AQUELA VEZ QUE ME ROMPERON O CORAZÓN

Posted by franciscocastro - 08/12/10 at 12:12 a.m.

Leo unha entrevista coa actriz María Valverde, á que non coñecía de nada (a da foto) e na que di algo ben interesante: ‘Sei o que é volverme tola de amor ata perder os papeis”. Foi ler iso e pensar: en efecto, todos e todas deberiamos pasar algunha vez por algo así, perder por completo a cabeza por amor (sen facer parvadas irreparables, claro), que nolo rompan e que nolo esnaquicen e que nolo fagan puré. Despois de todo, pasado o tempo (cando menos é a miña experiencia) sempre resulta ser algo bo.

Así que conto: por incrible que vos pareza, en especial á parte feminina que le este blog, a min rompéronme o corazón un par de veces. E que eu saiba, non llo rompín a ningunha. Así que no balanzo saio claramente perdendo. Pero estivo ben todas as veces que pasou, si.

Cando tiña quince anos namorei perdidamente dunha compañeira de clase. Díxome que non. E fixoo, de feito, coa natural crueldade que a adolescencia pode chegar a ter como unha marca natural á hora de dicir as cousas. Fíxome sentir que aínda que fose o único rapaz do mundo non estaría comigo nin que a matasen. E durante dous anos non levantei cabeza. E dei en ser un adolescente tímido e metido para dentro, que descobriu a Neruda e a Celso Emilio e aprendeu a tocar baladas (e a compoñer ducias e ducias) na guitarra. Como todo, superouse, érache boa, ata o seguinte desengano. Mais a esta primeira que me rexeitou, e que tiven na clase aínda tres anos máis, sempre lle estiven dalgunha maneira agradecido, porque eu son quen son, como todos e como todas, por todo o que nos pasou, entre outras cousas, os desenganos amorosos. Tanto é así que cando hai uns catro anos volvín vela, non puiden evitar achegarme ao seu carón (a situación era ben pouco romántica: nun hospital), para presentarme. Ela, nin se acordaba. Pero era indiscutiblemente ela. Non tiña nin a metade da beleza que eu lle lembraba. Pero aínda había algo, claro. Dixen quen era eu e fixo esforzos porque non se notase que non me lembraba. Mais notábaselle.

– Estiven namoradísimo de ti cando era un neno de quince. Foches o meu primeiro amor non correspondido. E só quería dicirche que foi fabuloso, que teño un recordo moi bo de ti a pesar do mal que o pasei.

Quedou pampa. Asombradísima. Sorrindo sen saber que dicir (un tipo moi serio, que estaba ao seu carón -imaxino que o marido-  non ría nadiña).

Despois chegaron outros amores. Distintos. Pero aqueles primeiros, frustrados, deixan un pouso no fondo dóce no noso maxín sen os que, dende logo, non seriamos. Nin como persoas nin como amantes.

Así que si: igual hai que perder de cando en vez a cabeza por amor.

Os comentarios están pechados.