E SE NON EXISTISE O DÍA DAS LETRAS GALEGAS?

Posted by franciscocastro - 17/05/10 at 09:05 p.m.

É o de sempre. O malo de lle dedicar un día a unha causa é que, dalgunha maneira, lexitímase que os 364 días restantes do ano, un máis se é bisesto, non se lle faga nin caso. É unha ritualización esmagante que profunda na esquizofrenia.

Porque hoxe, por exemplo, os medios de comunicación foron máis ou menos normais, os xornais en especial, ofrecendo algúns a súa portada en galego (outra cousa era por dentro, pero aínda había máis galego que no resto do ano). E na TVG, por exemplo, hoxen pasan dúas películas galegas feitas en Galicia e en galego. O que é normal.

Pero mañá volveremos á normal normalidade que, para nós, é anormalidade.

E os xornais, e a tele, imaxino, encantados da vida por ter cumprido un ano máis.

Pero estaría ben non esquecer que deberían cumprir, con normalidade, o resto dos días tamén. ¿Ou teriamos que colixir que de non existir o Día das Letras Galegas nin un só día lle dedicarían á lingua?

Os comentarios están pechados.