Archive for Maio, 2010

NON É DEMAGOXIA. É SENTIDO COMÚN

30th Maio 2010 by franciscocastro 6 Comentarios

Dentro da grande mentira esta que nos están a contar, é dicir, o da crise (¿deixan os ricos de ser ricos?, ¿deixa a Banca, así, en global, de forrarse?) hai un punto bestial de hipocrisía que non debemos deixar de denunciar.

Porque se fala, e sen pudor, de que hai que recortar gastos sociais (como se isto fose jauja), e de que non pode haber café para todos (como se algunha vez houbese) e que hai que apertarse o cinturón e ailaleo e ailalalo. E veña, imos aceptar todo iso, que si, que é verdade, que se non o facemos isto vai ser un desastre aínda máis gordo. Que si.

Pero que alguén me explique, neste contexto de desastre colectivo, por que non se tocan os gastos militares. Que neste 2010 foi de 18.160´89 millóns de euros, ou o que é o mesmo, un 9.8 por cento dos Orzamentos Xerais do Estado.

O que se podería chegar a facer con semellante cantidade de cartos eu non son capaz de sabelo. Mais si que sería moito. Escoito a alcaldes dicindo (o outro día nunha emisora) que se hai que deixar fóra os actos culturais, pois que se deixan, que hai outras prioridades. Haberá. E escoito falar a economistas dicindo que iso de pagarlle as vacacións aos xubilados pois que xa non máis. Terá que ser. Porque non hai cartos. Pero si para seguir mercando máquinas de matar.

Será porque estamos ameazados (que si, que o estamos, pola estupidez e a mediocridade).

Pero xa sabedes o que pasa: que cando un di este tipo de cousas axiña aparece alguén dicindo que isto é demagoxia.

Será demagoxia. Pero eu prefiro pensar que é sentido común.

Chuzame! A Facebook A Twitter

CONVÍRTETE EN QUEN ES

29th Maio 2010 by franciscocastro 4 Comentarios

Dende sempre hai unha frase de Friedrich Nietzsche que me parece definitiva, digna de ser traída de cando en vez á primeira fila da miña vida. E por iso a comparto.

A frase, repetida en mil lugares e probablemente tan citada que xa case que nada significa, é brutal en si mesma:

Convírtete en quen es.

Paréceme que é case que imposible dicir máis con só catro palabras. Vivir é convertirse en algo, en alguén. Vivir é ter un proxecto para con un. Un camiño. Pero propio. Non dictado por outros. Vivir é o mesmo que superar o home que fixeron con nós para chegar ao home que queremos ser. E o verbo querer en Nietzsche significa vontade. Vontade de poder máis que vontade de deber. Atreverse a ser quen un é, é mandar para o esquezo a educación toda. Deseducarse. Deixar prexuízos, preconceptos. Esquecer apelidos. Pais, nais, sociedade. E sobre todo a moral. Na procura dunha moral superior.

Sobre todo, vivir é (creo fondamente en todo o escrito ata o de agora neste filosófico post) descobrir quen es ti en realidade. Asumilo. Non negalo. Non disfrazalo. Non adialo.

E despois, feito ese camiño, resucitado, só queda fluír.

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿QUE LIBRO FOI DEFINITIVO PARA TI?

25th Maio 2010 by franciscocastro 16 Comentarios

Estes días, lendo sobre outros asuntos que agora non importan, entendín que boa parte da actitude contestaria que mantiveron os mozos e mozas dos anos 60, e que explosiona en Woodstock, non podería terse dado sen a contribución dalgúns fitos fundamentais que aconteceron nos 50. Entre outros, e moi especialmente, un libro provocador e definitivo, que foi posto a feder cando saíu aló polo 1951 nos Estados Unidos, por irreverente e por iconoclasta. Mais, sobre todo, porque soubo conectar como ningún outro coas ganas de rebeldía de tanta e tanta mocidade. Refírome, xa o adiviñaron, a O vixía no centeo de J.D. Salinger.

Eu tiven a fortuna de, en 2º de BUP, cando as clases non me interesaban nada nadiña (agás a de Literatura, e na que saquei un Sobresaliente -con perdón- ao tempo que deixaba tres para setembro; nunca máis suspendín nada, xuroo, pero foi un ano parvo) de que me obrigasen a ler ese libro. E xa era lector, si. Xa o era antes, si. Pero con este texto a entrega foi definitiva. Ese libro falábame a min. A min moi en concreto.

Agora, conta: ¿que libro foi definitivo para ti?, ¿que libro sentiches que che falaba a ti e só a ti?

Chuzame! A Facebook A Twitter

GLORIA LAGO, NIXON, FRANCO, BUSH…

23rd Maio 2010 by franciscocastro 2 Comentarios

Onte, Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, protestaba dende as páxinas do Faro de Vigo acusando a Feijóo de engano aos seus votantes polo asunto do decreto do galego. Lendo a entrevista, que vos deixo aquí, un pode confirmar o que xa sabiamos: que esta xente vive absolutamente fóra da realidade.

