Archive for Setembro, 2010

PERIGO: OS GALEGOS SOMOS CANÍBALES

30th Setembro 2010 by franciscocastro 10 Comentarios

Veño de ler unha cousa moi curiosa que me axudou a parir unha idea gloriosa (comezo cun pareado, non me dirán que non estou poético hoxe).

Resulta que hai un pobo de Papúa-Nova Guinea que se encargou de ir dicindo por aí, aínda que é unha trola, que son un pobo caníbal e que gorentan moito da carne humana, e que como vexan un estranxeiro que o meten dereitiño no microondas para facer bistés. A cousa vén de que, hai aproximadamente setenta anos, entraron en contacto co home branco e, xa imaxinades, as consecuencias -para eles- foron lamentables. Sobre todo, porque axiña descobriron que estaban a perder a súa cultura.

Daquela, xa sabedes como segue isto: dado que nós estamos a perder a nosa, xa que cada vez é máis difícil atopar cativos que falen a lingua de Breogán, tendo en conta que aos galegofalantes, en especial nas cidades, nos ven como raros, cando os raros deberían de ser os outros, conclúo que deberiamos encargarnos de fomentar a idea do canibalismo ou antropofaxia, que gostamos moito de papar, vivos por suposto, a aqueles que nos desprezan, e que non hai nada que nos faga tolear máis que un bo cocido cos seus grelos e o seu desertor do arado.

Igual así nos deixaban en paz. Quedariamos de burros, si, pero igual evitabamos que nos comesen a nós.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Belén Esteban e a ultradereita

29th Setembro 2010 by franciscocastro 6 Comentarios

O meu novo artigo en A NOSA TERRA neste link.

Que non digan que non avisei que isto poderia pasar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Xa podes concursar!

27th Setembro 2010 by franciscocastro 2 Comentarios

Dende Fervenzas Literarias, onde onte se publicou a entrevista comigo, botan a andar un simpático concurso, pois sortean un exemplar da novela O segredo de Marco Polo  para os lectores da web (eu prefería que o gañador/a gozase dunha cea comigo, pero en fin, a crise é a crise :)

Curto e pego o que hai na súa páxina:

Se queres participar no concurso, envía un correo electrónico a concursos@fervenzasliterarias.com coa resposta á seguinte pregunta:

Na novela de Francisco Castro Spam, publicada por Galaxia no 2006, chegan á Empresa correos e mensaxes  vexatorios dirixidos ao Director Xeral. Cal era o pseudónimo utilizado polo remitente desas mensaxes?

Envíanos a túa resposta antes das 23.59 h. do venres 1 de outubro.

Animádevos a participar. A ver quen o leva…

Chuzame! A Facebook A Twitter

Entrevista en ‘Fervenzas literarias’

26th Setembro 2010 by franciscocastro Comentarios desactivados

Teño a honra de deixarvos aquí a ligazón para a entrevista que veñen de facerme nesa web, referencial para todos os que temos interese na literatura galega, que é Fervenzas Literarias, co gallo da publicación do meu O segredo de Marco Polo.

Podédela ler aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

DA MIÑA BOCA Á TÚA ORELLA

25th Setembro 2010 by franciscocastro 6 Comentarios

Dende hoxe boto a andar unha nova sección neste blogue, que chamarei Da miña boca á túa orella.

Isto vai de que unha vez á semana, tentarei que todos os sábados, recitarei un texto  meu, é dicir, lerei da miña voz un fragmento dun conto (como é o caso de hoxe), recitarei un poema, ou largarei unha reflexión, nunca mellor dito, de viva voz.

¿Por que esta sección?

Porque si.

Porque de cando en vez apetéceme falar directamente nos vosos ouvidos.

Hoxe déixovos un fragmento do conto Misa de nove que publiquei no libro de relatos de 2001, A canción do náufrago. Vai dun cura que repara na existencia dunha fegresa especialmente fermosa, e da mesma muller que vai á misa só por velo a el. As dúas voces van mesturadas ao tempo no relato.

Está aquí e só hai que darlle ao play.

Xa me contaredes que vos parece a iniciativa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

QUE O METAN POLO CU

21st Setembro 2010 by franciscocastro 19 Comentarios

Hoxe é o Día Mundial do Alzheimer. Non é segredo ningún que coñezo de primeira man a enfermidade. Cada vez que vou falar a un centro educativo do meu libro sempre lles digo que nace en parte para poderlle explicar ao meu fillo, daquela de once anos, o que estaba a pasarlle a unha persoa importante para nós.

Si, coñezo a enfermidade. En todas as súas fases. Con toda a súa putada e toda a súa merda.

Por iso hoxe árdeme o peito lendo nos xornais as declaracións institucionais das distintas administracións, dicindo que si, que si, que canto queremos aos velliños, que imos dispór de cada vez de máis axudas, que si, que si, que canto queremos aos velliños e as velliñas que enferman disto, e que camiñamos cara a aplicación da lei de dependencia, e o carallo 29. Que si, que si, que canto queremos ás velliñas e aos velliños e que sorte que vivimos no estado de benestar e que para nós a idade é un patrimonio…

Mirade: hoxe paso de retóricas. O certo é que neste país de mentireiros e de hipócritas e de falabaratos, cando a alguén lle diagnostican a enfermidade, o sistema é tan lento (a posta, non me digas que non se podían axilizar algúns papeis… eu que sei, coño, facenda é moito máis áxil), iso, que cando a alguén lle diagnostican a enfermidade (despois de espaciarse as citas cos neurólogos, tac cerebral, etc, varios meses) pois resulta que, por exemplo, pasan tres anos, ¡tres!, e aínda está a esperar polas axudas. Neste país de hipócritas políticos e políticas hipócritas, o certo é que os centros de día públicos están masificados e as residencias para dependentes, cando a situación xa é inaturable, teñen unha lista de espera de varios anos.

