Archive for Agosto, 2010

VAIA COÑAZO!

31st Agosto 2010 by franciscocastro 9 Comentarios

Pasei toda a semana pasada fritíndome, literalmente, en Andalucía. Pero antes, pasei tres días en Madrid, e unha das xornadas dediqueinas a mergullarme nos postos de libros vellos e usados. Atopei un moi cheo de cousas interesantes. Naquela mesa caótica, axiña me decatei de que había unha morea de libros relativamente novos que, ao abrilos, viñan asinados co nome do seu ex-propietario.

A miña fabulatriz mente comezou a imaxinar as circunstancias que levarían a aquel individuo a vender a súa biblioteca. Todos tiñan apuntado a data no que foran mercados e a data no que foran lidos. Pensei na súa dor ao se desfacer dos seus queridos volumes. Pensei unha historia de ruína económica que o levaba a tomar semellante decisión. E como eu son así, decidín que quería un daqueles que foran daquel individuo que eu xa sentía como medio irmán.

Así que collín un exemplar dunha novela dun escritor francés (non vou dicir cal) do que gusto moitísimo. Un autor aínda vivo. Un autor moi polémico do que me gusta todo. Concretamente, collín a súa novela máis famosa. Unha realmente boa.

Dentro, coa súa caligrafía coidada, escribira: VAYA COÑAZO!

Deixeino alí. O tipo aquel que vendera a súa biblioteca, ademais, non tiña criterio ningún. Que lle dean.

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿E SE ASA LARSSON FOSE GALEGA?

22nd Agosto 2010 by franciscocastro 4 Comentarios

Unha das autoras de moda é Asa Laarson, batendo marcas de vendas en todo o mundo grazas ao seu segundo libro, Sangue derramado. Como non: novela policial e sueca. Seica Suecia non dá poetas, ou narradores doutro xénero nos últimos tempos.

Estes días lin en varios lugares que ela, como tanta outra xente nunha chea de linguas distintas, un día entendeu que tiña que deixar o seu traballo para dedicarse á escrita, é dicir, deixou de ser avogada porque entendeu que lle divertía (así o dixo) escribir.

Asa Larsson é sueca. E daquela pode facer iso. Se fose galega, e aínda que escribise igual de ben (e por volver sobre o tema ) dende logo, non debería, nin de lonxe e por mera prudencia, deixar a toga.

Chuzame! A Facebook A Twitter

DAQUELA, COMO WOODY ALLEN

21st Agosto 2010 by franciscocastro 3 Comentarios

Onte, falaba de Sardá, e do seu escribir por amor á arte. Eu hai ben de tempo que dixen que, en parte, eu escribía por este tipo de cousas.

Quizais por iso gusto tanto desta entrevista con Woody Allen, a quen admiro entregadamente dende que teño uso de razón, na que reflexiona sobre a creatividade e os motivos que nos levan a nos poñer diante dun teclado a inventar outras realidades, a pasar tantísimo tempo xerando un universo falso, o literario (ou cinematográfico) pero que, en verdade, é o que nos dá pracer.

Quedo coa súa resposta, máis miña que a de onte do Sardá, cando afirma que traballa por diversión e por desesperación.

En efecto: eu escribo porque me fai feliz; e grazas á escrita, son capaz de sobrevivir, en parte, neste mundo desesperante que nos tocou.

Chuzame! A Facebook A Twitter

SE A JAVIER SARDÁ NON LLE COMPENSA…

20th Agosto 2010 by franciscocastro Comentarios desactivados

Hai uns días saíu publicada unha entrevista con Javier Sardá na que, entre outras cousas, preguntado pola súa nova novela, da que xa nos ocupamos aquí, solta o seguinte cando lle cuestionan se traballa ou escribe por amor á arte:

Escribir, sí. Por descontado. No me compensa económicamente el libro. Me lo publican porque soy yo. Por lo tanto, no hay que darle mayor trascendencia.

