NAOMI WATTS, A DOR E A LITERATURA
Posted by franciscocastro - 01/09/10 at 02:09 p.m.Hai pouco, a actriz Naomi Watts explicaba que, como artista, precisaba sufrir, que era importante para ela o sufrimento, a dor, a toma de conciencia do tráxico que é todo para que a arte -no seu caso a interpretación- abrolle como é debido. Quizais así queda claro que o de actriz é, sen dúbida, un traballo dramático. A súa opinión concorda cun vello tópico, moi presente en xeral no mundo da arte pero moi en especial no da literatura, que mantén que a beleza (a fin de contas a arte é produción de beleza) só pode darse nun contexto atormentado. Así, poetas e escritores levan toda a vida explicando o desgazamento que tal verso ou tal estrutura novelesca provocou no seu aterecido espírito.
A ver: escribir é duro. Eu érgome ás cinco da mañá case que todos os días para darlle á tecla. E no parque, coa miña cativa nas rendeeiras, escribo poemas nun caderno que levo sempre comigo. Pero duro, o que se di duro, é andar no Gran Sol, na cola do INEM ou erguéndose pola mañá cavilando en que facer para traer cartiños para casa.
A pesar do das cinco da mañá, o exercicio da literatura é, para min, pracer, liberdade, posibilidade de vivir outros mundos, enerxía que me chega dende as personaxes e que fai, sen dúbida, que viva moitísimo mellor.
Sinto non concordar con Naomi Watts. A verdade é que non me importaría nadiña discutir isto devagariño con ela.


Setembro 1st, 2010 at 4:55 p.m.
Acabo de aterrar aquí, a través doutro enlace e non podo estar máis dacordo contigo, aínda que eu me erga á mesma hora da mañá (ás veces tamén para darlle á tecle) e xa non teña crianzas cativas coas que ir ao parque.
Non sei se darías convencido á tal Naomi Watts sobre o que ven sendo o verdadeiro sufrimento.
Un saúdo.
Setembro 1st, 2010 at 5:00 p.m.
Moitas grazas. E fermoso blog, o teu. Parabéns.
Setembro 2nd, 2010 at 12:17 a.m.
«erguéndose pola mañá cavilando en que facer para traer cartiños para casa.» Canta razón…canta. Escrivir ten que ser algo agradable, penso que so dese xeito poden sair boas obras, inda con todo, que resulte pracenteiro, non asegura unha boa obra…cal sera o segredo? Saúdos.
Setembro 2nd, 2010 at 9:17 a.m.
Non hai segredo. Ten que haber, para escribir, para pintar, paixón e dedicación. Saúdos.