Archive for Decembro, 2010

ALGO MÁIS SOBRE OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

27th Decembro 2010 by franciscocastro 14 Comentarios

Por saúde democrática deberiamos saber quen son os donos dos medios de comunicación, que empresas teñen, a quen representan cando din que nos informan verazmente.

Por saúde democrática deberían prohibir as axudas institucionais aos medios de comunicación.

Por saúde democrática deberiamos saber cantos cartos reciben e de quen. E, sobre todo, saber se eses cartos redundan en beneficio da sociedade ou, pola contra, nos case que sempre espúreos intereses dos seus accionistas.

Por saúde democrática, os bancos non deberían ter acceso ás accións de medios de comunicación, editoriais ou calquera outra clase de empresa cultural.

Por saúde democrática este tipo de post deberían publicarse, de cando en vez, nos medios de comunicación tradicionais.

Chuzame! A Facebook A Twitter

NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (4)

27th Decembro 2010 by franciscocastro 2 Comentarios

Hoxe fun preguntar, como cada domingo, por algo que se me perdeu á Oficina de Obxectos Perdidos que hai na miña illa de náufrago. Fun preguntar polo Compás Que Sempre Apunta Ao Norte, que foi o que se me perdeu, e que, paréceme, leva perdido toda a miña vida. Sei que debería ter un. Sei que debería ter claro Por Onde Queda O Norte. Pero non lles sei. E cada día cando saio de casa, cada ano cando poño follas novas no almanaque, busco por toda a cova a ver onde é que está, percorro a illa enteira na súa procura. Pero nada. Non teño ese Compás que si guía, seica, a tantos que non son náufragos.

Na Oficina dixéronme que ía aviado. Que a tiña clara. Incluso, maleducados, que como era que fora quen de chegar ata alí sen o Compás Que Sempre Apunta Ao Norte.

Non teño ese compás e, está claro, non vou chegar a ningures nunca.

Ou igual é que xa cheguei onde quería chegar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

DESTA VAI (O libro oblicuo)

23rd Decembro 2010 by franciscocastro 5 Comentarios

Dende a web da Asociación Galega de Editores, pediuseme unha reflexión arredor do asunto do libro electrónico, a edición dixital, etc. Déixovolo tamén aquí. E xa me contaredes

DESTA VAI

(O LIBRO OBLICUO)

 

Semella que desta vez si. Que desta vai. Mellor dito: que xa vai indo.
E xa sei que se falou moitas veces do libro electrónico e que non, que parecía pero que non. Pero desta ten que ir.

Veredes. No prazo de menos dunha semana, este editor pasou, a mediados de novembro, por dous foros ben distintos pero para falar do mesmo. Por unha banda, os organizadores dos Encontros do livro infantil e xuvenil de Porto pedíronme que falase das novas tendencias na literatura xuvenil pero centrándome en como están a afectar a aparición dos dos novos soportes de lectura. Non hai espazo aquí para contar todo o que dixen sobre eBooks, iPads, iPhones, etc., é dicir, todos eses lugares onde imos ler a partir de agora; ou todo o que falei sobre narrativa transmedia, libros enriquecidos e demais novidades que xa non o son tanto. Porque, visto dende fóra semella como que nada disto está pasando de verdade máis que na teoría ou na cabeza dos que, coma min e coma tantos, nos movemos nestes (xa non tan) vangardistas mundos. Así que puxen exemplos concretos. Doutras editoriais pero tamén da nosa. Porque están a crearse xa libros concretos que non son papel. Que puidera ser que tamén sexan papel antes ou despois. Pero que xa non o son de todo. Contos que nacen xa como aplicacións. Literatura absolutamente electrónica. Por iso comentei, nese foro, que probablemente máis que nos preocupar de novas tendencias na literatura deberemos comezar tamén a nos preocupar sobre as novas tendencias de lectura. Porque iso é o que cómpre entender: agora un libro xa é outra cousa. Debemos desbotar un único significado para o concepto libro. Lembro que cando disto falei, un dos asistentes, na quenda da palabras, amosou o seu nerviosismo e dixo que se non tiña eu a sensación de que ao final a forma ía comer ao fondo, e que había o perigo de que rematásemos facendo videoxogos. Eu, que queren que lles diga, non o vexo así. Eu sonlles un tipo positivo. 

