FAGAMOS UNHA REDE

Posted by franciscocastro - 28/03/10 at 11:03 p.m.

Como todos sabedes, facebook está en galego. E non foi a Xunta nin a propia rede social nin ningunha administración quen puxo os cartiños para facer unha tradución que, como podedes maxinar, tivo que ser supercomplexa. Sen embargo, os propios usuarios, desexando poder empregar esa ferramenta comunicativa no idioma propio, botáronse a responsabilidade detrás e, sen máis, sen agardar subvencións, sen esperar axudas, sen pedirlle permiso a ninguén “de arriba” foron e fixérono.

Ese é o camiño.

Haberá atrancos. Porannos pedras na nosa andaina. Mentirán. Inventarán realidades seica conflitivas. Pero nós, imparables, farémolo. Galeguizaremos esta sociedade. Falando todos os días e en todas as partes, esixindo ser atendidos en galego alí onde imos deixar os euriños, transmitíndolles, a través dun amor grande, aos nosos cativos a lingua propia.

Fagamos unha rede inmensa de amigos  e de amigas arredor da lingua.

E a ver quen nos para.

Os comentarios están pechados.