Archive for Marzo, 2010

PANO DE FONDO

31st Marzo 2010 by franciscocastro 8 Comentarios

Fun hoxe coa miña cativa ver a exposición de fotografías, no Centro Cultural Caixanova de Vigo, Pano de fondo, comisariada por eses dous fotógrafos que o son absolutamente todo en Galicia, no que a fotografía se refire, Manuel Sendón e X.L. Suárez Canal. A mostra percorre un periodo da historia de Galicia que vai dende finais do XIX ata 1960, e toma como elemento central os panos de fondo que nos estudos fotográficos se usaba para provocar o efecto de que os retratados estaban na selva, ou nun templo grego, ou nun salón rexio, ou nun despacho, ou nun teatro ou onde fose. No fondo, era unha especie de viaxe virtual, cando  menos para o espectador da época. Moitas delas facíanse nas aldeas, e aquelas fotografías eran as únicas que en toda a vida, moi probablemente, aquelas xentiñas se facían, quen sabe para enviar onde.

A mostra é emocionante polo que ten de vida. Máis que os panos de fondo os meus ollos deitáronse nos de aquelas mulleres maquilladas para ser fotografadas quizais para un amante, naqueles aguerridos futbolistas de balón remendado que posaban coma feras ou gladiadores antes de ser sacrificados diante do público, naquelas velliñas con cara de abraio probablemente pensando que era o que lles ía pasar diante daquel trebello estraño.

Díxeno mil veces: de todas as exposicións, as que máis me fan gozar son as de fotografía. E con moito, todas estas que evocan tempos idos e biografías cheas de amor, desamor, aventura, tristura, beleza, sexo, ilusións e decepcións. Historias da vida pechadas dentro dun marco hai máis de cen anos, nalgúns casos, para que despois chegue eu, postmoderno e dixital, tantísimas eras despois, a imaxinar as súas vidas e, ademais, a contárvolas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

OS ESCRITORES GALEGOS, TODOS NEGROS

30th Marzo 2010 by franciscocastro 4 Comentarios

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Q7SagA-3YfM" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

( E negras, claro ).

Morro de ganas de ver a nova fita de Roman Polanski titulada O escritor. Todos falan marabillas dela e a min, coma sempre, dáme para facer unha interpretación perversa.

A película conta a historia dun escritor que vai recibir unha burrada de miles de euros para escribir – sen asinar – as memorias dun político importante (con toda claridade, Tony Blair). O que se di un negro de toda a vida. Ana Rosa Quintana, esa intelectual, sabe algo sobre o tema.

Ao que vou: un negro é unha figura do mundo literario que escribe pero nunca ten recoñecemento, é dicir, alguén que ten talento e sabe de letras e escribe horas e horas e mete tempo e tempo e dá a luz páxinas inspiradas para nunca, pero nunca nunca, ter o recoñecemento do público porque é como se non existise.

Daquela, xa se entenderá o título deste post: escritores de talento que meten horas e tempo e non teñen recoñecemento. Ergo: escritores galegos en Galicia pero en lingua galega. A sociedade non sabe que existen. Na práctica son invisibles ( o subtítulo da peli é, precisamente, The Ghost Writer). Ignorados por completo.

E ademais, por suposto, non van gañar unha burrada de miles de euros escriban os libros que escriban. A non ser, claro, que se pasen ao castelán e ensaien o estilo, eu que sei, Juan Manuel de Prada, por dicir calquera nome.

Chuzame! A Facebook A Twitter

EU SON MAFALDA

29th Marzo 2010 by franciscocastro 11 Comentarios

Algunha vez escribín sobre isto, aínda que nunca o fixen sobre ela, sobre unha nena esencial na miña vida. Porque Mafalda é unha influenza máis forte, na miña vida e na miña literatura, que calquera clásico. Soa a boutade de escritor, pero é verdade.

