COMO SE NOTA QUE SON FAMOSO (a cultura gañoulle ao fútbol)

Posted by franciscocastro - 04/10/10 at 05:10 p.m.

Son, no instante no que comezo a escribir este post, as 16,55 do serán do luns 4 de outubro de 2010 (por certo: San Francisco). Despois dun rato entrando en media ducia de bares polo Casco Vello de Compostela, preguntando se teñen rede WiFi, por fin dou con un que si. Se seguides lendo, entenderes que non dea o nome. Ademais de conexión a internet, procuraba unha con tele acesa, pois a iso das 16,33 comezaba Zig Zag Diario, o programa de cultura da TVG2 na que me entrevistou María Solar para falar do meu O segredo de Marco Polo. Pero na tele están a botar fútbol.

Achégome a unha fermosa rapaza que sén dúbida é a camareira. Leva un short branco e unha blusa moi moi moi lixeira, verde. Sorrí. Dígolle se ten WiFI.

– Claro!

O seu riso é fermosísimo. Morro polas mulleres que me rin.

– E poderías poñerme a segunda canle da galega?

Ponse seria:

– Ay no. Aquí es que tenemos fútbol todo el día puesto.

En efecto, vexo que é unha canle desas temáticas. Marca TV.

– Pero muller, será só un ratiño, o que dura o programa cultural.

Ela prega o cello. Non entende o que estou a lle pedir. No bar só están tres rapaces con aspecto de universitarios falando das súas cousas, non atenden ao fútbol. Non lle vexo o problema a que cambie durante un chisquiño de nada.

– Veña, muller, só un ratiño. Media hora ou así.

Eu fálolle co meu ton máis sedutor, fitándoa con intensidade, a ver se así. Pero a súa seriedade déixame claro que vai ser que non.

Daquela, tírome á piscina. Achégome a modo á súa orella esquerda. Antes, fito para todas partes, deixando así claro que busco a súa complicidade, e que vou dicirlle algo moi confidencial que ninguén máis pode escoitar. Ela, nun xesto inocente e fermoso, achégase a min.

Besbello na súa orella:

– É que vou sair eu na tele!

Ela sepárase sacudida por un arreguizo tremendo. E fitame moi seria.

– ¿Tú eres famoso?

Eu calo durante dous ou tres segundos. Sei que estou a xogarme a vida na resposta. Debo escoller moi ben as palabras.

– Si.

Ela sorrime, e mira para min como de esguello mentres vai polo mando. Decátome do linda que é e que si, que a cultura vai gañarlle hoxe ao fútbol, cando menos por media hora.

Mireime no programa. Ela, dende detrás da barra, fedella no ordenador. Nun intre, míroa. Ela devólveme a ollada ao tempo que mete a taza (unha infusión), na boca, toda coqueta. Vira a pantalla para que eu a vexa. Está vendo o meu blog.

Bendito google.

A entrevista xa rematou.

– Por min podes poñer xa o fútbol.

Ela apaga a tele.

– Esto te va a gustar.

E ponme unha dos Beatles.

Os comentarios están pechados.