NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (3)

Posted by franciscocastro - 20/12/10 at 12:12 a.m.

Hoxe e como cada domingo fun á Oficina de Obxectos Perdidos desta miña illa de náufrago, pois de madrugada, no medio da noite, parolando coma un obseso coas musas, decateime de que perdera un pincel co que, dende cativo, pinto nas paredes da miña cova. Xa sabedes cal é: o pincel ese que nos daban cando eramos nenos e nada sabiamos sobre a arte e sobre o correcto e sobre o ben e a proporción e a perspectiva e, e e e e e e debuxabamos polo pracer de debuxar. E así, no medio da noite deume un ataque de pánico ao meu decatar de que a medida que imos medrando imos facéndonos máis e máis parvos, é dicir, máis e máis conservadores. Porque cando somos cativos nos din na clase que cantemos, e cantamos. E non sabemos se desafinamos ou se estamos vulnerando algunha lei da musicoloxía, esa tiranía. Nós cantamos. E dinnos que escribamos unha historia e escribimos unha historia, sen nos preocupar de tramas, argumentos, deseños de personaxes e outras mamelucadas de manual. Escribimos e xa está.

Eu ando detrás dese pincel. Que me permita sempre xogar coa realidade como me pete, alleo a formas, modismos e tiranías de toda clase. Seguro que alguén ten algún por aí.

Que mo mande para a illa.

Os comentarios están pechados.