Archive for Abril, 2010

DIGNIFICAR AO PROFESORADO

29th Abril 2010 by franciscocastro 4 Comentarios

Leo hoxe en todos os xornais que a Xunta -seguindo, supoño, a idea lanzada por esa gurú da modernidade que é Esperanza Aguirre- está a preparar algunha clase de lei ou de normativa ou de non sei que para dignificar a figura do docente, apoiando así a súa condición de autoridade.

Non falarei agora, pero porque non teño ganas, sobre se a iniciativa me parece pertinente ou non.

O que si direi é que por moitas normativas que se fagan, por moitas leis que se promulguen, por moitas campañas que se deseñen berrando moi forte e moi alto que os profesores deben de ser respectados, e que deben ser valorados socialmente, etc., nada disto servirá se non conseguimos que as familias, coma sempre, fagan a súa parte. Porque de nada serve ningunha destas iniciativas se cando os rapaces e rapazas cuestionan ao profesor se lles dá a razón dende a casa; de nada serve nada se os pais e as nais consideran a profesión docente algo de segunda división e así o transmiten, consciente ou inconscientemente, ás súas crianzas.

Aquí pasamos do respecto á figura do mestre ou mestra, como transmisor de coñecemento e sabedoría, a pouco menos que a consideralo un problema con ese costume pérfido de catearlles o galego ou a ximnasia.

Mentres se considere que Messi ou Cristiano son máis importantes que as mestras de primaria, que nos aprenden a ler, non hai nada, pero nada, que facer.

Chuzame! A Facebook A Twitter

FEIJOO E E EU GOSTAMOS DO MESMO

28th Abril 2010 by franciscocastro 1 comentario

Que son un músico frustrado xa o dixen moitas veces. E a música xoga unha parte moi importante da miña vida. A todas horas. Traballo con música. Conduzo con ela. Cando estou preocupado canto, e os males espanto. En fin…

Por iso sempre me parece moi interesante, para coñecer á xente, saber que clase de música é a que escoitan e pola que suspiran. Teño levado grandes sorpresas, porque atopo xente radicalmente distinta no pensamento a min coa que, sen embargo, podería ter interesantes conversas sobre as mesmas filias musicais. E iso, se o pensades ben, é algo marabilloso. Por exemplo,  a recua dos beatlemaníacos fai que políticos cos que non comparto nin medio pensamento, pertenzan á miña mesma tribu musical.

Hoxe, nunha entrevista que lin dun dominical co presidente da Xunta, confesa que é un fan confeso de Luis Eduardo Aute e dos Dire Straits. Eu teño toda a discografía de ambos os dous.

Iso. A milagre da música.

Chuzame! A Facebook A Twitter

¿PARA CANDO UN BOICOT DAS MULLERES (E DOS HOMES) AOS XORNAIS?

27th Abril 2010 by franciscocastro 5 Comentarios

Eu xa falei disto o outro día, pero agora a realidade insiste.

O pasado domingo, en La Voz de Galicia publicábase unha reportaxe arredor de Miriam González, vallisoletana que ven sendo a dona dun dos candidatos a Primeiro Ministro do Reino Unido. Alí fálasenos de que a súa actitude, pouco afastada da «desexable sumisa e caladiña» prexudica a carreira política do seu home. Os medios ingleses, en xeral, van contra dela por ser unha muller sen pelos na lingua e por exercer a súa liberdade de persoa con opinión.

Titulo este post así porque esa actitude, machista, é continuamente exalzada e exaltada polos medios de comunicación, tamén polos de aquí, contribuíndo así a perpetuar unha imaxe da muller para nada desexable. Xa nin hai que pararse na prensa do corazón, onde a meirande parte das protagonistas saen ensinando a casiña ou presumindo coma floreiros de maridito.

E isto é só a parte suave do asunto. Porque os medios, en especial os xornais, a prensa escrita, leva toda a vida caendo na patética contradición de largar editoriais sobre a dignidade da muller, e publicando artigos de cada vez que se dá un caso de violencia machista, ao tempo que se nutre, con millóns de euros, de anuncios de prostitución, na meirande parte dos casos relacionados con mafias de comercio humano e escravitude sexual.

