90 ANOS DA RADIO (¿Que é a radio para ti?)

Posted by franciscocastro - 20/05/10 at 11:05 p.m.

Hai só cinco minutos que rematei de falar en Radiovoz, como cada xoves ás 22.30, no meu espazo titulado, precisamente, A Canción do Náufrago. E falei sobre unha efeméride ben bonita para min: os 90 anos da primeira emisión radiofónica.

En resumo, comentei que de todos os medios de comunicación, sen dúbida, o que máis amo, é a radio. E falei do meu primeiro recordo dela: un aparato inmenso que había na miña casa, e que tiña no dial os nomes de lugares que semellaban fabulosos. Oslo. Moscú. Marruecos… Eu movía a agulla aquela daquel becho fantástico, e ían chegando voces estrañísimas que non entendía, e que sego sen entender nin entenderei, pero que me facían pensar en sitios cheos de maxia. Aínda hoxe, cando me ataca a melancolía, sintonizo a Onda Curta para volver oílas. E volvo ser aquel neno feliz.

E falei daquel Simplemente María que a miña nai e a miña avoa estaban escoitando, chorando, cando eu saía do colexio da Señorita Mari. E, máis adiante, miña nai pasando o ferro mentres de fondo a Señora Francis repartía moral franquista represora a esgalla. Logo, na adolescencia, aqueles programas marabillosos, xa en FM, de Radio Popular (¡carafio, hoxe La Cope, manda truco!), en especial cando os sábados pola mañá enchufaban The Beatles durante horas e horas. E, a diario, o Musical Cassette, coa selección que facían os propios oíntes. Máis tarde, Santiago, ficar durmido coa radio posta debaixo da almofada. E hoxe, todos os días, traballando no despacho con ela posta, neste caso, a través de Internet, escoitando unha serie de emisoras, algunhas de aquí, algunhas dos Estados Unidos especializadas só en rock clásico.

Xa contei o que a radio é para min.

¿E para ti?

Os comentarios están pechados.