PERIGO: OS GALEGOS SOMOS CANÍBALES

Posted by franciscocastro - 30/09/10 at 03:09 p.m.

Veño de ler unha cousa moi curiosa que me axudou a parir unha idea gloriosa (comezo cun pareado, non me dirán que non estou poético hoxe).

Resulta que hai un pobo de Papúa-Nova Guinea que se encargou de ir dicindo por aí, aínda que é unha trola, que son un pobo caníbal e que gorentan moito da carne humana, e que como vexan un estranxeiro que o meten dereitiño no microondas para facer bistés. A cousa vén de que, hai aproximadamente setenta anos, entraron en contacto co home branco e, xa imaxinades, as consecuencias -para eles- foron lamentables. Sobre todo, porque axiña descobriron que estaban a perder a súa cultura.

Daquela, xa sabedes como segue isto: dado que nós estamos a perder a nosa, xa que cada vez é máis difícil atopar cativos que falen a lingua de Breogán, tendo en conta que aos galegofalantes, en especial nas cidades, nos ven como raros, cando os raros deberían de ser os outros, conclúo que deberiamos encargarnos de fomentar a idea do canibalismo ou antropofaxia, que gostamos moito de papar, vivos por suposto, a aqueles que nos desprezan, e que non hai nada que nos faga tolear máis que un bo cocido cos seus grelos e o seu desertor do arado.

Igual así nos deixaban en paz. Quedariamos de burros, si, pero igual evitabamos que nos comesen a nós.

Os comentarios están pechados.