VEÑO DE FACER TESTAMENTO

Posted by franciscocastro - 03/11/10 at 04:11 p.m.

Pero non se me asusten.

O que sucede é que vén de chegarme o novo volume editado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e no que un grupo de xentes da cultura, deixamos a nosa Manda Testamentaria referida á nosa lingua.

O meu testamento di así:

A todos vós, meus fillos e fillas queridas, déixovos a encomenda de seguirdes coa viaxe que iniciaron os nosos devanceiros hai máis de mil anos, cando fixeron nacer esta andaina de palabras e de sentires e que é a nosa fala singular. Pídovos que non sexades vós quen rache a senda que entre todos conseguimos fender na pedra da historia e que fai de nós un pobo. Rógovos que non lle poñades barreiras a este camiño de soños. Se cadra, facédeo máis grande. Andade por el. De o facer, sabede que estaredes a camiñar polos vieiros da lingua igual que camiñou o voso pai e antes ca el camiñaron outros. Paseade polo sendeiro da lingua, viaxe infinita, e facede así guieiro e facho aceso entre a néboa para os que veñan detrás de vós.
Isto é o que vos demando. Na lingua de mar da miña terra.

Os comentarios están pechados.