A CULTURA NON LLE IMPORTA A NINGUÉN

Posted by franciscocastro - 01/08/10 at 11:08 p.m.

Os políticos son especialistas en montar (os programas de ordenador dan para moito) representacións virtuais do que han facer. En Vigo, como supoño que noutros moitos sitios, sonche especialistas en, cada quince días máis ou menos, sacar no Faro de Vigo unha montaxe virtual de como vai quedar tal ou taloutro sitio. Se algún día alguén se tomase a molestia de recopilar portadas de todo o que ía facerse e despois non se fixo (pero como propaganda funcionou perfectamente) habiamos alucinar.

Sen embargo, si que se fan cousas. Prometeron o Pazo de Congresos, e aí case que está. Ben. Prometeron unha nova estación de tren porque vai chegar o AVE (aló polo século XXX máis ou menos, pero chegará), e case que está. Ben. E así con outras moitas cousas. Aí están. Ben.

Sen embargo, hai unha chea, anunciouse con todo o boato do mundo que ía haber unha gran biblioteca estatal na cidade. Recordaba todo isto hoxe La Voz de Galicia. E dela, a día de hoxe, nada se sabe e, témome, nada se saberá. A fin de contas, a cultura non lle importa a ninguén. E se non se fixera a estación igual había cristo. Ou se non estivera, eu que sei, o céspede de Balaídos a punto cando comece a liga.

Pero se nos prometen unha biblioteca en condicións e pasan os meses e os anos e da promesa nada hai, seica a ninguén lle importa e ninguén pide responsabilidades.

A fin de contas, estamos a falar de libros e iso da lectura só lle preocupa a catro friquis que len blogs e que non teñen vida social ningunha.

Os comentarios están pechados.