A día de hoxe, aínda non escoitei a ningún político, tampouco a Bibiana Aído, esixíndolle aos xornais renunciar a este tipo de aldraxe publicitaria.

Daquela, igual vai sendo hora de encetar algunha clase de boicot.

Chuzame! A Facebook A Twitter

CANTO ULTRA NA TDT

26th Abril 2010 by franciscocastro Non hai comentarios

Xa vedes: nos últimos tempos non fago máis que falar da televisión. Para, sobre todo, insistir no timo.

As privadas foron un timo porque o que prometían era a calidade. Ao final, botamos de menos aquela tele única que a pesar de non ter con quen competir era, polo xeral, boa. Hoxe, as teles compiten pero por abaixo, a ver quen é capaz de conseguir a máis grande das desvergonzas catódicas (o malo é que, como xa é norma, as novas xeracións entenden que Belen Esteban é o normal). E hoxe, falamos das TDTs que nos entran por distintas plataformas. Sen dúbida, teredes reparado que por aí entran IntereconomíaVeo 7Popular TV, etc., canles que están todo o día botando pestes contra Zapatero, Garzón, o aborto, os nacionalismos, as linguas autonómicas (como din eles), etc., etc, e nas que meten horas de adoutrinamento persoeiros como o da foto, Pedro J ou Miguel Angel Rodríguez, por só dicir uns cantos.

O certo é que a TDT nos ofrece mellor calidade de imaxe.

Pero, polo que aos contidos se refire, están metendo nas casiñas o peor o peor. E por moitas canles distintas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

SERIES INFANTÍS E VALORES

25th Abril 2010 by franciscocastro 6 Comentarios

Anda estes días por Galicia Víctor López, productor de Pocoyó, do que xa falei hai pouco. E declara en varios medios que «os contidos infantís teñen que ser brancos, que as series non deben adoutrinar». Partindo da base de que tal cousa é imposible, que adoutrinamos dende todas partes e dende todos os produtos culturais, hai que recoñecer que a súa azul criatura é das máis brancas nese senso (aínda que se quixeramos rascar, poderiamos facelo). Cando menos, é mellor que a factoría Disney, que leva tantas décadas transmitindo un estilo de vida casposo, un xeito de mirar o mundo parviño e propoñendo modelos de comportamento, sobre todo ás rapazas, francamente rexeitables. Hoxe a cousa é incluso peor. Probade a pasar unhas horas vendo as series das canles de Disney que entran por R, por exemplo, e alucinaredes a colores.

Persoalmente, non teño empacho en dicir que na miña casa, na que hai neno e nena, levamos toda a vida vendo Los Simpson, Shin Chan e, agora, Padre de Familia, American Dad e outras series de debuxos que escandalizarán aos benpensantes pero que, pola súa irreverencia, pola súa retranca e polo seu contido crítico e lúcido, é preferible ás remilgadas heroínas Disney, Jonas Brothers, Hanna Montana e lixiños polo estilo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

AMOR POLO ESCATOLÓXICO

24th Abril 2010 by franciscocastro Non hai comentarios

Así titulei a miña nova colaboración no dixital de A Nosa Terra.

Podes lelo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O CONTO PROMETIDO

21st Abril 2010 by franciscocastro 16 Comentarios

Como prometín, velaquí o que se me ocorre, integrando algunhas das vosas propostas. Non todas porque a cabeciña non me dá para máis.

Breogán, seica, era o seu nome. Para moitos non era máis que un vagamundo de ollos tristes e húmidos. Ninguén sabía canto tempo levaba dando voltas polas rúas do centro, facendo como que aparcaba coches para financiarse o viño de tetrabrick do Gadis. Ninguén soubo, tampouco, como foi que desapareceu.

El e a súa guitarra.

Breogán, seica, era o seu nome. Como tantos dese mundo estraño que preferimos non coñecer, a elegancia e a hixiene non eran un dos seus puntos fortes. Mais había algo que chamaba a atención: nunca se separaba da súa guitarra. Sempre pendurada dun ombreiro. Aparcando coches con ela pendurada. Durmindo apertado a ela.

