ALICIA É A LITERATURA

Posted by franciscocastro - 27/02/10 at 10:02 p.m.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Gyu7zvy8leg" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Déixovos aquí o trailer oficial de Alicia no País das Marabillas de Tim Burton. É importante o engadido do nome do director, porque vendo ese avance, intúese que non vai ter moito que ver coa xenial novela de Lewis Carroll máis que polas personaxes. Máis unha vez (co dano colectivo que fixo ao deformar desa maneira a historia!) volve andar detrás Disney.

Adianto que tanto me ten: devezo por Alicia. E por Burton. Así que irei ao cinema e, estou certo, vai gustarme aínda que non me guste. Que vou facerlle. Contraditorios que somos os fanáticos.

Mais todo isto, no fondo, non é máis ca un pretexto para falar do libro.

Sempre que principio os meus Obradoiros Literarios (incluso o teño escrito nalgún libro), arrinco por aí: a literatura é o País das Marabillas, o lugar onde todo pode ser. A única condición que cómpre teimar en cumprir é deixar voar ceibo o desexo, tentar captar non o que é senón o que nos gustaría que fose. Por exemplo. Porque a literatura comeza no intre exacto no que aceptamos que Alicia cae no buraco e, ao atopar ao coello que corre cun reloxo porque chega tarde (canto máis corre), non se sorprende de que un coello lle fale, senón, mira ti, de que o coello leve un chaleque. Todo comeza aí. Cando aceptamos ese xogo. Cando aprendemos a mirar así. Cando non  nos dá medo ollar desa maneira a realidade. E así o País das Marabillas é Macondo ou Miranda ou a Terra Media ou o corazón dos namorados nos poemas máis fermosos e quentes de amor.

Alicia é a literatura.

Chuzame! A Facebook A Twitter

10 ResponsesALICIA É A LITERATURA to “”

  1. fasedoira says:
    Febreiro 27th, 2010 at 10:32 p.m.

    (G)Alicia :) Máxica :)

  2. An says:
    Febreiro 28th, 2010 at 12:54 a.m.

    Eu coido que se o tempo mo permite…tamén irei a vela…unha magoa non poder ollala en galego, a maxia avía ser total

  3. náufrago says:
    Febreiro 28th, 2010 at 9:46 a.m.

    En efecto, maxia…

  4. amara orzania says:
    Febreiro 28th, 2010 at 2:42 p.m.

    Alicia está a pasear por un xardín…(Fragmento)
    …De súpeto, diante do seu nariz, xurdiron en bandadas ducias e ducias de pequenas aves multicolores. Alicia pensou que as flores exóticas do invernadoiro convertéranse en centos de marabillosos paxaros.E quixo pillalos a todos!
    Abrindo as mans, deixou escapar ao seu cativo paxarosoño, entre mentres tentaba pillar a todos aqueles paxarospétalo que, coma burbullas de iris,perdíanse no aire…
    -Mira que son parva!- Deixeite escapar, meu paxarosoño! AH! se alguén me regalase agora mesmo un cabalo de plumas! Con el, perseguiríate ata a fin do tempo.
    Unha nube branca situouse ao momento baixo os pés de Alicia. Sen pensalo dúas veces, a rapaza saltou sobre a nube, dispoñéndose a voar cara a eternidade, coa intención de acadar un dos seus perdidos paxaros.
    Ao tempo que Alicia galopaba polo azul, a música do vento cantoulle a catro voces:

    Vivirás un soño de nubes de auga
    nunha burbulla de cores máxica
    e nesa burbulla a túa risa ben alta.
    Vemos dúas estrelas e unha media lúa
    no círculo da túa alma.
    -Que ata os teus pensamentos?
    -Unha cinta de prata.
    -Quen os desata?
    -As grandes alas de luz
    da Vía Láctea.

    Eu, aliciana do dereito e do revés, tamén verei a película, inda que non se pareza moito ao libro de Lewis.

  5. náufrago says:
    Febreiro 28th, 2010 at 5:01 p.m.

    Gústame o teu alicianismo.

  6. Beluka says:
    Marzo 1st, 2010 at 12:33 p.m.

    Ata os mundos máxicos precisan de normas reais para crérmolos, ás veces, é unha pena.
    Eu téñolle moitas ganas á película tamén, e Burton non adoita decepcionar, mesmo se, como di, a película non será como o libro.

  7. náufrago says:
    Marzo 1st, 2010 at 12:37 p.m.

    Pois en canto vaiamos vela, comentemos as nosas impresións a ver se pagou a pena.

  8. A canción do náufrago » Arquivo do blogue » GÚSTAME A XENTE QUE APARENTA A IDADE QUE TEN says:
    Agosto 11th, 2010 at 9:32 p.m.

    [...] final, o cine sempre bebe dos clásicos. E se hai pouco foi Alicia, agora é Wilde e o seu O retrato de Dorian Gray, un autor que adoro e do que sempre gustei de [...]

  9. A canción do náufrago » Arquivo do blogue » NO DÍA DO LIBRO INFANTIL, SER ALICIA says:
    Agosto 25th, 2010 at 11:22 p.m.

    [...] os que amamos ler, e estamos nisto dende a infancia, dalgunha maneira, é porque queremos ser Alicia. É porque, nalgún momento, entendimos que o mundo, tal e como o vemos, non abondaba, e que, xa [...]

  10. A canción do náufrago » Arquivo do blogue » ¿E TI QUEN QUERÍAS SER DE PEQUENO? says:
    Setembro 3rd, 2010 at 10:24 a.m.

    [...] Estou a gozar realmente moito coa lectura desta biografía sobre Lennon. Descobrindo -que xa ten mérito para min, que presumo de sabelo case que todo sobre isto- cousas que ignoraba. Sabía, por exemplo, que dende neno era un lector voraz, que lía de todo, que os andeis da casa de Mimi, a tía coa que se criou, estaban ben surtidos de libros e que o xove Johnny devorou uns tras outros ata non deixar ningún. E que o seu favorito sempre foi, e así deixou a pegada que deixou na súa música, Lewis Carrol. [...]