A miña resposta non pode ser máis ca esta: na nosa 

man está facer libros electrónicos idiotas ou libros electrónicos dunha grande calidade que seduzcan aos lectores e lectoras e os traian para a literatura. E así é como volvo, máis que aos libros (de papel), á lectura (tanto nos ten o soporte).

Un aeroporto e dous días despois aterraba este editor en FICOD, en Madrid, no Foro Internacional de Contidos Dixitais para deixar de predicar e dar trigo. Presentabamos os primeiros contos en galego para iPad e iPhone (antes de fin de ano haberá moitas novidades nestes soportes). Non é cuestión de facer publicidade do propio, pero si de dicir que foron moi ben acollidas. Parecíalles sorprendente que unha editorial periférica fose quen de estar no cumio da onda tecnolóxica. E como anuncio, haberán máis sorpresas neste mundo en breve.

En FICOD, seminario tras seminario, café tras café con este e con estoutro, un entende que desta vez si, que os eBooks xa non son teoría, que a literatura-libro-lectura electrónica é unha realidade. E alí falouse de moito: cal terá que ser o modelo sostible para as publicacións dixitais (porque xa hai mercado), se é posible gañar cartos co libro dixital… Ficou claro que nós, os editores, imos seguir, ou deberíamos ser quen de seguir, desempeñando o papel de sempre, é dicir, poñer en contacto aos lectores (da pantalla) cos autores (de papel, ou de papel-pantalla, ou só de pantalla). Porque desta vai. Un dato que se nos deu alí é ben claro: Apple xa vendeu varios millóns de aparatos. Por outra parte, os distribuidores, as plataformas de distribución dixital, como Libranda, anuncian que o que lles preocupa é estar abertos a todas as canles que queiran vender contidos dixitais, que terán que ser accesibles para poderse ler de calqueira maneira (descargas, na nube…).

O libro volverase ubicuo.

Lectores e escritores seguirán sendo os únicos imprescindibles neste proceso.
Pero desta vai.

Chuzame! A Facebook A Twitter

NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (3)

20th Decembro 2010 by franciscocastro 11 Comentarios

Hoxe e como cada domingo fun á Oficina de Obxectos Perdidos desta miña illa de náufrago, pois de madrugada, no medio da noite, parolando coma un obseso coas musas, decateime de que perdera un pincel co que, dende cativo, pinto nas paredes da miña cova. Xa sabedes cal é: o pincel ese que nos daban cando eramos nenos e nada sabiamos sobre a arte e sobre o correcto e sobre o ben e a proporción e a perspectiva e, e e e e e e debuxabamos polo pracer de debuxar. E así, no medio da noite deume un ataque de pánico ao meu decatar de que a medida que imos medrando imos facéndonos máis e máis parvos, é dicir, máis e máis conservadores. Porque cando somos cativos nos din na clase que cantemos, e cantamos. E non sabemos se desafinamos ou se estamos vulnerando algunha lei da musicoloxía, esa tiranía. Nós cantamos. E dinnos que escribamos unha historia e escribimos unha historia, sen nos preocupar de tramas, argumentos, deseños de personaxes e outras mamelucadas de manual. Escribimos e xa está.

Eu ando detrás dese pincel. Que me permita sempre xogar coa realidade como me pete, alleo a formas, modismos e tiranías de toda clase. Seguro que alguén ten algún por aí.

Que mo mande para a illa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

DA MIÑA BOCA Á TÚA ORELLA: Aquel primeiro baile

18th Decembro 2010 by franciscocastro 4 Comentarios

Hoxe déixovos, na miña voz (de non durmir en toda a noite, quizais unha horiña como moito) unha evocación dunha noite, digamos… fecunda.

Para complementar a escoita logo debedes oír esta canción de Lennon, que era a que bailabamos.

O audio meu, aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

TERCEIRAS EDICIÓNS PARA AS FAIAS E O SIMBAD

18th Decembro 2010 by franciscocastro 5 Comentarios

Onte fun informado, con grande ledicia, de que dous dos meus libros, concretamente Un bosque cheo de faias e Chamádeme Simbad, coñecerán en xaneiro as súas respectivas terceiras edicións.

