Archive for Xuño, 2010

ALBERT BOADELLA: INTELIXENCIA E CORNADAS

15th Xuño 2010 by franciscocastro 4 Comentarios

Sempre me fascinou o feito de que xente moi intelixente e moi lúcida para algunhas cousas, poida dicir cousas tan planas, obvias e absurdas sobre algúns asuntos. É o caso de Albert Boadella nesta entrevista, na que di algo así como que todos aqueles que estamos en contra da tauromaquia facémolo por antiespañolismo. A tese é disparatada a máis non poder. En calquera caso, anímolle a facer unha investigación arredor de que votamos os antitaurinos e, sobre todo, arredor de se comemos ou non tortilla de patacas (española), bebemos Rioja, comemos cecina de León ou apreciamos a Paco de Lucía.

Sempre admirei a Albert Boadella. Polo seu espírito transgresor e, sobre todo, pola calidade das súas montaxes teatrais. Lembro a sensación de emoción, case abraio profundo, no mellor sentido da palabra, despois de presenciar en Vigo a súa produción, Daaalí. Foi sen dúbida unha das mellores obras que vira na vida (estrouse no 99), e aínda de hoxe non atopei moitas escritas e dirixidas con tanta mestría. Lembro que saín do teatro convencido de que quería escribir teatro.

Por fortuna para a historia da arte dramática, axiña entendín a miña incapacidade para igualar, aínda que fose de lonxe, o talento dun Boadella.

Así que non dou entendido como alguén que é quen de facerme vibrar e, incluso, que me dá ganas de imitalo, pode manter que non hai nada máis grande que os touros e que os antitaurinos somos case que parvos dese sitio que, por pudor, non cito, pero na foto el, seica, está usando.

Chuzame! A Facebook A Twitter

ESA NOVELA INMENSA QUE É ‘LA SAGA/FUGA DE J B’

14th Xuño 2010 by franciscocastro 4 Comentarios

Falei de Torrente Ballester hai uns días. Pero foi sen querer porque, o que de verdade me apetecía, xa que está de centenario, é falar desa novela inmensa que é La Saga/Fuga de JB. Levo anos mantendo que é unha das obras máis grandes que se escribiron nunca. E que río eu a cachón do realismo máxico de Márquez e os demais diante desta novela.

Lembro cando a descobrín. Tarde, como case que tantas lecturas importantes. E do abraiado que fiquei diante desa estrutura magnífica, dese torrente, nunca mellor dito, de literatura ceiba que, sen embargo, ía ben dirixida dende o primeiro parágrafo.

Nos meus obradoiros literarios sempre digo que cómpre lela.

Cen anos despois, aínda non se escribiron moitas así.

Chuzame! A Facebook A Twitter

GÚSTAME A XENTE QUE APARENTA A IDADE QUE TEN

13th Xuño 2010 by franciscocastro 8 Comentarios

Ao final, o cine sempre bebe dos clásicos. E se hai pouco foi Alicia, agora é Wilde e o seu O retrato de Dorian Gray, un autor que adoro e do que sempre gustei de todo, dende a lírica dóce de O príncipe feliz á dureza tristísima de A balada do cárcere de Reading.

Por iso celebro que se leve ao cinema agora esta nova versión, por ver en imaxes de novo a Wilde mais, sobre todo, porque, como dicía Calvino que un clásico é unha obra que ten unha mensaxe para cada época, daquela, é que estamos diante dun clásico. Porque o que conta esa novela é unha metáfora dos nosos días: a procura da eterna xuventude, a comisión dunha atrocidade tras doutra por negar o paso do tempo.

