¿E QUE PASARÍA SE RAJOY LESE LITERATURA GALEGA?

Posted by franciscocastro - 31/07/10 at 11:07 p.m.

Levo anos dicindo (e sempre en serio) que é moi importante que os que aspiran a representarnos politicamente nos digan, cando menos a certo sector da sociedade que valoramos a cultura, que é o que están lendo e por que. Non é por poñerme platónico, pois Platón era un prosma danino que mantiña aquilo de que o gobernante debe de ser un sabio, pero si que é certo que é importante que nos quede claro que, nos seus tempos de lecer, que imaxino escasos, entre outras cousas, len.

Todo isto a conta de que esta tarde escoitei na radio que entre os propósitos de Rajoy para o verán está ler a Julia Navarro. Non teño nada contra desta novelista. E paréceme moi ben que a lea. O que pasa é que (ía moita calor) déuseme por pensar como cambiaría todo se de súpeto, cando lle preguntan a un galego de Santiago coma el político importante e de peso no conxunto do estado e, xa que logo, con influenza sobre a cidadanía, que le, pois vai e resposta que só literatura galega, que en Galicia hai, e en galego, estupendos literatos, e que nada mellor que unha cervexiña e un ou unha poeta galegos para cargar as pilas de cara a setembro, que hai moita caña que dar.

Imaxinade o que cambiaría todo se os que nos gobernan aquí, ou alá, e os que aspiran a facelo aquí, ou aló, desen mostras continuas de que escoitan a nosa música, que len os nosos libros, e que ollan (isto xa é máis complexo) o noso cinema.

Pensen niso. E sobre todo, que o pensen eles.

Os comentarios están pechados.