Cheguei a Mafalda grazas, por unha banda, aos meus pais, que me tiñan que deixar, cando tiña seis ou sete anos, na casa duns meus tíos na noite do venres para o sábado porque a iso das cinco da mañá tiñan que tirar para a carnicería. Daquela, eu, que non sabía durmir se non era cun tebeo nas mans (daquela chamábanse así), fedellei (e ese é o segundo culpable) nos caixóns dun meu primo que, despois de todo, era o dono do cuarto que eu podía ocupar porque el estaba a estudar en Madrid. E alí atopei os libros de Mafalda. E a pesar da advertencia do meu tío, «non vas entender nada», linos. E algo quedou desa loita contra da inxustiza, a obsesión co pacifismo, os dereitos humanos e a democracia. Mafalda é a inquedanza política e social, o ollo intelixente e filosófico que nunca deberiamos deixar de exercitar.

Adorei esa nena dende que a coñecín, e cando vin ao meu fillo, máis ou menos do meu tempo cando a descubrín, léndoa (daquela fun eu quen lla puxo nas mans), sentinme un chisquiño feliz.

Ademais, como de todos é sabido, Mafalda adora aos Beatles así que, ¿que máis podo pedir?

Eu, dende  logo, quero ser Mafalda e tela presente no que escribo. Se está ou non está eu non cho sei, pero fago esforzos porque viva en cada letra que poño sobre branco.

Chuzame! A Facebook A Twitter

FAGAMOS UNHA REDE

28th Marzo 2010 by franciscocastro 5 Comentarios

Como todos sabedes, facebook está en galego. E non foi a Xunta nin a propia rede social nin ningunha administración quen puxo os cartiños para facer unha tradución que, como podedes maxinar, tivo que ser supercomplexa. Sen embargo, os propios usuarios, desexando poder empregar esa ferramenta comunicativa no idioma propio, botáronse a responsabilidade detrás e, sen máis, sen agardar subvencións, sen esperar axudas, sen pedirlle permiso a ninguén «de arriba» foron e fixérono.

Ese é o camiño.

Haberá atrancos. Porannos pedras na nosa andaina. Mentirán. Inventarán realidades seica conflitivas. Pero nós, imparables, farémolo. Galeguizaremos esta sociedade. Falando todos os días e en todas as partes, esixindo ser atendidos en galego alí onde imos deixar os euriños, transmitíndolles, a través dun amor grande, aos nosos cativos a lingua propia.

Fagamos unha rede inmensa de amigos  e de amigas arredor da lingua.

E a ver quen nos para.

Chuzame! A Facebook A Twitter

HAI FUTURO

27th Marzo 2010 by franciscocastro 16 Comentarios

Hai futuro.

Fun á festa da Reconquista de Vigo. Sempre me gusta moito ir alí. Antes, parei nunha tenda da rúa do Príncipe e deixei que a miña pequecha correse arriba e abaixo entre a xente. Nun determinado instante, parou ao carón dunha nena do seu tempo. Olláronse sen saber que facer, metade cheas de vergonza metade de curiosidade. A mamá da outra cativa e eu sorrímonos tamén cheos de complicidade. Enredaron un rato, unha a correr detrás da outra.

Finalmente, a nai colleuna da man pois tiñan, segundo lle dixo, que marchar:

- Hala, dille bye bye.

E a cativa, axitando a súa manciña, despediuse:

- Bye, bye.

A miña cativa, axitando a súa, tamén:

- Adeus!

Hai futuro.

Chegamos á festa da Reconquista. Xente a esgalla. Párame unha muller do meu tempo. Non o podo crer. É ela. A mesma que leva máis de vinte anos tirada polas rúas do Casco Vello, dacabalo da heroína, onde quedou prendida naqueles oitenta de merda. Non dou creto. Non parece ela. Ou parece ela hai anos. Maquillada. Ben vestida. Guapa. Guapísima. Vai cun home maior que non a solta. Ela déixase coller do seu brazo.

- Hola.