Da fraseciña hai que tirar dúas conclusións importantes: en primeiro lugar, e é para celebrar, que o Sardá é un tipo cos pés no chan. Non vai de novelista. E sabe perfectamente que as novelas que lle sacan non son pola calidade literaria dos seus textos senón porque a editorial vai vender moito por ser el quen é. Bravo por Sardá. E en segundo lugar, que se a el, que venderá, só porque é el, uns cantos miles de exemplares en todo o estado, non lle compensa economicamente, como nos sentiremos, daquela, os escritores e escritoras de Galicia que vendemos moitísimo menos e que non contamos co apoio mediático que el conta, que non se nos ve nas librerías, que non se nos atende (case) nos medios, etc…

Nós si que escribimos por amor á arte.

Chuzame! A Facebook A Twitter

SABER CATALÁN OU SABER GALEGO

19th Agosto 2010 by franciscocastro 9 Comentarios

Téñena montada de novo en Cataluña, desta vez pola Lei de Acollida e pola obrigatoriedade ou non de saber catalán para estar totalmente integrados no país. A Defensora do Pobo en funcións (ollo, que como xa comentamos, soa el de La Coruña como sustituto) recurriu a norma por «coherencia» para afirmar, de paso, que no se necesita saber catalán para integrarse en Cataluña.

A ver, non vou perder o tempo en argumentar o absurdo que é dicir que non hai que saber a lingua dun país para estar integrado nel. Non ten nin pés nin cabeza e iso sábeo todo o mundo. Se eu só falo galego, con todo o mundo, e se me achega, eu que sei, unha irlandesa guapa guapísima guapérrima e me entra para ligar, e non sabe galego, carafio, comigo ten difícil integrarse. E xa máis en serio: se monto unha empresa e comezo coa selección de persoal, dificilmente un inmigrante vai ser contratado se non me garante que aos extraterrestres coma min vai poder atendelos na lingua propia do país.

Pero xa dixen que non ía investir tempo en argumentar sobre iso e xa o fixen.

Ao que vou. Para que discutan.

Está trabucada a Defensora do Pobo en funcións cando di que un se pode integrar en Cataluña sen o catalán (no fondo, o que está a dicir é que co castelán xa vale). Porque como temos comprobado en moitas viaxes, o catalán é unha lingua presente nas relacións normais entre a xente. Sen embargo, e isto é para chorar, si que é posible vivir integradísimo en Galicia, a pesar dos exemplos que antes puxen, sen saber galego nin falalo. E isto é válido para os de fóra e, sobre todo, para os de dentro.

Así de triste. ¿Ou non?

Chuzame! A Facebook A Twitter

PLAYBACK

18th Agosto 2010 by franciscocastro 2 Comentarios

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/K_RMSrgETWo" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Leo que o grupo La Unión recoñeceu que actuou en playback en Baiona. A nova sérvelle ao xornal La Voz de Galicia para explicar que hai unha chea de grupos que fan algo semellante ou moi parecido, ao levar as bases pregravadas.

Como músico frustrado que son (todos os días, todos, o tipo do espello recórdamo) o asunto interésame moito, tanto, que un dos meus primeiros libros, do ano 1997, chámase precisamente así, Play-back. A obra, editada pesimamente e distribuida peor, pola Deputación de Pontevedra, fora merecedora do Premio de Novela Corta Lueiro Rey daquel ano. Aínda que o tema non era precisamente ese, senón algo máis duro, o certo é que tamén saía. E dicíao o narrador (xa saben os que me leron algo: ese narrador prosma que aparece en todas as miñas novelas) que non lle gustaba nada, e que era un timo.

Se por min fóra, quedaría desterrado para sempre o playback. Porque é un timo pero, sobre todo, porque é patético. Todos temos visto na televisión a vellas glorias, pero moi vellas e xa non tan gloriosas, movendo con dificultade a boquiña para facela casar cunha gravación do ano sesenta e pico. E claro, non dan feito. E todos temos visto como ás veces todos se desincronizan, e a voz vai por un sitio e os movementos dos beizos por outro, como se fosen ventrílocuos. Por non falar dos pobriños e pobriñas que contratan para facer como que tocan e ves que a batería non soa pero o tipo veña que dalle como se fose un tema heavy, ou ao falso guitarrista (que o día anterior no mesmo programa tocaba o saxofón) facendo un punteo que calquera que teña collido unha guitarra nas mans algunha vez sabe que así que non é.

