O GALEGO COMO VIRUS
Posted by franciscocastro - 20/03/10 at 11:03 p.m.Hoxe tiven ocasión de comprobar que a nosa lingua é un virus e, xa que logo, que a mellor opción que nos queda é o contaxio a canta máis poboación, mellor.
Coma case que sempre, todo aconteceu no parque, mentres xogaba coa miña filla.
Ela quería subir na rendeeira. Subina.
Ela declarou a súa independencia:
- ¡Soíña!, ¡soíña!
Que ven sendo que non quere que a empurre. A nena que estaba ao seu carón, balanceándose tamén co seu pai, repetiu:
- Soíña, soíña.
O pai, máis ou menos do meu tempo, díxome:
- Que graciosa. Se contagia de la niña.
Sen dúbida, non se refería ao catarro, senón ao galego. Conste que o dixo de bo rollo, dun xeito totalmente inocente.
Ao rato, a miña nena:
- Baixar, baixar.
Que ven sendo que quere ir a outro sitio.
E a nena do seu carón:
- Baixar, yo baixar.
O pai (a min):
- ¿Ves?
- Vex0, si.
Subiu ao balambán. Como é unha arroutada, facía movementos que podían facer que rematase no chan. Eu, pai prudente, advertina:
- Ten coidado pequena, non vaias caer.
Ao momento, outro neno que tamén andaba por alí, freou en seco e véndome, moi serio, declarou:
- ¡Mira, señor, se los números en gallego: un, dous, tres, catro, cinco, seis, siete (o único que dixo mal), oito, nove y dez!
O serán seguiu. Marchamos a unha librería do centro que ten na sección infantil unha mesa redonda pequena con cadeiras igual de pequenas para que os pequechos fedellen nos libros. A miña cativa sentou cos demais. Un neno da súa idade colleu un conto: El pollo Pepe. A miña pequena, que non sabe ler, moi didáctica ela, colleullo e comezou a «improvisar»:
- O polo ía pola rúa e…
Cando xa marchabamos, despois de abrir e de pechar volumes, o cativo berráballe á súa nai:
- ¡Quero o conto do polo!, ¡quero o conto do polo!
Así que, como vedes, pasamos a tarde infectando nenos e nenas.
Igual ese é o camiño.


Marzo 21st, 2010 at 2:01 a.m.
hahahahhahhaha ti facendo patria. moi ben, moi ben, oxalá siga a se estender nos parques infantís e nas librarías que abren en domingo. parabéns por esta entrada tan divertida, aínda me rirei un anaco máis hhahahhahhaha
Marzo 21st, 2010 at 11:14 a.m.
Se lográsemos contaxiar a máis xente, se a nosa lingua fose realmente un virus imparable, non nos preocuparía nin goberno nin decretos. O malo da nosa sociedade é que temos o que merecemos: a moi poucas persoas lles importa a nosa lingua. Esa é a triste e cruel realidade.
Marzo 21st, 2010 at 12:11 p.m.
A infectar, a infectar!
Marzo 21st, 2010 at 6:25 p.m.
Oxala fose tan sinxelo, pero de certo eche un ledicia cando acontecen estas cousas. Saúdos e apertas. A ver si un día cadramos en algures
Marzo 22nd, 2010 at 5:25 p.m.
Hoxe lin este comentario teu e veume á cabeza a anécdota de onte, así que puxen isto: http://www.blogoteca.com/acuatica07/index.php?cod=81904 na miña xanela. Xa ves, comunicación e inspiración e sempre co sano propósito de contaxiar este idioma noso.
Marzo 25th, 2010 at 3:48 p.m.
É ceto o do virus porque onte na miña casa estaba de visita unha amiga, que non fala galago nin de lonxe, coa súa filla de sete nos amiga do meu neno. Falabamos de patinar no parque e preguntei á nena se os seus patíns era de catro rodas ou en liña. De catro, respondeu. ¡Dijo de catro! comentou a nai leda ¡lo dijo en gallego! engadiu feliz. eu pensei ¡xa que te fai tan feliz iso, poderías falarlle na nosa lingua cada día á nena e contaxiala.
Pero calei porque non son quen de dar leccións na miña casa, pero o proximo día que a mire no parque…
Marzo 25th, 2010 at 8:52 p.m.
O que quere dicir que é moi importante que se lles aprenda o galego cando son cativos. Igual por iso algúns non queren que estea presente no ensino. Un bico dende Bolonia.