- Ola – dígolle – véxote estupenda.

Estou en verdade estupefacto. Non ten nada que ver coa caricatura de si mesma que leva posta todo o día dende hai tanto tempo, escapando quen sabe de que, ollando ninguén sabe onde. Só os dentes, que lle faltan, fan que lembre á muller que sobrevive media morta dende hai tantos anos.

Preséntame a seu pai, que eu non sabía que existía. Entendo que a posibilidade de curación ten moito que ver con el. Fálame este home:

- Va muy bien – ela ri, orgullosa, algo tímida; sorríolle, orgulloso, teño ganas de berrar de felicidade – pero aún tiene mucho que mejorar.

Non me atrevo a asentir. Pero é como se o fixese. Ela, no medio daquela festa marabillosa, dá a frase definitiva:

- Ya no pago el impuesto revolucionario de la mierda esa.

A mierda esa é a heroína.

Hai futuro.

Festa, gaitas, vigueses e viguesas disfrazados algúns de franceses invasores, outros de olívicos resistentes. Entre as pequerrechas que bailan, unha cativísima, negra coma chamizo, negra coma o azibache máis fermoso. Baila unha muiñeira galega. É galega. É de nós.

Hai futuro.

Tiro para casa. A noite vai entrando. A miña pequena pide colo. De fronte, ven un veciño a quen hai un par de anos deixou a súa moza de toda a vida. Non levantaba cabeza. Pasouno realmente mal.

Collidos polos meiniños, el e unha rapaza nova. Óllanse con ollos de caramelo.

Hai futuro carallo, hai futuro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O ACENTO GALEGO

26th Marzo 2010 by franciscocastro 1 comentario

Así titulei o meu último artigo no dixital de A Nosa Terra.

Podedes lelo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

CRÓNICA DENDE BOLONIA (e 3)

26th Marzo 2010 by franciscocastro 6 Comentarios

E esta será a derradeira. Se todo vai ben, sobre as cinco e media da tarde de mañá venres aterrarei en Vigo. Volvo con dúas maletas de máis que, a ollos dos carabineiri estarán cheas de libros, cedés de ilustradores, material vario e variado; cousas de editor. Probablemente pitarei no detector de metais, como á ida. Pero non será polo que leve enriba (á ida, en París, onde fixen transbordo, tocoume sacar zapatos, chaqueta e cinto; case que quedo en bólas). Se pita será porque as dúas maletas de máis que traio de volta para Galicia veñen cheas de soños, preñadas de fantasía, pletóricas de ideas e fartas de beleza. E todo iso seguro que pita.

Co corpo canso, pasei estas derradeiras horas antes de me deitar, en animada conversa arredor, outra vez, dunha lasagna deliciosa e de dóces magníficos, con dúas excelentes editoras. O que aprendín na súa conversa seino eu. O que gocei falando de libros e de poesía, tamén.

Esta primeira experiencia na Feira do Libro Infantil de Bolonia non puido ser máis satisfactoria. Moitísimo máis do que podo ser capaz de escribirvos aquí a estas horas despois de tres días de tantísimo traballo feliz.

Seguiremos falando dende a casa. Xa estou case que aí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

CRÓNICA DENDE BOLONIA 2

25th Marzo 2010 by franciscocastro 7 Comentarios

Cada día déitome máis tarde aquí, pero é que as conversas son inacabables, as ideas cambian o mundo e, cando  menos arredor dunha boa mesa chea de dóces docísimos italianos e, sobre todo, de limoncello, o mundo cámbiase de todo.

A xornada foi impresionante. Esgotadora pero impresionante. Hoxe puiden intercambiar ideas e imaxinar proxectos con cataláns, mexicanos, vascos, coreanos, hungaros e daneses. Entre outros. Unha semana non chega para asumir todo o que se pode facer nesta feira onde a imaxinación é libro, onde a fantasía vive, en calquera das súas posibles perspectivas, en páxinas a cada cal mellor feita.

