A XENTE SERIA DÁ RISA

Posted by franciscocastro - 30/06/10 at 05:06 p.m.

Estes días recuperei a lectura de Epicuro, á que non volvera dende o primeiro curso da carreira de Filosofía, aló polo 1984. Así que xa choveu. Lembro que daquela fora un gozo deixarme seducir pola filosofía hedonista, e sobre todo pola súa idea de sabedoría: o sabio procura o pracer; e o pracer é a ausencia de dor. E o pracer máis grande, por suposto, é o que se deriva da amizade e da práctica da filosofía.

Agora, que volvín a el con moitísimos máis anos, e con canas na barba (a xogo, hoxe, coa miña camisa branca), celebro a evidencia de que me sigue seducindo igual que antes e polos mesmos motivos. Aos que engado un que para min, a estas alturas da miña vida, resulta esencial: para Epicuro a risa é inseparable da practica da filosofía. Ou dito doutra maneira, que quen sabe rir é sabio. Ou que aqueles que son sabios saben rir (imposible non lembrar aquí a lingua por fóra de Einstein).

E penso que ten toda a razón. E que é por iso polo que desconfío de tanta seriedade, e polo que nunca me gustaron os profesores serios, e polo que nunca me chistou a xente que se toma a vida dunha maneira tan grave. Quizais, como Nietzsche deixou escrito, a única maneira que hai de tomarse en serio a vida é dende a felicidade do xogo infantil. E penso que os que somos creadores, independentemente da arte que practiquemos, sabemos movernos nesa falta de seriedade fronte da realidade, mandando para o carallo (perdón) as normas que a gobernan para inventarnos outros mundos onde as cousas son como nos peta. Igual que os pequechos cando xogan a calquera cousa. Igual que os pequechos antes de que os volvamos parvos.

Desconfiemos, xa que logo, de quen non sabe rir.

Adoitan ser xente ridícula que, precisamente por iso, move a risa.

Os comentarios están pechados.