É TODO CULPA NOSA

Posted by franciscocastro - 12/08/10 at 10:08 p.m.

César Casal escribiu hoxe un vigoroso artigo en La Voz de Galicia, arredor desa muller viúva que os talibán veñen de asasinar “acusada” de adúltera. 200 lategazos en público (non sei se alguén é capaz de maxinar en serio a brutalidade da tortura, da aldraxe, da violación dos Dereitos Humanos que isto supón) e, despois, o mesmo talibán que a xulgou e deu os lategazos, meteulle tres tiros na cabeza. E quedaría cheíño. Ao tempo, no artigo, coméntanos tamén o caso de Bibi Aisha (a muller da foto), afgana de 19 anos a quen os mesmos, personifados no seu home, curtaron o nariz e as orellas polo “pecado” de escapar del, a quen fora vendida.

Case que nada teño que engadir ao artigo. Só unha cousa que tamén, dalgunha maneira, está nas súas letras.

Como levo tempo e tempo dicindo, a culpa de que estas cousas sucedan é só nosa,é dicir, do primeiro mundo, dos que nos alegramos co mundial, dos que facemos a operacióm bikini. Etcétera. É dicir, dos que ollamos cara outro lado en certos países árabes onde te poden condear a morte polos motivos máis diversos, pero disimulamos porque teñen petróleo a esgalla; dos que imos a China a darnos biquiños cos seus dirixentes ao tempo que sabemos que os dereitos humanos máis básicos non se respectan, pero calamos porque son o gran mercado futuro. E todo pola pasta (por exemplo, BlackBerry vén de aceptar someterse á vixiancia saudí para poderse vender alí. É dicir, a xente dese país será espiada no que diga utilizando o trebello noxento este. Só por iso, xa tiñamos que organizarlle un boicot en toda regra).

En fin. Para que seguir.

A culpa é toda nosa. Que nos preocupamos máis pola Belén Esteban que das mulleres afganas, violadas, mutiladas, asasinadas porque si. Etcétera.

Os comentarios están pechados.