiro 2011 by franciscocastro 5 Comentarios

Dende hoxe, a Rede Social do Libro Galego, Redelibros, e Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), que me honro en presidir, botamos a andar unha iniciativa de mútua colaboración de cara a loitarmos, xuntos, pola visibilización dos libros galegos.

Porque non estamos para laiarnos nin para protestar polos poucos apoios nin para nada diso que sempre, sempre, conduce ao inmobilismo. Estamos nisto para traballar e camiñar cara adiante.

Arrincamos cun artigo meu. Unha longa reflexión arredor da saúde (boa) da nosa LIX ao tempo que presento á iniciativa.

Agora, cada luns, alguén relacionado coa Literatura Infantil e Xuvenil escribirá un artigo de profundidade sobre algún aspecto relacionado coa literatura galega e os libros de nós.

Estades convidados a sumarvos á iniciativa, ao debate, ás palabras nosas.

O meu artigo, aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O MEU RELATO PORNOGRÁFICO

15th Xaneiro 2011 by franciscocastro 3 Comentarios

Os amigos do proxecto O divino ferrete, pedíronme que, como Puente DoCampo, Paco Martín e Chelo Suárez, escribise un relato de corte porno para o libro futuro que acompañará á película. Imaxino que coa miña traxectoria na literatura erótica con A Canción do náufrago e Xeografías (erotismo ao que volvo na novela que publicarei en Maio), pois tamén me tocaba.

Para escribir este relato, solicitei a axuda, como ilustradora do mesmo, á miña fotógrafa favorita, Cristina Brea Lodeiro, quen preparou o gravado A nosa duquesa.

O relato parte dunha carta que puiden ler hai pouco, na que Goya escribía a un amigo que a Duquesa de Alba (eran amantes) lle insistía en que lle pintara o corpo con pintura.

Déixovos o relato aquí e espero que gocedes moito con el.

Chuzame! A Facebook A Twitter