A POESÍA, A LIBERDADE E OS BLOGS
Posted by franciscocastro - 21/03/10 at 10:03 p.m.[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/o7zBYWz0uH4" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Hoxe os medios de comunicación informaban de que en Siria, segundo a Rede Árabe para os Dereitos Humanos, hai unha rapaza de dezanove anos que leva tres meses detida trala publicación dun poema no seu blogue. A súa familia nada sabe dela nin é informada. A nova, por suposto, era un breve en case que todos os medios. Nin a metade de importante que os goles de Higüaín ou os comentarios sobre a vestimenta dos conselleiros e das conselleiras.
Díxeno dende o comezo: os blogues son unha das mellores cousas que nos pasaron nos últimos tempos. Todas esas voces que, no noso mundo, non atopan acubillo nos xornais, nas teles e nas radios, na blogosfera non só existen senón que, como sabemos, manteñen uns niveis de audiencia, participación e fidelidade que xa quixeran para si os medios tradicionais. No caso galego, a existencia, pulo, vida e vitalidade do blogomillo fai innecesaria calquera clase de argumentación a prol do que estou a manter.
Mais, naqueles sitios onde a liberdade é un espellismo, os blogueiros son perseguidos, represaliados e, o que é máis grave para quen traballa coas palabras e coas ideas, silenciados. Todo isto diante da pasividade internacional que esqueceu que un dos Dereitos do Home e da Muller é o da Liberdade de Opinión, liberdade que inclúe, ademais e sobre todo, a de poder dicir o que non gusta, semella inxusto ou se quere cambiar.
Con todos eses países, como a China, moitos países do petróleo, etcétera, os nosos gobernantes fan negocios, bícanse en público e, en definitiva, óllase para outro lado cando pasan estas cousas. Expliqueino hai tempo, así que non vou redundar. Son os mesmos países, por certo, nos que existe a pena de morte ou unha muller pode ser mallada en público por usar pantalóns, por dicir algo frecuente. Sabemos que pasa. Pero non imos deixar que os nosos negocios vaian para o carallo.
Se non se poden publicar poemas sen consecuencias para a propia a vida, daquela, como di o tópico, que paren o mundo que eu quero baixar.

Marzo 21st, 2010 at 10:54 p.m.
E para que estamos @s máis entón?, se non lles deixan falar seremos nós quen berremos no seu nome… diso nada, a min hoxe non me baixa ninguén! BERRAREI, BERRAREI E BERRAREi ata que dar sen voz… hoxe por exemplo BERRAREI no nome de Nadia Anjuman ou no nome do «clube das poetisas desafiantes»…
http://glorialevi.blogspot.com/2009/07/el-club-de-las-poetisas-desafiantes-por_11.html
Marzo 21st, 2010 at 11:12 p.m.
Únome a ese berro!
Marzo 21st, 2010 at 11:14 p.m.
pois para nos que temos como negocio as verbas e as imaxenes tiñan que ser paises non gratos. apertas meu. Grazas por facerme saber desta noticia. Saúdos e apertas
Marzo 21st, 2010 at 11:21 p.m.
Son as novas que hai que facer ver.
Marzo 22nd, 2010 at 10:16 a.m.
estás a denunciar coas túas palabras, tan cheas de verdade, a hipocresía,a gran mentira do circo infame que goberna o mundo. Grazas por esa voz chea de honestidade e valentía, á que me uno.
Liberdade, palabra aberta. Sempre a voar na memoria dos pobos.Que ninguén che corte as alas!
Marzo 23rd, 2010 at 7:54 p.m.
Levo catro ou ou cinco veces tentando deixar un comentario despois desta noticia, é duro, unha séntese moi pequeniña e invadida por un sentimento de grande noxo. Non se pode ter fé no xénero humano! Ainda que algunha raiola de luz aparece para, polo menos, denunciar o que acontece…
Marzo 24th, 2010 at 12:56 a.m.
a fe no ser humano non debemos perdela nunca.