HOXE, UNHA CONFESIÓN ÍNTIMA

Posted by franciscocastro - 25/11/10 at 03:11 p.m.

Hai ben de tempo que quería comentar unhas frases do admirado Sting, nunha entrevista recente:

El principio del viaje de cualquier artista empieza sintiéndote un extraño en tu propia casa, en tu barrio, alguien que no encaja. Yo tuve esa sensación. La sigo teniendo. Es una maldición y una bendición a un tiempo.

Xa sabedes por que.

Levo toda a vida mantendo que o artista (na música, na pintura, na literatura… onde sexa) non debe ser entendido case que nunca coma xenio, senón coma raro. Outra cousa é que algunhas rarezas rematen sendo xeniais.

Eu, que non son xenio mais si raro, sentinme así sempre.

Raro na casa, na familia completa, toda dedicada a un negocio produtivo que daba cartos e cartos e no que se meteron irmán, primos, etc. O neno raro, naquelas interminables sobremesas nas que se debatían prezos e xeitos de mellorar a produción, convertíase nunha especie de autista voluntario agochado detrás dun libro, un xornal, un tebeo. E nada quixo saber do produtivísimo negocio familiar. E casou polo civil cando todos querían igrexa. E casou en galego. E non bautizou aos fillos. E saiu escritor, madialeva.

Raro no barrio. Tanto, que xogaba cos doutro barrio. E por iso  non pertencía nin a un nin a outro. Vivindo no medio, entre fronteiras, no limbo. Alí: feliz.

Fun adolescente que non encaixaba en ningures. Nin no equipo de balonmán no que botei dez anos, nin na pandilla. Fixen Ciencias Puras no Bacharelato. Entrei en Filosofía. Pero quería ser escritor.  Con esa sensación de que estaba de máis en todas partes medrei. E coma Sting (que si que é un xenio, e raro) sigoa tendo.

E espero, polo meu ben, non perdela nunca.

Claro que é unha maldición. Pero é tamén unha beizón.

Os comentarios están pechados.