A guitarra.

Un día Breogán, seica, desapareceu. El e a guitarra. Ninguén sabe que se botou a camiñar cara o leste como podería telo feito cara o sur. O asunto era camiñar. Andar para esquecer. Andar por andar andando. E deixando que os seus pés gobernasen o seu destino, sen ter para nada claro que quería ter un destino, chegou a unhas montañas altas coma un mundo. Alguén lle dixo, nun bar onde foi convidado a unha estrella, que naquelas montañas vivira un home que escribira que a forza dun amor non pode ser inútil. Breogán, seica, chegara ao Courel. E a frase cravóuselle no esterno coma un caracol de ortigas. Como un poeta podía dicir que a forza dun amor grande non pode ser inútil.

El tivera un amor grande. Coma aquelas montañas do tal Uxío.

Breogán caeu aquela primeira noite de cu sobre a lama do monte. A forza do noso amor non pode ser inútil. A forza do noso amor non pode ser inútil. A forza do noso amor non pode ser inútil. A frase ecoaba e reverberaba e golpeaba as súas neuronas unha e outra vez.

El sabía de amores.

El sabía de desamores.

Pero o que non sabía é que alí enriba esperaba ela.

A mesma que lle rompera o corazón en anacos moi pequenos, tan diminutos que xa nin sequera lle quedaba corazón. A mesma pero con outra face. A mesma pero con outra idade. A mesma pero non era a mesma. Pero era.

Entrou na aldea baleira. Na primeira que atopou. Nin xente nin almas nin vestixios nin. A soidade. Valeríalle calquera daquelas a medio caer para entrar e deitar o seu corpo e esperar pola morte. Sacou a guitarra da funda. Levoulle tempo, aínda afinala. Breogán tocaba. Un raposo de oído fino de raposo reparou na melodía e desexou ter fala para poderlle dicir que era fermosa e que querería cantar con el.

Daquela foi cando sucedeu. Ela entrou pola porta. Levaba un monóculo. Ía en bata de andar por casa. Unha zapatilla posta. No pé esquerdo. No outro, nada.

- Pensei que era a radio – dixo ela – pero vexo que es ti. Volviches, corazón.

Breogán non a coñecía. Nunca vira a aquela tola do monte. Mais o seu sorriso fíxolle entender que xa tiña a quen lle cantar.

- Volvín, si. Dáme o monóculo.

Púxoo. Ela sentou ao seu carón.

- ¿Marcharás de novo?

- Non, corazón, quedo a vivir contigo para sempre.

E comezou a cantar.

Breogán, seica, é o tolo que vive, só, naquelas casoupas de alí enriba. Algúns veciños das aldeas cercanas quixeron falar con el. Nunca deixa que ninguén se lle acerque. El berra que os dous están ben. Que son felices alí. Que nada lles falta.

Todos saben que está só. Que só é un vagamundo de ollos tristes e húmidos. E que lle canta a un fantasma.

Chuzame! A Facebook A Twitter

OS OBRADOIROS DE ESCRITA NA CLASE DE LINGUA E LITERATURA

20th Abril 2010 by franciscocastro 4 Comentarios

Hoxe á mañá estiven nun instituto galego, entre outras cousas, impartindo un Obradoiro de Creación Literaria para alumnos da ESO, dende primeiro a cuarto. No descanso, falaba cunha profesora de galego, unha desas mestras que dá gusto que existan, dinamizadora, entusiasta e traballadora da cultura, que fai moitísimo máis do que a obriga o seu soldo, de que este tipo de actividades deberían -esa é a miña opinión- incorporarse como unha rutina normal nas clases de lingua e literatura, é dicir, que está moi ben aprender correntes e teorías e as vidas e milagres dos escritores e escritoras ao longo da historia, e que saiban das estruturas narrativas, e dos interiores da arquitectura poética dos grandes nomes do seu libro de texto, que si. Pero que eu creo que debería haber algo máis.

