EU SON MAFALDA

Posted by franciscocastro - 29/03/10 at 09:03 p.m.

Algunha vez escribín sobre isto, aínda que nunca o fixen sobre ela, sobre unha nena esencial na miña vida. Porque Mafalda é unha influenza máis forte, na miña vida e na miña literatura, que calquera clásico. Soa a boutade de escritor, pero é verdade.

Cheguei a Mafalda grazas, por unha banda, aos meus pais, que me tiñan que deixar, cando tiña seis ou sete anos, na casa duns meus tíos na noite do venres para o sábado porque a iso das cinco da mañá tiñan que tirar para a carnicería. Daquela, eu, que non sabía durmir se non era cun tebeo nas mans (daquela chamábanse así), fedellei (e ese é o segundo culpable) nos caixóns dun meu primo que, despois de todo, era o dono do cuarto que eu podía ocupar porque el estaba a estudar en Madrid. E alí atopei os libros de Mafalda. E a pesar da advertencia do meu tío, “non vas entender nada”, linos. E algo quedou desa loita contra da inxustiza, a obsesión co pacifismo, os dereitos humanos e a democracia. Mafalda é a inquedanza política e social, o ollo intelixente e filosófico que nunca deberiamos deixar de exercitar.

Adorei esa nena dende que a coñecín, e cando vin ao meu fillo, máis ou menos do meu tempo cando a descubrín, léndoa (daquela fun eu quen lla puxo nas mans), sentinme un chisquiño feliz.

Ademais, como de todos é sabido, Mafalda adora aos Beatles así que, ¿que máis podo pedir?

Eu, dende  logo, quero ser Mafalda e tela presente no que escribo. Se está ou non está eu non cho sei, pero fago esforzos porque viva en cada letra que poño sobre branco.

Os comentarios están pechados.