Cirurxía para que os peitos non se caian ou para que aumenten escandalosamente. Implantes para que ninguén saiba que estamos calvos. Estiramentos para que non se perciba a idade. Anticelulíticos, táboas de chocolate, operación bikini… E isto non é o peor, senón que aínda provoca máis escándalo a adultescencia xeral na que vivimos, con xente de trinta anos só pendente do seu Iphone, vivindo con papá e mamá e, aínda, procurando o seu lugar no mundo…

Eu sempre digo que amo as cicatrices que deixa a vida. E amo ás mulleres que aparentan a idade que en realidade teñen. E gusto que a xente se comporte como se ten que comportar. Ollo, que ninguén me malinterprete: poucos ides atopar por aí máis dispostos ca min para a festa se hai que facer festa. O asunto é outro: do que se trata é de non andar a facer o parvo. Nais que non se distinguen das súas fillas. Pais que frecuentan os mesmos bares que as súas crianzas…

Non gusto desa realidade. Porque, para min, negar o paso do tempo, disimulalo, maquillalo, vulneralo, é sempre unha mostra de inmadurez. Teño a idade que teño. E hai marcas no meu corpo e no meu espírito.

A madurez, queridas e queridos, é sempre sedutora.

Chuzame! A Facebook A Twitter

INSULTAR EN ESPAÑOL

12th Xuño 2010 by franciscocastro 3 Comentarios

Hoxe no Faro de Vigo comentábase, a raíz da inauguración en Santiago dunha mostra arredor de Gonzalo Torrente Ballester, que era «el hombre que se enfadaba en gallego». Seica nos centos de metros de cinta magnetofónica que deixou gravadas, apréciase que, cando se cabreaba don Gonzalo, abandoaba o castelán para botar todos os demos fóra na nosa lingua.

Que un xornal destaque isto, a verdade, paréceme incluso mal porque eleva, coma sempre, o galego á categoría de anécdota (tamén Franco os domingos comía cocido galego, miratí).  Pero en fin. Mais se o traio aquí, é porque son moitos os casos nos que algo así acontece. O galego é a lingua de verdade, a primeira, a que moitos castelán falantes levan no corazón. E é a lingua para os biquiños e para cualifacar a alguén de curriño e para dar colo. Máis tamén a lingua para mandar ao carallo ou para cagar na cona. Ou o que é o mesmo: que hai miles de galegos e de galegas que non queren que se eduquen (e de feito eles non educan ) ás súas crianzas en galego pero que sinten en galego. E ven sendo algo así como que o galego é como máis de verdade. E que cando algúns que falan na cervantina lingua conectan co seu eu máis íntimo, daquela, conectan coa lingua coa que máis son eles mesmos.

Algo así pasoulle a un familiar meu, xa desaparecido, hai moitos anos, cando sufríu unha inexplicada polos médicos, amnesia que lle durou un par de semanas. Era absolutamente castelán falante. Viña da aldea, onde pasou a infancia. Durante aquelas dúas semanas só falou nun fermoso galego da raia ourensá…

E isto, queridas e queridos, é unha completa desgraza.

Porque o que quere dicir esta clase de fenómenos  é que é, si, a lingua do corazón pero, ao pasar pola razón, decídese que é mellor agochala, poñerlle unha pedra enriba, facer como que non se sabe dela. Aínda que está.

Quizais, en casos como os que comentamos, é onde mellor se ve iso de que hai unha lingua asociada ao desprestixio e outra que se considera culta. Unha que hai que agochar e outra da que hai que presumir.

Entran ganas, a min cando menos, de botar un arrouto en español.

Chuzame! A Facebook A Twitter

ESTE É O MUNDIAL DA VERGONZA, DA MISERIA MORAL E DA HIPOCRISÍA

11th Xuño 2010 by franciscocastro 8 Comentarios

Crucei o país ao mediodía, escoitando pola radio o que se esforzaban os locutores e locutoras para poñer en palabras o que estaban presenciando durante a cerimonia de inauguración do Mundial. Ese tipo de espectáculos adoitan ser realmente bonitas, cheas de símbolos de paz, amor, solidariedade e xa sabes ti.

Durante toda a retransmisión, os que alí falaban repetían sen cesar cousas do estilo: este es el mundial de toda África; todo el mundo pone sus ojos en este continente e outras polo estilo, dándolle valor – que o ten- ao feito de que é o primeiro Mundial que se celebra no continente negro.

