PLAYBACK

Posted by franciscocastro - 18/08/10 at 11:08 p.m.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/K_RMSrgETWo" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Leo que o grupo La Unión recoñeceu que actuou en playback en Baiona. A nova sérvelle ao xornal La Voz de Galicia para explicar que hai unha chea de grupos que fan algo semellante ou moi parecido, ao levar as bases pregravadas.

Como músico frustrado que son (todos os días, todos, o tipo do espello recórdamo) o asunto interésame moito, tanto, que un dos meus primeiros libros, do ano 1997, chámase precisamente así, Play-back. A obra, editada pesimamente e distribuida peor, pola Deputación de Pontevedra, fora merecedora do Premio de Novela Corta Lueiro Rey daquel ano. Aínda que o tema non era precisamente ese, senón algo máis duro, o certo é que tamén saía. E dicíao o narrador (xa saben os que me leron algo: ese narrador prosma que aparece en todas as miñas novelas) que non lle gustaba nada, e que era un timo.

Se por min fóra, quedaría desterrado para sempre o playback. Porque é un timo pero, sobre todo, porque é patético. Todos temos visto na televisión a vellas glorias, pero moi vellas e xa non tan gloriosas, movendo con dificultade a boquiña para facela casar cunha gravación do ano sesenta e pico. E claro, non dan feito. E todos temos visto como ás veces todos se desincronizan, e a voz vai por un sitio e os movementos dos beizos por outro, como se fosen ventrílocuos. Por non falar dos pobriños e pobriñas que contratan para facer como que tocan e ves que a batería non soa pero o tipo veña que dalle como se fose un tema heavy, ou ao falso guitarrista (que o día anterior no mesmo programa tocaba o saxofón) facendo un punteo que calquera que teña collido unha guitarra nas mans algunha vez sabe que así que non é.

Houbo un tempo en que estaba prohibido. E ata os meus queridos Beatles sufriron no seu día as críticas por facelo nun programa de televisión.

Pero que estas prácticas tamén sexan en directo, seméllame, sobre todo, unha falta de respecto absoluta ao público, que non está alí para ver un monicreque, senón a xente preparada facendo o que se supón que sabe facer. Imaxinen que acoden a un recital de poesía e limítome a mover a boca mentres soa por detrás unha voz que eu gravei previamente no ordenador da casa. Ou imaxinen calquera dos grandes concertos aos que teñan asistido nas súas vidas (eu que sei, o de Cohen en Vigo o ano pasado), e que o cantante ou o grupo enteiro, non fixeran, en realidade, nada máis que se mover con máis ou menos acerto.

Igual non o parece, pero este é un dos asuntos que me cabrean de verdade. Quizais porque, como xa dixen, quero verme tocando, pero de verdade, no escenario para todos vostedes algún día. A pelo e sen artificios. Xa verán, xa.

Os comentarios están pechados.