POR QUE NON VOU AO PSIQUIATRA

Posted by franciscocastro - 21/10/10 at 02:10 p.m.

Hai ben de tempo que non me interesa o Premio Planeta. Nin os premios nin os premiados. Aínda que de cando en vez lle caia a alguén interesante como este ano a Carmen Amoraga, finalista, que non gañadora (adoitan ser máis interesantes literariamente os finalistas que os premiados no millonario certame planetario), á que lle teño lido, no pasado, novelas, lixeiras pero moi interesantes e ben escritas.

Da edición deste ano quedo cunhas súas declaracións, cando dixo que toda a literatura é de autoaxuda.

Concordo ao cento por cento e os que seguides este blogue xa o sabedes. A literatura, para min, é balsámica, necesaria coma o aire, pretexto para soportar o mundo, posibilidade de melloralo, lugar onde habitar e vivir.

Díxeno mil veces: grazas a que escribo non estou de psiquiatra.

Os comentarios están pechados.