DIGNIFICAR AO PROFESORADO

Posted by franciscocastro - 29/04/10 at 09:04 p.m.

Leo hoxe en todos os xornais que a Xunta -seguindo, supoño, a idea lanzada por esa gurú da modernidade que é Esperanza Aguirre- está a preparar algunha clase de lei ou de normativa ou de non sei que para dignificar a figura do docente, apoiando así a súa condición de autoridade.

Non falarei agora, pero porque non teño ganas, sobre se a iniciativa me parece pertinente ou non.

O que si direi é que por moitas normativas que se fagan, por moitas leis que se promulguen, por moitas campañas que se deseñen berrando moi forte e moi alto que os profesores deben de ser respectados, e que deben ser valorados socialmente, etc., nada disto servirá se non conseguimos que as familias, coma sempre, fagan a súa parte. Porque de nada serve ningunha destas iniciativas se cando os rapaces e rapazas cuestionan ao profesor se lles dá a razón dende a casa; de nada serve nada se os pais e as nais consideran a profesión docente algo de segunda división e así o transmiten, consciente ou inconscientemente, ás súas crianzas.

Aquí pasamos do respecto á figura do mestre ou mestra, como transmisor de coñecemento e sabedoría, a pouco menos que a consideralo un problema con ese costume pérfido de catearlles o galego ou a ximnasia.

Mentres se considere que Messi ou Cristiano son máis importantes que as mestras de primaria, que nos aprenden a ler, non hai nada, pero nada, que facer.

Os comentarios están pechados.