FEIJOO E E EU GOSTAMOS DO MESMO

Posted by franciscocastro - 28/04/10 at 09:04 p.m.

Que son un músico frustrado xa o dixen moitas veces. E a música xoga unha parte moi importante da miña vida. A todas horas. Traballo con música. Conduzo con ela. Cando estou preocupado canto, e os males espanto. En fin…

Por iso sempre me parece moi interesante, para coñecer á xente, saber que clase de música é a que escoitan e pola que suspiran. Teño levado grandes sorpresas, porque atopo xente radicalmente distinta no pensamento a min coa que, sen embargo, podería ter interesantes conversas sobre as mesmas filias musicais. E iso, se o pensades ben, é algo marabilloso. Por exemplo,  a recua dos beatlemaníacos fai que políticos cos que non comparto nin medio pensamento, pertenzan á miña mesma tribu musical.

Hoxe, nunha entrevista que lin dun dominical co presidente da Xunta, confesa que é un fan confeso de Luis Eduardo Aute e dos Dire Straits. Eu teño toda a discografía de ambos os dous.

Iso. A milagre da música.

Os comentarios están pechados.