Houbo un tempo en que estaba prohibido. E ata os meus queridos Beatles sufriron no seu día as críticas por facelo nun programa de televisión.

Pero que estas prácticas tamén sexan en directo, seméllame, sobre todo, unha falta de respecto absoluta ao público, que non está alí para ver un monicreque, senón a xente preparada facendo o que se supón que sabe facer. Imaxinen que acoden a un recital de poesía e limítome a mover a boca mentres soa por detrás unha voz que eu gravei previamente no ordenador da casa. Ou imaxinen calquera dos grandes concertos aos que teñan asistido nas súas vidas (eu que sei, o de Cohen en Vigo o ano pasado), e que o cantante ou o grupo enteiro, non fixeran, en realidade, nada máis que se mover con máis ou menos acerto.

Igual non o parece, pero este é un dos asuntos que me cabrean de verdade. Quizais porque, como xa dixen, quero verme tocando, pero de verdade, no escenario para todos vostedes algún día. A pelo e sen artificios. Xa verán, xa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

AQUELES CROMOS DA INFANCIA

15th Agosto 2010 by franciscocastro 2 Comentarios

Hoxe case que todos os xornais agasallaban cun álbum de cromos da liga de fútbol. Foi collelo, moi de mañá, e entrarme unhas ganas enormes, a min, que non son nada futboleiro, de facer a colección completa. Porque as emocións, xa se sabe, algunhas delas viven na memoria, e a dos cromos de fútbol ocupan unha parte moi grande.

A foto é do primeiro álbum do que teño memoria. Liga 73/74, xa que logo, teño 7 anos. Cheguei a facer o álbum completo. Con todos eses que están aí na imaxe: Iribar, e Pirri, e Ovejero e Ayala e, por suposto, Cruyff. Lembro que botei un mundo de tempo ata que conseguín a Velázquez e pechei o álbum. Canto fachendeei diante do resto da rapazada.

Canta felicidade.

Conservei aquel álbum durante anos, ata que un día parvo tirei con el ao lixo.

Idiota.

Cada ano repetiamos o mesmo ritual. Daquela non estaba tan ben montado o asunto da mercadotecnia como agora. Por aqueles días a experta en márketing era Concha, a da lechería, que un día nos informaba de que xa viñeran os cromos. E era recibir a nova e lanzarnos todos a mercar aqueles sobres e a abrilos coa esperanza de que saíse algún que non tiñamos. ( Escribo isto, foder, vou vello, e emociónome). E andabamos durante semanas con aqueles tacos enormes dos cromos repes para cambiar no recreo con outros rapaces que andiveran metidos no mesmo cá nós. Eran cromos grandes, durísimos. Non chegaba a palma da man para telos. Agora son pegatinas adhesivas frouxiñas que rachan con nada.

Hoxe atacoume a nostalxia.

E estou certo de que a moitos dos que me ledes, tamén.

Chuzame! A Facebook A Twitter

ANA KIRO

13th Agosto 2010 by franciscocastro 8 Comentarios

Obviamente, os meus gustos musicais están moi afastados dos temas de Ana Kiro. Mais iso non quita que hoxe teña moitísimas ganas de escribirlle aquí o que penso.

Sabido é que está a recibir moitísimas (e merecidísimas) homenaxes por todas partes. Anda maliña, loitando. E agora todo o mundo (e iso é marabilloso) anda a demostrarlle o moito que a queren. E as ganas de que axiña estea de novo sobre un escenario cantando coma sempre.

E aí é ao que vou. Porque Ana Kiro leva toda a vida cantando en galego. Pasodobres e cumbias e cha-cha-chás e todo iso das verbenas. Pero en galego. Dende o franquismo. E despois.

Coido que isto é importantísimo suliñalo. Porque sempre que falamos dos que defenden o galego, referímonos a escritores, a intelectuais, a xente da palabra máis ou menos escrita. E moi poucas veces, ou case que nunca, facemos mención de todas esas e todos eses que, no seu traballo diario e público, optaron e optan pola nosa lingua con fachenda e sen complexos.