Polo medio, mátaste a cubrir papeis, a presentar informes, a ir a mil sitios a suplicar que, por favor, que boten unha man. Os coidadores empezar a rebentarse. Os días van facéndose inaturables.

Pero vuelva usted mañana.

Esa é a realidade. Así que, por min, que collan os papeliños nos que redactaron todas esas declaracións institucionais, que fagan un roliño e que o metan directamente polo cu.

Perdón.

É que hoxe é o día.

Chuzame! A Facebook A Twitter

E SEN LABORDETA, QUE IMOS FACER?

20th Setembro 2010 by franciscocastro 7 Comentarios

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/RGB71U4E1Rk" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

A canción que sempre me gustou máis de José Antonio Labordeta é aquela que di "que vamos a hacer, cuando el futuro venga con nosotros a tomar café".

Lembro que merquei o disco despois de lla escoitar cantar, a mediados dos 80, nun concerto brillante e vibrante, a mediados dos 80.

O certo é que a pregunta é máis que pertinente: e agora que imos facer. Porque o futuro xa está aquí, e non para tomar café, precisamente, senón que nos promete que non vai haber café, e si máis aldraxe e máis abusos.

Sen Labordeta, capaz de dicir verdades, e de cantalas, agora, que imos facer?

Chuzame! A Facebook A Twitter

SEA CORTÉS: NO HABLE GALLEGO

17th Setembro 2010 by franciscocastro 12 Comentarios

A imaxe que aquí vos deixo xa a coñecedes case que todos. Leva rulando por aí un par de anos. E é escandalosa, si, pero non deixa de ser unha inxenuidade cometida por parte de quen a redactou, pois estaba claro que algo así de espantoso, co tempo, remataría saíndo á luz. O realmente grave son todas aquelas situacións nas que, aínda que non figura por escrito, o traballor/a sabe de sobre, intúe, entende sen que ninguén llo diga, que é mellor que fale na hispánica lingua, non vaia ser o demo. O realmente grave é saber que se envías a túa carta solicitando traballo e o teu CV en galego, o máis probable é que non te chamen aínda que teñas unha traxectoria académica marabillosa. Non están escritas, pero son así.

Pola miña banda, vou seguir sendo todo un exemplo de malaeducación e vou seguir falando en galego. Aínda que por escrito me digan outra cousa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿PERO SOIS GALLEGOS?

16th Setembro 2010 by franciscocastro 9 Comentarios

Hai días que quero contar unha historia que vivín coa miña pequecha contra a fin de agosto, na praia de Riazor na Coruña. Ela, que é moi sociable, ao ver que ao noso carón instalaba as toallas unha familia con moita xente e, sobre todo, con moitos cativos e cativas (maiores ca ela: ten dous anos, aqueles eran tres nenas de arredor de oito anos, curmáns como despois nos explicaron), non dubidou en mesturarse coas rapazas para xogar.

Eu, pensando que quizais estaba a amolar aos maiores, e máis que nada por diplomacia, díxenlle que mellor que viñera para a toalla, que deixara á xente tranquila.

Unha das cativas, preguntou:

- ¿Sois gallegos?

Respondín que si, que de Vigo.

- Claro, como habláis gallego. Estos (sinalaba para as outras dúas nenas), son de Madrid. Pero yo también soy gallega, de Laracha. Pero no hablo gallego. Y de pequeña lo entendía mejor, pero como ahora vivo en La Coruña…

Cada quen que tire as conclusións que lle pete sacar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

COMO WOODY ALLEN (3)

15th Setembro 2010 by franciscocastro 2 Comentarios

Hoxe será a terceira, e prometo que final vez, que escribirei sobre esta entrevista con Woody Allen e da que xa falei aquí e aquí. Pero é que hai moita idea intelixente aí. E eu gusto de deixarme anegar por ideas intelixentes.

Na conversa, que como xa dixemos é fundamentalmente unha longa reflexión sobre o feito de crear, o cineasta sinala que a creatividade axúdalle a atrevesar a vida.

Gústame moito que o exprese así, con ese verbo: atravesar. Porque a vida, a fin de contas, ven sendo un sitio onde nos botan sen nos preguntar, e onde semella que todo o mundo se pon de acordo a ver se consiguen a nosa infelicidade. Por iso hai que atravesala o mellor que se poida. A poder ser cun sorriso e, sobre todo, sen humillacións.

Coido que iso pode ser conseguido dende un planteamento vital que case que toque, en todo o que se faga (non falo só de creación artística, falo tamén de como amar ou como xogar ou como comer ou como…) que toque, dicía, o máxico, o excelso, o elegante, o poético. Ou sexa, todo iso que ten que ver coa creatividade e que fai que vivamos, no fondo, quentiños e abrazados a unha fermosa realidade paralela onde todo é posible.

Chuzame! A Facebook A Twitter