NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (4)

Posted by franciscocastro - 27/12/10 at 12:12 a.m.

Hoxe fun preguntar, como cada domingo, por algo que se me perdeu á Oficina de Obxectos Perdidos que hai na miña illa de náufrago. Fun preguntar polo Compás Que Sempre Apunta Ao Norte, que foi o que se me perdeu, e que, paréceme, leva perdido toda a miña vida. Sei que debería ter un. Sei que debería ter claro Por Onde Queda O Norte. Pero non lles sei. E cada día cando saio de casa, cada ano cando poño follas novas no almanaque, busco por toda a cova a ver onde é que está, percorro a illa enteira na súa procura. Pero nada. Non teño ese Compás que si guía, seica, a tantos que non son náufragos.

Na Oficina dixéronme que ía aviado. Que a tiña clara. Incluso, maleducados, que como era que fora quen de chegar ata alí sen o Compás Que Sempre Apunta Ao Norte.

Non teño ese compás e, está claro, non vou chegar a ningures nunca.

Ou igual é que xa cheguei onde quería chegar.

Os comentarios están pechados.