DECONSTRUÍNDO A MARCO POLO 2

Posted by franciscocastro - 10/10/10 at 09:10 p.m.

Eu non creo no destino. Pero si nas casualidades. Aínda que é moito máis lindo crer, por suposto, no destino. Tamén é moito máis literario.

E sería polo destino, ou mellor, pola casualidade, que Marco Polo foi preso polos xenoveses despois dunha batalla contra os venecianos, e metido no cárcere durante uns cantos anos. Alí, aborrecido, estaba un escritor de romances, Rustichello de Pisa. Levaba 14 anos alí metido cando Marco Polo, e as historias que tiña que contar, entraron. Marco Polo tiña as vivencias e a arte de narralas. Rustichello sabía escribilas. E desa colaboración naceu, grazas a esa casualidade ou ao destino, o Libro das Marabillas do Mundo.

Ese mesmo libro, anos despois, alguén o poría nas mans dun novísimo Cristovo Colón (a imaxe que ilustra este post é unha páxina do libro de Marco Polo coas anotacións de Colón). As historias de Marco Polo escritas por Rustichello de Pisa ían servirlle de inspiración para iniciar unha viaxe que ía mudar a historia da humanidade.

Así que parabéns para quen detivo a Marco Polo e o meteu entre rexas. A que montou.

Entre outras cousas, que eu escribira o meu libro.

Os comentarios están pechados.