A MULLER DE ALZHÉIMER

Posted by franciscocastro - 18/10/10 at 02:10 p.m.

Ao final é certo que escribimos de nós, do que somos e do que nos pasa. Escribín Chamádeme Simbad cando o alzhéimer da miña nai empezou. Despois foron dous poemas. O que publiquei o outro día e hoxe este.

Prometo parar.

O poema que hoxe reproduzo saiu publicado no libro colectivo En defensa do poleiro, no que un grupo de escritores/as poñemos as nosas armas literarias en contra da iniciativa de privatizar parte do mosteiro de Celanova para convertelo en non sei que cousa turística.

Para que entendades o poema. Miña nai é de Celanova. E cando estaba en condicións e tiña memoria e era, contaba como cando de nena estaba para morrer e a tiraron ao río, en pleno inverno, tres meigas ás que a miña avoa confiara a súa curación. De milagre non morreu. Ou de milagre sandou. Por outra banda, fago referencia a un episodio que ela contaba entre grandes risos, ela, a que xa non pode rir. Cando escapou da misa aos tres anos e a atoparon, despois de buscala durante horas, coa cabeza enganchada no enreixado do mosteiro.

Agora, o poema

A muller de alzhéimer

viu a luz en Celanova.

 

Xa non ten memoria

porque xa non sabe chorar

e xa non se lembra daquel día que a tiraron ao río

para desfacer o feitizo e tornarlle a saúde.

 

Pero houbo un día

(ela contaba)

no que toda a vila a procurou,

porque se perdera.

A nena perdida sen memoria

perdérase.

 

Cando a descubriron

semellaba enmeigada:

tiña a cabeza entre as reixas do Mosteiro

ollaba a vida

ollaba o futuro.

 

Agora, que xa non está

este fillo poeta porá as súas armas

para salvar as pedras do Mosteiro

coidando así

el que ten memoria

que protexe a vida

e o futuro

de todas as nenas que aínda non se perderon.

Os comentarios están pechados.