FACER POLÍTICA EN BÓLAS (UN POST SERIO E POSTMODERNO)
Posted by franciscocastro - 14/03/10 at 10:03 p.m.Eu díxeno hai un par de días, pero é obvio que estaba de coña.
Pero agora hai quen vai en serio. E non creo que tirase a idea do meu blogue.
A expresentadora da televisión colombiana, María Fernanda Valencia (a das fotos), prometeu que, se saía elixida para a Cámara de Bogotá, posaría espida para a revista Soho, unha especie de Interviú pero máis carnal, de Colombia (o nome da publicación ven de Solo para Hombres… supoño). Non é necesario explicar que na campaña electoral non se fala doutra cousa.
O asunto, lonxe de parecer unha parvada sen importancia, é sen embargo interesante como punto de partida para unha análise máis ou menos seria.
Aló polos anos oitenta do século pasado, filósofs que lin e estudei moito, e que me gustaron e me gustan como Lyotard e Battimo e Lipovetsky e todos aqueles postmodernos diagnosticaron e afirmaron a fin das ideoloxías e o nacemento da postmodernidade. Vale. Pero o que non podiamos imaxinar (ou si, claro que si, esta especie humana é idiota de todo e repetimos e repetimos as mesmas mamelucadas unha e outra vez) é que esa morte dos discursos fosen desembocar en Rosa Díez, a peineta de Aznar, Ana Rosa Quintana escribindo libros e un xeito testicular de exercer o poder que é de todo menos democrático. Aquí digo Berlusconi ou digo Putin da cabalo marcando-bíceps-táboa de chiculate-fusil-en-man.
O asunto, insisto, ten o seu aquel. E ten moito que ver cun futuro que imaxino (eu tamén quero xogar a postmoderno) cheo de Johns Cobras que, a golpe de agarrada de güevos, ou de expresentadoras de televisión ou perruqueiras de barrio, tanto me ten, a golpe de pezón, se convirtan nunha opción válida só por iso. Aí está El Chiquilicuatre. No seu día foi Gil. Antes, Hitler. Todos eles elixidos democraticamente. ¿Alguén dubida que se Belén Esteban iniciase carreira política non tería posibilidades? ¿E por que non había telas? Á xente de cada vez máis mólalle o discurso simpliño, directo, de xente que di o que pensa.
O problema, é que toda esta xente non pensa o que di.
Belén Esteban ou Paquirrín ou a nai que os botou a todos.
As ideoloxías morreron, de acordo. Pero o sistema democrático sigue, cando menos na teoría, vivo. Se de cada vez os candidatos rebaixan máis a altura do seu discurso, levándoo a niveis de Sálvame De Luxe, para ser entendidos, ou de Pressing Catch (os «debates electorais» Rajoy-Zapatero teñen de debate o que eu de modelo capilar), as consecuencias só poden ser a idiocia colectiva ou, peor, o fascismo.


Marzo 14th, 2010 at 11:10 p.m.
Non podo estar máis de acordo contigo Náufrago. Semella que polo de agora lévase a «fricada» para calquera tema social, ou se non qué me dis dos conselleiros disfrazados con globiños no Día da Muller?. Non é unha «fricada» de mal gusto e peor agoiro o conselleiro de CULTURA mudando a toponimia de Sobrado dos Monxes por Desván de los Monjes?… Cando vaia a O Carballiño vaille dicir Roblecito, ou Porrito a O Porriño?
Así as cousas, a verdade é que prefiro os políticos en bolas que vestidos con globiños. Ben isto é un pouco esaxerado, máis polo menos habería natureza, e despoxados da seguranza que lles da a roupa, habería que oir qué tiñan que dicir.
Marzo 14th, 2010 at 11:39 p.m.
Eu non sei se sería capaz…
Marzo 15th, 2010 at 12:08 p.m.
A ESTUPIDEZ con maíusculas é por desgraza a brúxula que guía,ao que parece ser, os nosos destinos, malia que haxa quen se subleve en contra dela. Todo o que está pasar ao noso redor, lémbrame aquela estupenda película, Fanrenheit. Primeiro queimáronse os libros. O que se pretende agora, montada a conxura da pura necedade, é queimar a intelixencia.
Marzo 15th, 2010 at 1:02 p.m.
Mira, a verdade debe ser que hoxe veño asqueada de correxir barbaridades e oir estupideces nas clases, pero o que penso é que esta tropilla da que falas gaña adept@s (máis ben diría «inept@s») porque tal e como vai isto que algúns/unhas se empeñan en chamar «sistema educativo» («destructivo» diría tamén)o único que conseguen entender son esese «discurso simpliños, directos, de xente que di o que pensa»… non len nada, nin son quen de interpretar os enunciados das preguntas ¡máis básicas!…¡como non lles vai gustar Belén Esteban! gústalle esta camarilla porque é o único que son quen de interpretar de feito o luns despois do tema «Cobra» media clase xa se sabía a canción de marras e non tiñana nin idea de que era o autor de «Os arquivos do Trasno»… estamos a xenerar borreg@s! e síntome culpable as veces por pertencer a este colectivo «executor»…pufff hoxe estou moi cabreada…
Marzo 15th, 2010 at 3:00 p.m.
A culpa é da tele !
Habería moitos temas que tratar para entender na profundidade porque chegamos a esta simpleza, mais estou convencida que a culpa de que nos estexamos a convertir nuns borregos e nuns estúpidos tena en grande medida a tele, e en concreto a influenza que ten (desde a tele é accesible a todos) a IMAXE. Estamos na era do rápido (en coñecemento tamén), do bonito (contraposto ao bo), do sexual (que é todo menos reflexión) e en xeral do que a tele nos transmite. E como a democracia ten a bondade de escoitar todo o pobo (e o digo sen ironía), a tele converteuse na maneira de adoctrinar o pobo, e como a maoiría somos simples, engulimos todo sen sequer pensar. O problema é que ademais xa nin nos deixa pensar… por nós mesmos.
Marzo 15th, 2010 at 8:47 p.m.
Totalmente de acordo contigo Elisabeth, de feito a túa reflexión lémbrame a «A sombra cazadora» de Suso de Toro e a esta imxa que estos días como ando coa sintaxe ás voltas me fixo sacarlle ferro o asunto da falta de «todo» que hai…
http://1.bp.blogspot.com/_ISeYg6U0g4c/S55jXf5HsjI/AAAAAAAABik/4zAzgGzpjHI/s1600-h/27201_1369464277959_1272275084_31042699_4136553_n.jpg
Marzo 15th, 2010 at 10:06 p.m.
Moi atinada a imaxe, si señora.