O SEU VALOR É DE SEU

Posted by franciscocastro - 10/07/10 at 10:07 p.m.

Ese é o título en galego dun meu traballo que vén de saír no libro Creation, Publishing, and Criticism publicado por Peter Lang Publishing Group, de Irlanda, e coordinado polas profesoras María Xesús Nogueira, Laura Lojo e Manuela Palacios, e no que un mollo amplo de autores e autoras de diversos ámbitos da cultura reflexionamos arredor do papel da muller no sistema literario galego, a súa relevancia actual, o seu tratamento por parte do mundo editorial, etc.

Entre outros, escriben no volume Fran Alonso, María do Cebreiro, Marilar Aleixandre, Mercedes Queixas Zas, Paz Castro, Ramón Nicolás, Ánxeles Cuña Bóveda…

A profesora Nogueira pediume un ensaio arredor da influencia, de existir, dos planes editoriais galegos na promoción da literatura escrita por mulleres. A miña tese, no básico, está resumida no título (en inglés soa de marabilla: Of value on their Own. Literature by Women and Galician Publishing) e vén sendo que se de cada vez a presenza das escritoras é máis notable e máis exitosa, ata o punto de chegar a un status de clara normalidade, non é por política especial de promoción de ningunha clase a nivel editorial senón polo seu propio mérito como narradoras, como poetas e como ensaístas.

Espero, en breve, poñer aquí o traballo enteiro. En galego e en inglés. Así, a máis de un, vaille gustar e todo (¿ou igual me denunciarán por non poñelo tamén en castelán?).

Os comentarios están pechados.