OS FUTBOLISTAS DEBERÍAN SER MUDOS

Posted by franciscocastro - 03/08/10 at 11:08 p.m.

Vaia por diante que teño a Messi por unha persoa admirable: xa non por ser o futbolista que é senón, sobre todo, pola humildade que sempre amosa e, tamén, pola de horas que inviste en liderar proxectos solidarios de apoio ao terceiro mundo.

Iso por diante.

Agora imos por detrás.

Reproduce hoxe Marina Mayoral a resposta do futbolista á pregunta sobre cales son as súas preferencias literarias. Di o arxentino:

«Una vez quise leer un libro y a la mitad no pude más».

A frase, sen dúbida, é sincera. Pero totalmente infortunada aínda que sexa verdade. Porque Leo Messi é, sobre todo, un exemplo de vida e de futuro para os máis novos, que se miran no seu éxito e que, xa que logo, van imitalo. Sen dúbida, non a pensou ben, porque hai preguntas nas que os personaxes públicos sempre deben mentir. Se un non se ducha, por exemplo, e lle preguntan que con canta frecuencia, debe dicir que todos os días. E quen di iso di levar o cinto de seguridade posto se vas gravar un video ao xeito de Mariano Rajoy.

E así con todo.

É moi importante que os Messis e Bisbales e outros modelos para a mocidade, se comprometan en serio coa cultura. Probablemente se os ensarilláramos nunha campaña de fomento da lectura teriamos, de certo, máis da metade do traballo de chamada de atención feito. Pero, xa que non os temos traballando a prol da cultura, cando menos deberiamos pedirlles que non traballaran contra dela.

Os comentarios están pechados.