A cousa ía soportándoa máis ou menos ben, a pesar do superlativos que, polo xeral, son os cronistas deportivos. Ata que a condutora do programa espetou unha frase obscena: África sabe que tiene que dar una buena imagen al mundo.

Carafio. A imaxe de África no mundo, pensei.

E pensando, pensando, comprendín a ficción que sempre é o fútbol. No continente africano morren a diario moitos seres humanos de fame. No continente africano miles de mulleres sufren mutilación xenital. No continente africano a democracia adoita ser un espellismo. No continente africado dende o primeiro mundo fomentamos guerras para controlar os seus recursos naturais. No continente africano é raro o neno que vai á escola. Xa non digamos as nenas.

Pero agora estamos no tempo da ficción. E a imaxe de África é moito máis bonita (para nós) grazas ao fútbol.

Este é o Mundial da desvergonza, da miseria moral e da hipocrisía.

Porque a imaxe de África é a que amosamos aquí.

E se esquecemos esa realidade, daquela están, e estamos, perdidos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

BÚSCANSE POETAS

10th Xuño 2010 by franciscocastro 7 Comentarios

Este serán, paseando polo Casco Vello de Vigo, dende a beirarúa lin un cartel pegado na porta dun bar. Se buscan poetas.

Pareceume tan fantástico que  nin crucei para ver de que podía tratarse. Non sei por que pero na miña enferma imaxinación comezou a construirse a imaxe dun daqueles carteis das pelis de vaqueiros da miña infancia, un Wanted, xa sabedes, e alí vía eu as caras dos e das poetas que admiro.

Seguín camiñando fascinado diante do cartel. E seguín toleando. E pensei que poderiamos poñer carteis procurando poetas, metáforas, frases profundas, pensamentos intelixentes, doadores de beleza, transplantes de sentido común, venda de esperanza a prezo de nada. Eu que sei. Parvadas así.

Fascinado polo cartel, cando xa chegaba para casa, vin outro que dicía: Vendo saxo tenor.

Non puiden evitalo. Saquei un rotulador vermello que vai comigo e cambiei o «a» de saxo por un «e».

Igual que aqueloutro primeiro cartel excitou a miña fantasía, de certo que a miña nova proposta excitará a de máis de un e de unha.

Chuzame! A Facebook A Twitter

UN LIBRO DE AVENTURAS

9th Xuño 2010 by franciscocastro 6 Comentarios

Por fin chegou ás miñas mans, o que quere dicir que xa estará rulando por aí, o volume titulado Historias de persoas que cren no dereito á educación, froito dunha fermosa iniciativa organizada por Educación sen fronteiras dentro da Campaña Mundial pola Educación do ano pasado.

Aquí vos deixo a cuberta do libro e, en PDF, o meu contiño.

Chuzame! A Facebook A Twitter

TERRORISTAS INTERNACIONAIS FINANCIEIROS

7th Xuño 2010 by franciscocastro Non hai comentarios

A verdade é que eu non sei nin a cara que ten Cayo Lara, o novo coordenador de IU. Pero debo recoñecer que cando dixo iso de que en el Club Bilderberg «se reúnen los terroristas internacionales financieros», sentín algo achegado ao alivio despois do que eu escribira sobre o mesmo asunto o outro día.

A ver, terroristas, terroristas… Eu non diría tanto. A palabra é dura. A non ser que entendamos «terrorista» como «aquel que provoca un dano sabendo que está a facelo provocando, ao tempo, medo e incerteza xeralizada polo futuro na poboación afectada», por poñerme revirado e definidor.

Así que quero deixar para sempre este asunto dicindo que igual non hai que aplicarlles a palabra, nin sequera na light versión que veño de propoñer.

