ANA KIRO

Posted by franciscocastro - 13/08/10 at 09:08 p.m.

Obviamente, os meus gustos musicais están moi afastados dos temas de Ana Kiro. Mais iso non quita que hoxe teña moitísimas ganas de escribirlle aquí o que penso.

Sabido é que está a recibir moitísimas (e merecidísimas) homenaxes por todas partes. Anda maliña, loitando. E agora todo o mundo (e iso é marabilloso) anda a demostrarlle o moito que a queren. E as ganas de que axiña estea de novo sobre un escenario cantando coma sempre.

E aí é ao que vou. Porque Ana Kiro leva toda a vida cantando en galego. Pasodobres e cumbias e cha-cha-chás e todo iso das verbenas. Pero en galego. Dende o franquismo. E despois.

Coido que isto é importantísimo suliñalo. Porque sempre que falamos dos que defenden o galego, referímonos a escritores, a intelectuais, a xente da palabra máis ou menos escrita. E moi poucas veces, ou case que nunca, facemos mención de todas esas e todos eses que, no seu traballo diario e público, optaron e optan pola nosa lingua con fachenda e sen complexos.

Non sei nin unha soa canción de Ana Kiro. Vina só, e de lonxe, hai mil anos nas festas de Chapela e non me pareceu que debera quedarme (é o que temos os rockeiros, que somos moi intolerantes). Pero diante da súa actitude diante da lingua nosa só podo admirarme e pedir, para ela, todos os recoñecementos posibles.

O meu, cativo e humilde, xa o ten.

Os comentarios están pechados.