NO ADEUS A MARCOS VALCÁRCEL

Posted by franciscocastro - 06/12/10 at 11:12 p.m.

Onte deixábanos Marcos Valcárcel. A nova, non por esperada, é menos dura. Vaise un intelectual íntegro, un home positivo que soubo sempre explicarnos a todos e a todas que a nación e a cultura se constrúen dende a afirmación, o coñecemento, a tolerancia e, sobre todo, alicerzando as actitudes en sólidos argumentos. Fronte da carraxe e da violencia verbal, tan común tamén entre nós, Marcos Valcárcel elevou sempre a súa voz dun xeito que a pesar de ser moderado, por prudente, era demoledor nas súas razóns á hora de defender a lingua e a cultura de Galicia.

Sobre el nada podo engadir que non dixeran xa voces moito máis autorizadas. E coido que hoxe, dende as páxinas de La Voz de Galicia Ramón Nicolás o expresou mellor cá ninguén.

Pola miña banda só quero deixar constancia aquí da miña admiración e o meu respecto á súa  memoria. Pensadores e traballadores elevados coma Marcos Valcárcel é o que este país necesita se quere ir a algures.

Agora, que descanse na memoria.

Os comentarios están pechados.