Archive for Xullo, 2010

¿E QUE PASARÍA SE RAJOY LESE LITERATURA GALEGA?

31st Xullo 2010 by franciscocastro 4 Comentarios

Levo anos dicindo (e sempre en serio) que é moi importante que os que aspiran a representarnos politicamente nos digan, cando menos a certo sector da sociedade que valoramos a cultura, que é o que están lendo e por que. Non é por poñerme platónico, pois Platón era un prosma danino que mantiña aquilo de que o gobernante debe de ser un sabio, pero si que é certo que é importante que nos quede claro que, nos seus tempos de lecer, que imaxino escasos, entre outras cousas, len.

Todo isto a conta de que esta tarde escoitei na radio que entre os propósitos de Rajoy para o verán está ler a Julia Navarro. Non teño nada contra desta novelista. E paréceme moi ben que a lea. O que pasa é que (ía moita calor) déuseme por pensar como cambiaría todo se de súpeto, cando lle preguntan a un galego de Santiago coma el político importante e de peso no conxunto do estado e, xa que logo, con influenza sobre a cidadanía, que le, pois vai e resposta que só literatura galega, que en Galicia hai, e en galego, estupendos literatos, e que nada mellor que unha cervexiña e un ou unha poeta galegos para cargar as pilas de cara a setembro, que hai moita caña que dar.

Imaxinade o que cambiaría todo se os que nos gobernan aquí, ou alá, e os que aspiran a facelo aquí, ou aló, desen mostras continuas de que escoitan a nosa música, que len os nosos libros, e que ollan (isto xa é máis complexo) o noso cinema.

Pensen niso. E sobre todo, que o pensen eles.

Chuzame! A Facebook A Twitter

ESCRIBIR PARA NON TOLEAR

29th Xullo 2010 by franciscocastro 9 Comentarios

Hai uns días lía unha entrevista con Chuck Palahniuk, ese señor da foto, onde declaraba que a literatura é o que o salvou da tolemia.

Os escritores reflexionamos moito sobre a nosa arte e, sobre todo, sobre o sentido da nosa arte. Queremos saber porque nos dedicamos a isto, por que non empregamos mellor o tempo, eu que sei, noutros asuntos máis produtivos economicamente. Á xente cústalle entender que sacrifiquemos tanto pola literatura: familia, horas de durmir, relacións sociais… Ademais, a escrita é un traballo contraditorio pois é unha actividade profundamente solitaria que, no fondo, procura un resultado que implique chegar a millóns de persoas. A cada un, a cada unha que lle preguntes, dirache que o fai por unha cousa distinta: está o tópico de para que me queiran máis, e hai outros, unha chea deles.

Eu direi que si, que como Chuck Palahniuk escribo para  non volverme tolo. Para sobrevivir. Para ser quen de estar no mundo. Para aturalo, que non para aturarme. Para ser quen de saír polas mañás a facer cousas normais de xente normal. Para manter a cabeza no meu sitio. Para sentir moito máis no medio desta realidade anestesiada. Para soportar. Para medrar. Para rir. Para tolear con elegancia e con estilo.

Escribo para ser feliz, si. Para ser un lúcido feliz. Ou para ser un tolo inconsciente.

Chuzame! A Facebook A Twitter

PRESENTACIÓN DE ‘O SEGREDO DE MARCO POLO’ NA CORUÑA

27th Xullo 2010 by franciscocastro 8 Comentarios

Será a terceira e, polo de agora, derradeira presentación de ‘O segredo de Marco Polo’. En setembro volverei por Compostela a falar do libro nun acto fermoso do que xa vos avisarei.

De momento, tócame anunciarvos o pracer enorme que é para min ir o vindeiro luns, ás 20 horas, á Feira da Coruña para presentar esta novela na compaña de Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, e de Dores Tembrás, unha das poetas galegas que máis admiro. O seu O pouso do fume é un dos mellores libros de poemas dos que teño lido nos últimos anos. Lédeo. Non vos arrepentiredes.

Espero vervos a todos e a todas alí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

MAÑÁ AO FESTIGAL

24th Xullo 2010 by franciscocastro Non hai comentarios

Mañá, Día da Patria Galega, andarei polo Festigal para a presentación do meu novo libro, ‘O segredo de Marco Polo‘, ás 20.45. Estades todos convidados a ir.

Pero, sobre todo, estades todos convidados a participar dunha das máis fermosas festas culturais das que no ano hai en Galicia. Lonxe do boato dos salóns elegantes, afastado da seriedade que decote adornan os nosos fastos diarios, o Festigal revélase como un exercicio plural, creativo e, sobre todo, xenerosísimo na súa oferta.

No día en que coñecemos novas tan nefastas, encher o Festigal de xente entusiasta semella case que unha obriga.

Chuzame! A Facebook A Twitter

OLÉS EN PONTEVEDRA!!!

23rd Xullo 2010 by franciscocastro 3 Comentarios

Un ano máis, o Concello de Pontevedra (BNG, ollo) organiza nas Festas da Peregrina, un «espectáculo taurino». Na propia web oficial, despois do saúda do alcalde, accedemos á programación do «festexo» no que se ofrece información detallada arredor de Manuel Díaz «El Cordobés» e de Francisco Rivera Ordóñez, entre outros toureiros.