Porque hai que vivir fóra da realidade para manter que negar o dereito a que os pais/nais escollan o idioma, por un informe negativo do Consello Consultivo é unha trampa do Presidente para non cumprir a súa promesa. Claro, hai un organismo encargado de vear polo cumprimento da lei, e di o contrario do que ela pensa, e iso é facer trampa.

E hai que vivir fóra da realidade para dicir, cando se lle pregunta se todos (RAG, CCG, etc. ) están trabucados e GB non, que esa xente non representa á comunidade educativa. Xa se sabe: o pobo son eu, eu sei o que Galicia quere, ailalelo, ailalalo.

A actitude semella mesiánica, en plan, eu estou tocada pola man da razón, divina, e, daquela, nada do que a lei ou a xente diga pode quitarma. Lémbrame a aquel señor que se declarou Caudillo de España non por dar un golpe de estado, senón pola graza de Deus, ou Nixon, a quen xa trouxen aquí algunha vez, cando soltaba aquilo de se o presidente o fai, daquela non pode ser ilegal, ou Bush fillo de, cando soltaba aquilo de que estaba a interpretar a vontade de Deus…

O que lle falta á xente de GB é soberbia. Falan de liberdade e de democracia e o primeiro que fan é negar algo tan relacionado coa liberdade, en democracia, como un informe dun Consello Consultivo que está, precisamente, para garantir que ninguén se move fóra das leis do xogo que entre todos nos comprometemos tacitamente a nos mover polo feito de vivir en democracia e que pasan, no básico, polo respecto da lei e, se me apuran, do senso común.

E xa para rematar, díganme se non é estar fóra da realidade declarar (está na entrevista que vos ligo), que o discurso do presidente da Xunta en cuestións lingüísticas se parece al del BNG y asimila identidad y lengua.

En fin…

Chuzame! A Facebook A Twitter

Por que lles facedes isto, meus?

22nd Maio 2010 by franciscocastro 1 comentario

Así titulei o meu artigo desta semana no dixital de A Nosa Terra.

Podédelo ler aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

90 ANOS DA RADIO (¿Que é a radio para ti?)

20th Maio 2010 by franciscocastro 8 Comentarios

Hai só cinco minutos que rematei de falar en Radiovoz, como cada xoves ás 22.30, no meu espazo titulado, precisamente, A Canción do Náufrago. E falei sobre unha efeméride ben bonita para min: os 90 anos da primeira emisión radiofónica.

En resumo, comentei que de todos os medios de comunicación, sen dúbida, o que máis amo, é a radio. E falei do meu primeiro recordo dela: un aparato inmenso que había na miña casa, e que tiña no dial os nomes de lugares que semellaban fabulosos. Oslo. Moscú. Marruecos… Eu movía a agulla aquela daquel becho fantástico, e ían chegando voces estrañísimas que non entendía, e que sego sen entender nin entenderei, pero que me facían pensar en sitios cheos de maxia. Aínda hoxe, cando me ataca a melancolía, sintonizo a Onda Curta para volver oílas. E volvo ser aquel neno feliz.

E falei daquel Simplemente María que a miña nai e a miña avoa estaban escoitando, chorando, cando eu saía do colexio da Señorita Mari. E, máis adiante, miña nai pasando o ferro mentres de fondo a Señora Francis repartía moral franquista represora a esgalla. Logo, na adolescencia, aqueles programas marabillosos, xa en FM, de Radio Popular (¡carafio, hoxe La Cope, manda truco!), en especial cando os sábados pola mañá enchufaban The Beatles durante horas e horas. E, a diario, o Musical Cassette, coa selección que facían os propios oíntes. Máis tarde, Santiago, ficar durmido coa radio posta debaixo da almofada. E hoxe, todos os días, traballando no despacho con ela posta, neste caso, a través de Internet, escoitando unha serie de emisoras, algunhas de aquí, algunhas dos Estados Unidos especializadas só en rock clásico.

Xa contei o que a radio é para min.

¿E para ti?

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿E TI QUEN QUERÍAS SER DE PEQUENO?

18th Maio 2010 by franciscocastro 23 Comentarios

Estou a gozar realmente moito coa lectura desta biografía sobre Lennon. Descobrindo -que xa ten mérito para min, que presumo de sabelo case que todo sobre isto- cousas que ignoraba. Sabía, por exemplo, que dende neno era un lector voraz, que lía de todo, que os andeis da casa de Mimi, a tía coa que se criou, estaban ben surtidos de libros e que o xove Johnny devorou uns tras outros ata non deixar ningún. E que o seu favorito sempre foi, e así deixou a pegada que deixou na súa música, Lewis Carrol.

