¿CAL É O NOME DE LUGAR MÁIS BONITO QUE COÑECES?

Posted by franciscocastro - 07/03/10 at 10:03 p.m.

Hoxe, en varios medios de comunicación, insertouse unha publicidade para convidarnos a visitar o interior de Portugal. Como imaxe, unha suxestiva foto, entre o sol e a néboa, dun lugar, en Coimbra, que se chama a Fonte dos Amores.

Non me negarán que é un nome ben xeitoso. Sobre todo tendo en conta que, vendo a foto, queda claro que é un lugar antigo. A saber de cando lle virá o nome. É tan evocador, que teño todo o dereito do mundo a imaxinarme calquera cousa. Todas, por certo, ben literarias. E de certo que haberá unha explicación de por que ese lugar se chama así e non doutra maneira. Mais non preciso coñecela para saborealo unha e outra vez: vou á Fonte dos Amores, paseei contigo na Fonte dos Amores, fun procurarte á Fonte dos Amores…

Esta foto fixome pensar que de cando en vez, gusto de facervos preguntas.

A de hoxe é previsible: ¿cal é o nome de lugar máis bonito que coñeces?

A ver se es quen de sorprenderme.

Chuzame! A Facebook A Twitter

19 Responses¿CAL É O NOME DE LUGAR MÁIS BONITO QUE COÑECES? to “”

  1. Gallaecia says:
    Marzo 7th, 2010 at 10:58 p.m.

    A Quinta das Lâgrimas, e a fonte dos amores tras dos xardíns, non sei se é o lugar máis fermoso que coñezo, pero desde logo si que é o lugar que garda a historia de amor máis asombrosa ( pero verdadeira, e quizais tamén triste)que nos deu a nosa historia con Portugal.
    Hai moitos lugares e nomes de lugares fermosísimos na nosa terra, e se os asociamos ás vivencias máis fondas, eu quedaría con aqueles nos que a auga, fonte de vida, ten unha presenza importante.Nestes atopei moita beleza e tamén paz… A Ladeira, a carón de Corrubedo, a fervenza de Ribasieira, a Boca do río en Carnota, o nacemento do Arnoia, a ponte sobre o río Bibei, a praia do Mar de Fóra en Fisterra,as augas do Barbantiño , as Fragas do Eume… e cantos aínda por atopar…e por nos sorprender…

  2. E Carpente says:
    Marzo 7th, 2010 at 11:51 p.m.

    Eu a sitio máis bonito que coñezo está nas Fragas do Eume, onde o rio abre os dous brazos para abrazar a pequena illa en forma de montaña onde está o mosteiro de Caaveiro… é un sitio onde te podes sentir seguro, onde podes sentir a vida entrando pola planta dos pes e ir subindo coa sangue polo corpo, sentir o son da natureza, auga, vento, pazaros… é o máis cercano ao paraíso que coñezo. Ben sabían os frades onde facían a casa!.

  3. SUSI says:
    Marzo 8th, 2010 at 11:56 a.m.

    Coñezo sitios moi fermosos, pero sintome realmente a gusto «Nos pendellos de Agolada» e «Nas fervenzas do Toxa»

  4. falsirego says:
    Marzo 8th, 2010 at 12:12 p.m.

    Fai tempo que non estampo a miña pegada no teu blog, amigo. Pero gustoume moito o requerimento que fas do nome de lugar máis fermoso que coñezo. A verdade é que a toponimia galega é das máis curiosas e fermosas de España. Aínda así, eu non me vou a nomes estrafalarios, quédome coa Quintana dos Vivos en Santiago ou coa sonoridade da Acibecharía, tamén en Santiago. Fora da cidade de pedra, gústame moito como soa Guitiriz.
    Unha aperta forte.

  5. Antón says:
    Marzo 8th, 2010 at 2:22 p.m.

    «Desván de los Monjes», dende logo ;)

  6. Dobo says:
    Marzo 8th, 2010 at 6:28 p.m.

    A pedra dos namorados en Ponteareas. Soname mui bonito o monte Aloia en Tui, o lugar donde nacemos sempre nos sona mui fermoso. Temos moitos.

  7. náufrago says:
    Marzo 8th, 2010 at 9:57 p.m.

    Vai ser difícil quedar con un.

  8. Elisabeth says:
    Marzo 8th, 2010 at 11:25 p.m.

    Se fora unha cidade, diría Edinburgo, mais un lugar que me segue a fascinar é o café da Brasileira en Lisboa.

  9. Cris says:
    Marzo 9th, 2010 at 12:33 a.m.

    Pois gustoume a Fonte da Saúde, na Aldea de Vilar en pleno Courel, onde hai un castro espectacular, nun sitio o que non é doado chegar, polo que non baixan autobuses e no que hai uns soutos milenarios… moi recomendable a visita, o paseo cara o castro é fermoso…

    http://www.flickr.com/photos/38514376@N02/sets/72157618835973924/show/with/3567539355/

  10. náufrago says:
    Marzo 9th, 2010 at 8:08 p.m.

    Dúas moi boas propostas.

  11. Xabier López says:
    Marzo 10th, 2010 at 12:42 p.m.

    Na miña vila (Betanzos) hai unha chea de rúas e lugares con nomes curiosos: Valdoncel, Cruz Verde, Prateiros, Ferradores, d´Ouro… Con todo, a rúa co nome máis curioso (entre o remate da Travesa e o xardín do convento de S. Francisco)é, sen dúbida, a Rúa do Desengano.

  12. náufrago says:
    Marzo 10th, 2010 at 12:51 p.m.

    Curioso. De certo que alguén foi duramente desenganado alí.

  13. amara orzania says:
    Marzo 10th, 2010 at 9:37 p.m.

    É difícil escoller pois tanto Portugal coma Galicia teñen lugares fermosísimos, acompañados de nomes moi poéticos. En Guitiriz, Os sete muíños, é un espazo encantado. En Lira, O mar de Lira, co monte Pindo enfronte,é un deses sitios a onde un quer sempre regresar, para sentir coma da alma, igualiño que as flores abrocha un haiku:
    «Rumor das ondas
    esa voz misteriosa
    que trae o mar.»

  14. Pedro Sanchez Negreira says:
    Marzo 10th, 2010 at 10:01 p.m.

    Yo apuesto por la librería Lello & Irmao en Oporto. El paisaje más bonito que conozco, construido por el hombre.

    Un abrazo.

  15. náufrago says:
    Marzo 10th, 2010 at 11:46 p.m.

    Tamén están moi ben esas dúas propostas.

  16. vermella republicana says:
    Marzo 11th, 2010 at 5:40 p.m.

    Un lugar verdadeiramente fermoso é A praia das Furnas en Xuño. Os solpores mais marabillosos, o mar mais alporizado, a area mais fina, as rochas mais afiadas e os arroaces mais xoguetones xúntanse alí. todo isto coa compaña dunha cervexa fresca e dos amigos… non ten prezo, para todo o demáis xa sabedes que está a Master Card

  17. náufrago says:
    Marzo 11th, 2010 at 5:43 p.m.

    Viva a retranca

  18. An says:
    Marzo 11th, 2010 at 7:57 p.m.

    O lugar mais bonito que coñezo chámase, o cuarto da nena, e para min é o lugar máis fermoso do mundo por que nel esta a miña nena…que se lle vai facer, amor de pai. Saúdos

  19. náufrago says:
    Marzo 11th, 2010 at 9:52 p.m.

    A min tamén me pasa. O mellor amor de todos.