NO DÍA DO LIBRO INFANTIL, SER ALICIA

Posted by franciscocastro - 01/04/10 at 09:04 p.m.

Este xoves 2 de abril celébrase, como cada ano, o Día Internacional do Libro Infantil. E, por isto, quero hoxe reivindicar a lectura como un pracer para os máis pequenos, e repetir o de sempre, para que non se esqueza: hai que levalos ás librerías e deixar que fedellen nos andeis, hai que facerlles carné de biblioteca para que comecen a contaxiarse dunha das poucas drogas que non teñen efectos secundarios.

E cito a Alicia porque os que amamos ler, e estamos nisto dende a infancia, dalgunha maneira, é porque queremos ser Alicia. É porque, nalgún momento, entendimos que o mundo, tal e como o vemos, non abondaba, e que, xa que logo, estabamos, coma Alicia, atrapados nunha realidade que non queriamos. Ela entrou polo buraco e chegou ao País das Marabillas. Nós, cada vez que abrimos un libro, e os nosos pequechos con aínda máis forza, entramos nese mesmo buraco para así, pescudar por onde é que cae o noso verdadeiro destino, por onde é que se vai, ao País dos Desexos Máis Fermosos.

Os comentarios están pechados.