AQUELES CROMOS DA INFANCIA

Posted by franciscocastro - 15/08/10 at 09:08 p.m.

Hoxe case que todos os xornais agasallaban cun álbum de cromos da liga de fútbol. Foi collelo, moi de mañá, e entrarme unhas ganas enormes, a min, que non son nada futboleiro, de facer a colección completa. Porque as emocións, xa se sabe, algunhas delas viven na memoria, e a dos cromos de fútbol ocupan unha parte moi grande.

A foto é do primeiro álbum do que teño memoria. Liga 73/74, xa que logo, teño 7 anos. Cheguei a facer o álbum completo. Con todos eses que están aí na imaxe: Iribar, e Pirri, e Ovejero e Ayala e, por suposto, Cruyff. Lembro que botei un mundo de tempo ata que conseguín a Velázquez e pechei o álbum. Canto fachendeei diante do resto da rapazada.

Canta felicidade.

Conservei aquel álbum durante anos, ata que un día parvo tirei con el ao lixo.

Idiota.

Cada ano repetiamos o mesmo ritual. Daquela non estaba tan ben montado o asunto da mercadotecnia como agora. Por aqueles días a experta en márketing era Concha, a da lechería, que un día nos informaba de que xa viñeran os cromos. E era recibir a nova e lanzarnos todos a mercar aqueles sobres e a abrilos coa esperanza de que saíse algún que non tiñamos. ( Escribo isto, foder, vou vello, e emociónome). E andabamos durante semanas con aqueles tacos enormes dos cromos repes para cambiar no recreo con outros rapaces que andiveran metidos no mesmo cá nós. Eran cromos grandes, durísimos. Non chegaba a palma da man para telos. Agora son pegatinas adhesivas frouxiñas que rachan con nada.

Hoxe atacoume a nostalxia.

E estou certo de que a moitos dos que me ledes, tamén.

Os comentarios están pechados.