Porque eu, que queren que lles diga, estou certo de que se facemos que redacten un poema, se conseguimos que desenvolvan unha pequena historia, se somos quen de lograr que alucinen vendo que son capaces de producir beleza literaria, daquela, é máis que probable que iso que chamamos aprendizaxe literaria se achegue máis ao que debe ser que o que dende sempre, per saecula saeculorum, leva sendo.

(Así que aproveito para lembrarvos, xa que estamos, que vou impartir un Obradoiro de Creación Literaria en Santiago. Información aquí. Ánimo que quedan algunhas prazas para todos aqueles que vos gusta escribir).

Chuzame! A Facebook A Twitter

A BATALLA VERDADEIRA

19th Abril 2010 by franciscocastro 5 Comentarios

Non nos enganemos, a escola é importante para que o galego sega vivo. E nesas estamos e por iso dicimos que non nos gusta o Decreto e por iso poñemos a nosa palabra ao servizo dun ensino en galego en Galicia (non en Bulgaria, que iso si sería raro, pero un ensino en galego si que ten a súa lóxica; é un ensino sen galego en Galicia o que non ten senso).

Sen embargo, non debemos perder de vista que onde verdade hai que incidir é na familia, en especial nas familias que recibiron o galego dun xeito natural e, agora que teñen fillos, a abandonan. Este país é así de raro: nenos e nenas que fomos educados en castelán, pasámonos ao galego e educamos aos nosos cativos e cativas na lingua nosa, con consciencia absoluta, militando, etc (no fondo, unha situación anormal).

Non debemos descoidar esta realidade. A familia é todo sobre isto. Se os pequechos saben comer non é tanto polo que lles digan nos comedores escolares canto polo que lles aprendan na casa; se son lectores non será tanto polo que lles estimulen no ensino – que importa, e moito – senón porque na casa se le e hai libros; se teñen conciencia ecolóxica e reciclan, non será no fundamental polo que lles comenten en Educación para a Cidadanía, senón porque na casa se separa o lixo e se leva ao contedor correspondente.

Insistamos no ensino, claro, pero non esquezamos onde hai de verdade que librar a batalla.

Chuzame! A Facebook A Twitter

AS TELES PRIVADAS, A CALIDADE, E O TIMO QUE NOS METERON

18th Abril 2010 by franciscocastro 3 Comentarios

Andan as teles privadas de celebración, dos 20 anos e non sei que. Vale. Eu lembro que, haberá uns 25, cando se iniciou o debate para que se permitise a existencia das teles privadas, ou, para acabar co monopolio de TVE, o gran argumento que se repetía era sempre o mesmo: coa tele privada chegará a calidade. Argumento que, daquela, cremos sen dubidar, probablemente porque estabamos algo cansos de só ter unha emisora, de saber que polo mundo adiante tiñan moitas, e, sobre todo, porque o traballo de manipulación informativa foi moi forte porque, como se viu, os grandes propietarios das primeiras canles privadas eran, precisamente, grandes grupos xornalísticos xa moi presentes na sociedade daquel tempo.

Pero non quero desviarme.

O argumento era: chegará a calidade. Si. É obvio. A muller esta da foto está todo o día na tele. E quen di Belén di Jorge Javier ou Ana Rosa (esa gran escritora con problemas informáticos) ou a dexeneración de Sardá-Milá (co que estes dous foron, miña madriña). A calidade prometida, mira ti, non chegou. E desta vez si que se pode dicir que estamos moito peor. Porque, ¿sodes quen de imaxinar que hoxe en día unha tele xeneralista se atrevese cun debate ao estilo dun Balbín naquel La Clave, onde tertulianos de altura (non tanta como os irmáns Matamoros ou Paquirrinciño) argumentaban, citaban teorías e, alucina vecina, atendían acougadiños á argumentación dos outros?, ¿alguén imaxina que na programación infantil – toma Hanna Montana, Teletubies en inglés na TVG, etc. – resucitasen a Gloria Fuertes recitando poemas como facía con nós?

Si, desta vez si que podo dicilo: calquera tempo pasado si que si que si que foi mellor.

Chuzame! A Facebook A Twitter