CONFERENCIA SOBRE LENNON EN SANTIAGO

Posted by franciscocastro - 08/12/10 at 11:12 p.m.

Hoxe toda a prensa falaba de que tal día coma hoxe, pero de hai 30 anos, un tolo asasinaba a John Lennon.

Como ben sabedes os que levades aturándome anos, son beatlemaníaco enfermizo, o que me leva a falar sempre que podo deles e, incluso, moitos dos meus libros conteñen unha cita dos Beatles, xuntos ou por separado. En Maio teño nova novela e tamén levará, entre outras, unha cita de Lennon. E debe de ser porque levo tantos anos dando a paliza (a primeira vez que falei en público foi en 3º de BUP, no Salón de Actos do Instituto da Guía, unha audición sobre os Beatles!), que era inevitable que me convidaran dun xeito máis ou menos oficial a parolar sobre o asunto.

Daquela, infórmovos de que estarei o venres, ás 16 horas, no Auditorio de Galicia (Sala Ángel Brage), de Santiago e dentro do Foro Compostela para dar unha conferencia titulada “John Lennon embaixador da paz, 30 anos do seu pasamento. Give peace a chance”. Falarei pouco. E soará a música de Lennon. Trinta anos despois.

Estades todos e todas convidados.

Os comentarios están pechados.