Non vou gastar a cabeciña en poñer enriba da mesa a barbaridade. Simplemente direi que, dende sempre, a esquerda, nacionalista ou non, gustou de presumir de coherencia. Ata onde eu sei, as agrupacións ecoloxistas e de defensa da natureza e dos dereitos dos animais, simpatizan co Bloque ou, incluso, forman parte dela.

Xa que logo, espero que alguén con responsabilidade e opinión teña a ben explicarme como algo así é posible. Porque, se non ten explicación, daquela terei que pensar que tamén entre as xentes da esquerda nacionalista hai populismo e a crenza indebatible de que polos votos, o que sexa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

HISTORIAS ASOMBROSAS PERO VERDADEIRAS 13 (DEMOSTRACIÓN DE QUE EXISTE A XUSTIZA POÉTICA)

21st Xullo 2010 by franciscocastro 2 Comentarios

Onte á tarde saín pasear, medio durmido, deixándome levar polo sopor do cansazo acumulado de todo o ano. Ata que os berrros dunha muller nova me fixeron espertar de todo. Nun volume digno de ser considerado delicto, chamaba polo seu fillo dende a porta dun comercio:

- Fernando!, Fernando!

Seguín o meu camiño e vin un cativo duns seis anos agochado nun portal. Sen dúbida, o tal Fernando que xogaba ao despiste coa súa nai.

Solidario coa señora, faleille ao neno:

- Fernando – o neno fitoume, daquela era el – a túa nai está a chamarte.

O cativo saiu. A nai viuno e, sen dicir nada, soltoulle unha labazada bestial en toda a cara, un hostión descomunal que soou eléctrico, cruel e terrorífico. Logo, meteuno dun tirón dentro do comercio. O cativo agarraba a cara e mordía os beizos para non chorar.

Sentinme fatal por ter sacado ao tal Fernando do seu agocho. Se hai algo que non aturo é que lle peguen a un cativo ou a unha nena. Non o admito. Nunca. Baixo de ningún suposto.

Entrei no Gadis e fixen a compra. Ao saír, vin un balbordo de xente na porta do comercio. Achegueime. A señora estaba no chan, agarrando o nocello. Choraba. Polos seus berros entendín que torcera o pé e que caera. Alguén dixo de chamar unha ambulancia, que aquilo parecía roto.

En fin, chámenme de todo. Pero marchei alegre para casa. Convencido de que existe a xustiza poética.

Chuzame! A Facebook A Twitter

PRESENTACIÓN DE ‘O SEGREDO DE MARCO POLO’ NO FESTIGAL DE SANTIAGO

20th Xullo 2010 by franciscocastro 1 comentario

O vindeiro domingo, ás 20.45 horas, no marco desa festa grande que é o Festigal, presentaremos a miña nova novela, O segredo de Marco Polo.

Estarei acompañado por Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia e pola crítica literaria e experta en literatura infantil e xuvenil, Montse Pena Presas.

Será un pracer vervos a todos por alí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Heidi Klum, Belén Esteban, presidentas

19th Xullo 2010 by franciscocastro 8 Comentarios

Velaí o título do meu novo artigo no dixital de A Nosa Terra.

Podedes lelo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

BEVIDAS

15th Xullo 2010 by franciscocastro 11 Comentarios

Ese cartel que vedes aí é absolutamente auténtico. Hay bevidas frías. Está no meu barrio. En Teis, onde a xente sempre foi un chisco anárquica, como se ve, tamén para o ortografía. Cando mo dixeron non o podía crer. Foi Manu Castro, bo amigo quen mo comentou. Despois de conversarmos, non puido aturalo máis e colleu de cámara para fotografalo e enviarmo.

E aquí está.

E non me diredes que non e ven vonito. Bevidas. E frias. Todo 1 hexemplo de cómo, cando e kere, se pode ser creatibo escrivindo, por que á realidade e moy triste e conben votarye himasinazion para haprender a bela con houtros oyos, + poeticos, + hatrebidox. Lonse de me parezer unha vurrada ho que esta hai, coido que devemos hanalizala como 1 tentatiba de protesta politica e de chamada a revelion. Por ke non ay ke segir a masa. Ahi que ser diferentes.

Chuzame! A Facebook A Twitter

MAÑÁ, CON ROSALÍA

14th Xullo 2010 by franciscocastro 3 Comentarios

Mañá xoves estarei en Santiago participando nos actos organizados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega para homenaxear, nun acto cívico e reivindicativo, a figura de Rosalía de Castro no 125 aniversario do seu pasamento. Colleremos tren en Padrón e, abeirados á música e á súa poesía, un grupo de músicos e escritores leremos e cantaremos os seus versos para rematar no Panteón de Galegos Ilustres, para reivindicar o que cómpre reivindicar.

Quero animarvos a todos e a todas a participar. Porque todos somos fillos de Rosalía. Non da chorona, costumista e popular (no peor senso da palabra), aquela que o franquismo se empeñou en popularizar, sen dúbida, para restarlle forzas, senón da Rosalía de Castro que nos aprendeu que, ás veces, non queda outra que tomar a xustiza pola man.

Chuzame! A Facebook A Twitter