LETRAS GALEGAS

Posted by franciscocastro - 16/05/10 at 09:05 p.m.

Letras galegas, para comer, para sentir máis, para non nos perder, para atopar o noso camiño no medio do universo, para saber quen somos, de onde vimos, cara onde queremos ir.

Letras galegas porque sabemos que non hai decretos que poidan parar a forza dun amor enorme, porque temos claro que se nos move a paixón limpa amparada pola historia e o recendo das mimosas nada pode ir mal.

Letras galegas para facer unha festa, para reivindicar o son meigo dunha fala ancestral que vén de moito antes que antes, para organizar, tamén, unha orxía de fonemas nosos contra dos, nunca mellor dito, deslinguados que queren soterrarnos na súa escuridade.

Letras galegas para escribir poemas, para ler versos, para dar beliscos amparados pola primavera, para facerlle sitio aos corpos, á paixón e á beleza.

Letras galegas que sexan galegas.

Neste 17 de Maio, Letras Galegas.

Os comentarios están pechados.