COMO WOODY ALLEN (3)

Posted by franciscocastro - 15/09/10 at 02:09 p.m.

Hoxe será a terceira, e prometo que final vez, que escribirei sobre esta entrevista con Woody Allen e da que xa falei aquí e aquí. Pero é que hai moita idea intelixente aí. E eu gusto de deixarme anegar por ideas intelixentes.

Na conversa, que como xa dixemos é fundamentalmente unha longa reflexión sobre o feito de crear, o cineasta sinala que a creatividade axúdalle a atrevesar a vida.

Gústame moito que o exprese así, con ese verbo: atravesar. Porque a vida, a fin de contas, ven sendo un sitio onde nos botan sen nos preguntar, e onde semella que todo o mundo se pon de acordo a ver se consiguen a nosa infelicidade. Por iso hai que atravesala o mellor que se poida. A poder ser cun sorriso e, sobre todo, sen humillacións.

Coido que iso pode ser conseguido dende un planteamento vital que case que toque, en todo o que se faga (non falo só de creación artística, falo tamén de como amar ou como xogar ou como comer ou como…) que toque, dicía, o máxico, o excelso, o elegante, o poético. Ou sexa, todo iso que ten que ver coa creatividade e que fai que vivamos, no fondo, quentiños e abrazados a unha fermosa realidade paralela onde todo é posible.

Os comentarios están pechados.