¿QUE LIBRO FOI DEFINITIVO PARA TI?

Posted by franciscocastro - 25/05/10 at 09:05 p.m.

Estes días, lendo sobre outros asuntos que agora non importan, entendín que boa parte da actitude contestaria que mantiveron os mozos e mozas dos anos 60, e que explosiona en Woodstock, non podería terse dado sen a contribución dalgúns fitos fundamentais que aconteceron nos 50. Entre outros, e moi especialmente, un libro provocador e definitivo, que foi posto a feder cando saíu aló polo 1951 nos Estados Unidos, por irreverente e por iconoclasta. Mais, sobre todo, porque soubo conectar como ningún outro coas ganas de rebeldía de tanta e tanta mocidade. Refírome, xa o adiviñaron, a O vixía no centeo de J.D. Salinger.

Eu tiven a fortuna de, en 2º de BUP, cando as clases non me interesaban nada nadiña (agás a de Literatura, e na que saquei un Sobresaliente -con perdón- ao tempo que deixaba tres para setembro; nunca máis suspendín nada, xuroo, pero foi un ano parvo) de que me obrigasen a ler ese libro. E xa era lector, si. Xa o era antes, si. Pero con este texto a entrega foi definitiva. Ese libro falábame a min. A min moi en concreto.

Agora, conta: ¿que libro foi definitivo para ti?, ¿que libro sentiches que che falaba a ti e só a ti?

Os comentarios están pechados.