Non sei nin unha soa canción de Ana Kiro. Vina só, e de lonxe, hai mil anos nas festas de Chapela e non me pareceu que debera quedarme (é o que temos os rockeiros, que somos moi intolerantes). Pero diante da súa actitude diante da lingua nosa só podo admirarme e pedir, para ela, todos os recoñecementos posibles.

O meu, cativo e humilde, xa o ten.

Chuzame! A Facebook A Twitter

É TODO CULPA NOSA

12th Agosto 2010 by franciscocastro 2 Comentarios

César Casal escribiu hoxe un vigoroso artigo en La Voz de Galicia, arredor desa muller viúva que os talibán veñen de asasinar «acusada» de adúltera. 200 lategazos en público (non sei se alguén é capaz de maxinar en serio a brutalidade da tortura, da aldraxe, da violación dos Dereitos Humanos que isto supón) e, despois, o mesmo talibán que a xulgou e deu os lategazos, meteulle tres tiros na cabeza. E quedaría cheíño. Ao tempo, no artigo, coméntanos tamén o caso de Bibi Aisha (a muller da foto), afgana de 19 anos a quen os mesmos, personifados no seu home, curtaron o nariz e as orellas polo «pecado» de escapar del, a quen fora vendida.

Case que nada teño que engadir ao artigo. Só unha cousa que tamén, dalgunha maneira, está nas súas letras.

Como levo tempo e tempo dicindo, a culpa de que estas cousas sucedan é só nosa,é dicir, do primeiro mundo, dos que nos alegramos co mundial, dos que facemos a operacióm bikini. Etcétera. É dicir, dos que ollamos cara outro lado en certos países árabes onde te poden condear a morte polos motivos máis diversos, pero disimulamos porque teñen petróleo a esgalla; dos que imos a China a darnos biquiños cos seus dirixentes ao tempo que sabemos que os dereitos humanos máis básicos non se respectan, pero calamos porque son o gran mercado futuro. E todo pola pasta (por exemplo, BlackBerry vén de aceptar someterse á vixiancia saudí para poderse vender alí. É dicir, a xente dese país será espiada no que diga utilizando o trebello noxento este. Só por iso, xa tiñamos que organizarlle un boicot en toda regra).

En fin. Para que seguir.

A culpa é toda nosa. Que nos preocupamos máis pola Belén Esteban que das mulleres afganas, violadas, mutiladas, asasinadas porque si. Etcétera.

Chuzame! A Facebook A Twitter

30 ANOS DE DISTORSIÓN

11th Agosto 2010 by franciscocastro Non hai comentarios

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/T_rIS8IpLfY" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Estes días conmemóranse os 30 anos do mítico álbum dos AC/DC Back in black. Aínda que non son un gran seguidor da súa discografía, si teño algo que dicir desta canción, como tantas, pegada á miña memoria sentimental.

Hai trinta anos eu tiña trece. Era un proxecto. Pero un proxecto a mil por hora. Sei ben o que é a adolescencia porque non me esquezo do adolescente que fun, de como sentía, de como todo era absolutamente absoluto.

Esta canción de AC/DC chegoume durante moitos días seguidos, a todo trapo (como debe de ser escoitada, por certo), no comecio da nai dun amigo do instituto. Daquela, todos o mirabamos con moito respecto porque dicía que tomaba anfetas. Igual si igual non, pero o que pretendo dicir é que cando nos xuntabamos, xusto antes do comezo das clases da tarde (cada día ás catro), na mercería pechada da nai, con isto soando en plan bestial, e aquel rapaz saía do baño cos ollos como chiribitas e nos poñiamos a chimpar sobre as cadeiras e un vello sofá que a boa señora tiña por alí, eu sentíame o tipo máis adulto e contracultural do planeta.

Hoxe, de cando en vez, atópome con el. É un respectable vendedor de mobles. Sóbralle bandullo e, sen dúbida, non ten estilo ningún levando a calva. Semella que ten dez anos máis ca min a pesar de sermos do mesmo ano e, incluso, daquela, estarmos os dous colgados da mesma rapaza que nos ignorou en estéreo.

Eu, de cando en vez, escoito este tema. E pecho os ollos e chimpo como se fose ceguiño de anfetas aínda que, deben crerme, nunca tal cousa fixen na miña vida.

Chuzame! A Facebook A Twitter