Sen embargo, o que non sabía, era que o seu heroe infantil era Guillerme Brown, e que despois da lectura dun dos seus libros non parou ata que se fixo con todos para lelos por completo e, na compaña dos seus colegas (en especial Pete Shotton, co que mantería amizade ata a morte) xogar a reproducir as falcatruadas que o tal Guillerme, líder entre os líderes, pallaso entre os pallasos, xenio entre os xenios, facía na ficción. Lembrando o xeito de se comportar de Guillerme, queda claro que Lennon, na súa vida adulta, vai ter moito del en case que todo o que faga.

Isto levoume a lembrar que, dalgunha maneira, todos, cando cativos, queriamos ser algún dos personaxes dos libros que liamos.

Eu, dende logo, quería ser Sandokán, é dicir, un romántico loitador contra do poder capaz de deixar a vida detrás dunha causa nobre e pola liberdade do seu pobo e, sobre todo, da muller que ama.

Así que aquí deixo a pregunta: ¿e ti de pequeno, de pequena, quen querías ser?

Sorpréndeme.

Chuzame! A Facebook A Twitter

E SE NON EXISTISE O DÍA DAS LETRAS GALEGAS?

17th Maio 2010 by franciscocastro 7 Comentarios

É o de sempre. O malo de lle dedicar un día a unha causa é que, dalgunha maneira, lexitímase que os 364 días restantes do ano, un máis se é bisesto, non se lle faga nin caso. É unha ritualización esmagante que profunda na esquizofrenia.

Porque hoxe, por exemplo, os medios de comunicación foron máis ou menos normais, os xornais en especial, ofrecendo algúns a súa portada en galego (outra cousa era por dentro, pero aínda había máis galego que no resto do ano). E na TVG, por exemplo, hoxen pasan dúas películas galegas feitas en Galicia e en galego. O que é normal.

Pero mañá volveremos á normal normalidade que, para nós, é anormalidade.

E os xornais, e a tele, imaxino, encantados da vida por ter cumprido un ano máis.

Pero estaría ben non esquecer que deberían cumprir, con normalidade, o resto dos días tamén. ¿Ou teriamos que colixir que de non existir o Día das Letras Galegas nin un só día lle dedicarían á lingua?

Chuzame! A Facebook A Twitter

LETRAS GALEGAS

16th Maio 2010 by franciscocastro 3 Comentarios

Letras galegas, para comer, para sentir máis, para non nos perder, para atopar o noso camiño no medio do universo, para saber quen somos, de onde vimos, cara onde queremos ir.

Letras galegas porque sabemos que non hai decretos que poidan parar a forza dun amor enorme, porque temos claro que se nos move a paixón limpa amparada pola historia e o recendo das mimosas nada pode ir mal.

Letras galegas para facer unha festa, para reivindicar o son meigo dunha fala ancestral que vén de moito antes que antes, para organizar, tamén, unha orxía de fonemas nosos contra dos, nunca mellor dito, deslinguados que queren soterrarnos na súa escuridade.

Letras galegas para escribir poemas, para ler versos, para dar beliscos amparados pola primavera, para facerlle sitio aos corpos, á paixón e á beleza.

Letras galegas que sexan galegas.

Neste 17 de Maio, Letras Galegas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O DEMOCRÁTICO É RESPECTAR Á MINORÍA

15th Maio 2010 by franciscocastro 7 Comentarios

E foi o Consello Consultivo e dixo que de preguntar aos pais e as nais sobre a lingua para aprender, pois como que non. E foi a RAG e dixo que non. E foi o CCG e que tampouco. E a AELG e que non, que non. E así todo o mundo. Sen embargo, o que se percibía que emitía o aparato popular era algo así como temos a maioría, daquela, temos razón. E iso non é así. Non sempre é así. Sen embargo eu escoitei ese «argumento» moitísimas veces. E non só no Parlamento, senón tamén en  tertulias da radio, en artigos de xornais, etc. E debo recoñecer que, sempre que escoito esa razón da maioría, lembro aquilo de Nixon, cando non entendía que se lle atacara e repetía o de se o fai o presidente é legal.

Pois o mesmo.

Todo isto a conta de que polo xeral, cando se fala de democracia, adoita dicirse que hai que respectar a opinión da maioría. E non é así. En Filosfía Política falamos noutros termos: o realmente democrático é respectar á minoría, é dicir, a quen pensa distinto, a quen representa moitos menos votos. Ou dito máis claramente: en democracia hai que respectar o que é respectable.

E o esnaquizamento pautado programado organizado milimetrado da lingua propia, aínda que sexa o que sostén o partido maioritariamente votado, algo así, non é respectable.

E por iso as leis, as institucións, a intelectualidade e o puro sentido común din que non.

Chuzame! A Facebook A Twitter