Mañá será aínda máis intenso. O venres, tiramos para a terra. Coa cabeciña tola de tanto soñar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

CRÓNICA DENDE BOLONIA

24th Marzo 2010 by franciscocastro 9 Comentarios

Estou en Bolonia, participando da Feira Internacional do Libro Infantil. Escribo esta crónica cando pasa xa da media noite para dicir, en primeiro lugar, que o día foi longo, longuísimo. Comezou ás seis da mañá en Peinador – daquela comezara moito antes na miña casa – e remata agora, despois de cruzar media Europa para chegar a unha festa da literatura, da ilustración e, sobre todo, a unha festa da industria do libro para os pequechos onde se aprende, se comparte, se traballa pero, onde sobre todo, se vive a forza da literatura infantil.

A nosa editorial montou o seu espazo e dende o primeiro instante foi fantástico establecer distintas conversas con ilustradores de todo o mundo, editores doutros continentes e algún que outro escritor e escritora. Na foto estamos a miña compañeira Pilar Sampil e esas dúas marabillas que son Antonio García Teijeiro e Fina Casalderrey, convidados pola Asociación Galega de Editores para representar a nosa literatura infantil e xuvenil na Feira.

Xente a esgalla, libros a cada cal máis lindo, proxectos sorprendentes, ideas que semellan imposibles de materializar e que finalmente son libro. Alguén foi capaz, daquela, é que se pode.

E despois, a charla distendida en calquera dos moitos locais que esta Bolonia chea de soportais (42 quilómetros nin máis nin menos) nos brindou a un mollo de galegos e galegas que quixemos seguir perseguindo a fantasía polo medio da noite, da lasaña e dos spaguetti sapore di mare.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A POESÍA, A LIBERDADE E OS BLOGS

21st Marzo 2010 by franciscocastro 7 Comentarios

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/o7zBYWz0uH4" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Hoxe os medios de comunicación informaban de que en Siria, segundo a Rede Árabe para os Dereitos Humanos, hai unha rapaza de dezanove anos que leva tres meses detida trala publicación dun poema no seu blogue. A súa familia nada sabe dela nin é informada. A nova, por suposto, era un breve en case que todos os medios. Nin a metade de importante que os goles de Higüaín ou os comentarios sobre a vestimenta dos conselleiros e das conselleiras.

Díxeno dende o comezo: os blogues son unha das mellores cousas que nos pasaron nos últimos tempos. Todas esas voces que, no noso mundo, non atopan acubillo nos xornais, nas teles e nas radios, na blogosfera non só existen senón que, como sabemos, manteñen uns niveis de audiencia, participación e fidelidade que xa quixeran para si os medios tradicionais. No caso galego, a existencia, pulo, vida e vitalidade do blogomillo fai innecesaria calquera clase de argumentación a prol do que estou a manter.

Mais, naqueles sitios onde a liberdade é un espellismo, os blogueiros son perseguidos, represaliados e, o que é máis grave para quen traballa coas palabras e coas ideas, silenciados. Todo isto diante da pasividade internacional que esqueceu que un dos Dereitos do Home e da Muller é o da Liberdade de Opinión, liberdade que inclúe, ademais e sobre todo, a de poder dicir o que non gusta, semella inxusto ou se quere cambiar.

Con todos eses países, como a China, moitos países do petróleo, etcétera, os nosos gobernantes fan negocios, bícanse en público e, en definitiva, óllase para outro lado cando pasan estas cousas. Expliqueino hai tempo, así que non vou redundar. Son os mesmos países, por certo, nos que existe a pena de morte ou unha muller pode ser mallada en público por usar pantalóns, por dicir algo frecuente. Sabemos que pasa. Pero non imos deixar que os nosos negocios vaian para o carallo.

Se non se poden publicar poemas sen consecuencias para a propia a vida, daquela, como di o tópico, que paren o mundo que eu quero baixar.

Chuzame! A Facebook A Twitter