Como imaxinaredes, dentro deste oficio meu de escribir, tan estraño, no que nunca sabes se o que constrúes en soidade vai chegar a alguén, que se volvan a editar edición tras edición as propias obras, é toda unha alegría e motivo para seguir escribindo e escribindo e escribindo e.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O VENRES CONFERENCIA EN VIGO

16th Decembro 2010 by franciscocastro 4 Comentarios

Este venres, a iso das sete da tarde, na Praza Elíptica, manterei, con todos e con todas que teñades ganas de pasar por alí, un faladoiro-conferencia de título ben expresivo:

 ’Marco Polo, Simbad… a literatura é para viaxar’

Falarei das motivacións da miña literatura, debedora dos tebeos da infancia, e dos piratas, eses seres seductores por aventureiros e contra-morais, e falerei do náufrago, quen é este náufrago que escribe e que canta a súa cibernética canción, e falarei da literatura e das viaxes, e de por que precisamos das historias épicas para vivir máis, e falarei e falarei…

E falaremos e falaremos do que sexa…

Que non falte ninguén.

Chuzame! A Facebook A Twitter

NA OFICINA DE OBXECTOS PERDIDOS (2)

12th Decembro 2010 by franciscocastro 5 Comentarios

Como cada domingo abriu nesta miña illa de náufrago, a Oficina de Obxectos Perdidos. Eu estaba fronte a porta dende primeira hora da mañá, ansioso, pois perdín unha aguia de moito valor que vivía comigo na miña cova. Ela servíame para erguerme por riba do mundo e, dende alí, velo todo doutra maneira. A miña aguia, seria coma se estivese enfadada con todos, era os meus ollos alí enriba.

E, podedes crerme, cando se ven as cousas dende enriba vense moito mellor. Impórtanche moito menos algunhas. E comprendes que é o realmente importante.

Se alguén a ve por aí, sobre o ceo, por favor que se poña en contacto comigo e que me conte.

Que agora non vexo nada.

Chuzame! A Facebook A Twitter

NOVA DIRECTIVA DE GALIX

12th Decembro 2010 by franciscocastro 12 Comentarios

Hoxe, despois da Asamblea Xeral de Socios e de Socias de GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), saiu escollida unha nova directiva que terá que, durante os dous vindeiros anos, estar cando menos á altura da directiva saínte ao tempo que terá que desenvolver proxectos de futuro para seguir colaborando no prestixio e visibilización do traballo dos escritores/as, ilustradores/as, bibliotecarios/as, tradutores/as… e, en definitiva, de todos aqueles e aquelas que temos algo que ver coa Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia.

A directiva, de momento, queda así:

PRESIDENTE: Francisco Castro

VICEPRESIDENTA PRIMEIRA: Ánxela Gracián

SECRETARIA: Montse Pena Presas

TESOUREIRA: Ledicia Costas

Durante as vindeiras semanas iremos constituíndo o resto do Consello Directivo.

Espéranos moito traballo. Pero imos sobrados de ilusión.

Chuzame! A Facebook A Twitter

PERO EXISTE HOXE O XORNALISMO?

9th Decembro 2010 by franciscocastro 4 Comentarios

As revelacións producidas por Wikileaks son unha boa nova, algo fantástico. É unha sorte que exista unha organización así. Digoo con toda a radicalidade do mundo. Mais a mágoa é que estean movidos por un vulgar interese económico e que, a fin de contas, se dediquen a investigar e a revelar importantes asuntos para o benestar xeral por cartos e para vender aos grandes grupos de comunicación interesados.

Porque iso é o que terían que estar a facer os xornais e as teles e as radios e, salvo casos moi contados, xa non fan.

Eu medrei, como tantos, na crenza de que os xornalistas eran homes e mulleres comprometidos coa verdade, pelexados por natureza co poder, perseguindo esa fonte agachada que faría tremer as estruturas corruptas das mafias todas en favor da saúde democrática xeral. En troques, o que vexo son xornais mercados polo poder, que meten millóns de euros que, por unha banda, garanten a súa supervivencia ao tempo que (ou polo que) mercan o seu silenzo. E por iso as cousas están como están, e por iso nas redaccións hai tanto corta-pega de notas de prensa que envían os gabinetes de comunicación dos partidos políticos, converténdose, así, na voz do seu amo.

Quero xornais. Quero medios de comunicación independentes. Quero medios valentes. Quero articulistas de opinión que non digan naderías.

Quero que exista o xornalismo.

Chuzame! A Facebook A Twitter