QUE MOURINHO VEÑA A GALICIA!

Posted by franciscocastro - 22/06/10 at 03:06 p.m.

Sabido é que a día de hoxe, a xente máis imitada é a do mundo do fútbol. Cando eu era adolescente eran os cantantes de rock. Hoxe son sen dúbida os futbolistas e, nos últimos tempos, tamén algúns adestradores con estilo, tipo Guardiola ou Mourinho. E daquela, sei que se conseguiramos, por exemplo, que o Deportivo ou o Celta, como institucións, se expresasen en galego, así como as grandes figuras deste deporte (se é que as hai, que algunha haberá), moi probablemente a percepción da rapazada sobre a lingua propia cambiaría bastante. E, se por exemplo, viramos aos futbolistas cando baixan do bus, en vez de autistas total escoitando música, cun libro nas mans, daquela, estariamos diante dunha fantástica (e barata) campaña de animación á lectura.

Por iso hoxe pido a Mourinho, novo adestrador do Madrid, que veña dar unha charla a Galicia para desenvolver as posibilidades dunhas declaracións súas que veño de ler hai nada:

«No sé si voy a ser capaz de cambiarlos a ustedes, pero su país no me va a cambiar a mí. Yo no soy de los que pierden su identidad»

Pois iso mesmo. Que razón leva o meu santiño. País e Identidade. Dúas palabras que van xuntas queiran ou non os que renegan da identidade propia, meténdoa debaixo da alfombra, como se non existise. País, identidade e, por suposto, lingua. Sen a que ningunha das outras dúas pode darse.

Iso. Que veña Mourinho a Galicia. E que lles pegue, a moitos galegos, unha conferencia en toda regra sobre a importancia de non perder a identidade propia, sobre todo, para sobrevivir.

Que o mundo do fútbol, xa que tanto o aturamos, faga algo por nós.

Os comentarios están pechados.