Pero do que non hai a menor dúbida é que a meirande parte dos que forman parte dese clube (no que participan, ollo, representantes elixidos democraticamente e, xa que logo, que deberían dar explicacións sobre o que alí falan ou escoitan), do que non hai dúbida, dicía, é que moi probablemente o noventa por cento da culpa da actual situación, terrorífica, que hoxe en día padecemos ten moito que ver coas actuacións ou omisións deses que aí sentan.

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿POR QUE NON FUN A HAMBURGO HAI 50 ANOS?

6th Xuño 2010 by franciscocastro 4 Comentarios

Fundamentalmente porque faltaban 7 para eu nacer. E de querer ter idade para ir tería que ter nacido aló polos anos 40. Pero non me tería importado, de verdade que non.

Hai 50 anos, cinco rapazolos -un deles, George, de 17- chegaban a Hamburgo. Hoxe andan de conmemoracións por isto alí. Chamábanse The Beatles pero aínda non eran de todo os Beatles. Estaba Pete Best, o batería que despois guindaron por Ringo Starr, e Stu Stucliffe, un home de talento para a pintura e a poesía, que adoraba a John e que non tiña nin idea de tocar o baixo nin talento musical nin dote ningunha para o ritmo, polo que sempre se puña de costas ao público da vergonza que lle daba. Marcharon a Alemaña namorados do rock and roll grazas a un promotor que os contratou porque eran realmente baratos fronte doutros grupos máis famosos. Tocaron polo bairro portuario de Hamburgo, en clubs de streptease e prostitución.

Segundo as fotos amosan, e a pesar de que a música era máis que mellorable, pasárono coma Deus, e fixéronse homes alí, lonxe da casa, vivindo do que gañaban, traballando arreo para sobrevivir, metidos en pelexas con borrachos perigosísimos, descubrindo o sexo con rapazas tan bébedas de sensacións coma eles e, sobre todo, dedicándose en corpo e alma á música, que era o querían facer na vida.

Hoxe, algo así sería inimaxinable. Se un rapaz de 17 informa na casa de que marcha tocar a outro país a ese tipo de garitos, porque quere vivir da música e vai probar sorte, non lle dicimos que si, que vale, que leve algo de abrigo por se acaso. A día de hoxe tampouco entenderiamos que alguén, tan novo, o deixase todo (estudos, traballo, etc. ) na procura dun sono no que se cre firmemente.

Hoxe teño a sensación de que todo é aburrido, lento, previsible. Por iso non me tería importado nada, pero nada nada, nacer nos anos 40 do século pasado, mercar unha guitarra eléctrica e ter ido probar sorte por aí, como fixeron aqueles arroutados de Liverpool para que eu, hoxe, poida reflexionar sobre a vida aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿PERO INTERESAN TANTO OS TOUROS EN GALICIA?

5th Xuño 2010 by franciscocastro 4 Comentarios

Hai cousas que son complexas de entender. Por exemplo que un xornal como o Faro de Vigo dedique hoxe toda a contraportada (como sabedes, un dos espazos máis importantes do periódico) ao asunto dos touros e dos toureiros. Por unha banda, titulan La resurrección de Julio Aparicio, case que toda a páxina, coa foto morbosa do touro atravesándolle a boca o outro día, para este toureiro porque saíu do hospital. E o resto do espazo vai para contarnos que José Tomás no toreará más esta temporada.

Isto que fai hoxe o xornal vigués vale para o resto dos xornais galegos que con moitísima frecuencia, dedican espazo e espazo ao  asunto dos touros. A pregunta, xa que logo, é obvia: se un medio de comunicación ten a obriga, dalgunha maneira, de responder aos intereses dos seus usuarios (lectores, oínteS, televidentes, internautas, o que sexa), ¿realmente en Galicia hai unha afición tan importante polos touros como para merecer tantísima cobertura mediática?

¿Imaxinades todo o que podería supoñer -para ben- que dedicaran todo ese espazo anual a falar de libros en galego, por dicir calquera cousa?

Chuzame! A Facebook A Twitter